in

Os XXX Premios María Casares xa teñen gañadores

‘Reconversión’, de Ibuprofeno Teatro, foi o espectáculo más galardoado, ao impoñerse en 6 categorías

Imaxe grupal de premiadas e premiados nos Premios María Casares 2026
Imaxe grupal de premiadas e premiados nos Premios María Casares 2026. Foto de LaDiapo.

O Teatro Rosalía Castro da Coruña acolleu onte á noite a gala de entrega dos XXX Premios de Teatro María Casares, na que a obra Reconversión, da compañía Ibuprofeno Teatro, se converteu na gran gañadora da edición ao conseguir un total de seis galardóns.

A peza de Ibuprofeno Teatro, que partía como a gran favorita con 11 candidaturas, rematou impoñéndose en seis delas: Mellor Espectáculo, Mellor Dirección (S. Cortegoso, C. Álvarez-Ossorio e N. Feijoo), Mellor Texto Orixinal (Santiago Cortegoso), Mellor Espazo Sonoro (Alonso Caxade), Mellor Actor Secundario (Fran Lareu) e Mellor Actriz Secundaria (Cristina Collazo).

A serie clopen, do Centro Dramático Galego, fíxose con dous premios: Mellor Actriz Protagonista para Natalia Pajarito e Mellor Dirección de Movemento para Marta Alonso Tejada. Outro espectáculo que tamén levou dous trofeos foi TROMSØ, de Morraoconto, nos apartados de Mellor Espazo Escénico (Rafa Martínez, Miguel Gendre, Lara Pouso e José Faro “Coti”) e Mellor Iluminación (José Faro “Coti”).

O premio ao Mellor Actor Protagonista foi para Fran Lareu polo seu traballo en Un tal Romeo (aRamboia), quen tamén levou dous trofeos para a casa, ao obter o de actor secundario por Reconversión.

Nas categorías dirixidas ao público familiar, Berenguela na gaiola (Galeatro e Xarope Tulú) foi nomeado Mellor Espectáculo Infantil e levou tamén o de Adaptación/Tradución (para Paula Carballeira), mentres que A Biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica, de Tanxarina, gañou como Mellor Espectáculo de Monicreques.

Alta costura, de Elefante Elegante, obtivo o premio no apartado de Mellor Vestiario (para Carolina Díguele), e Ártika Cía levou o galardón á Mellor Maquillaxe pola súa montaxe O libro da selva. O musical.

Listaxe de galardóns

  • IBUPROFENO TEATRO: RECONVERSIÓN (6)
    Mellor espectáculo
    Mellor dirección: Santiago Cortegoso, Carlos Álvarez-Ossorio e Natalia Feijoo
    Mellor texto orixinal: Santiago Cortegoso
    Mellor actor secundario: Fran Lareu
    Mellor actriz secundaria: Cristina Collazo
    Mellor espazo sonoro: Alonso Caxade
  • CENTRO DRAMÁTICO GALEGO: A SERIE CLOPEN (2)
    Mellor actriz protagonista: Natalia Pajarito
    Mellor dirección de movemento: Marta Alonso Tejada
  • MORRAOCONTO: TROMSØ (2)
    Mellor espazo escénico: R. Martínez, M. Gendre, L. Pouso e J. Faro “Coti”
    Mellor iluminación: José Faro “Coti”
  • GALEATRO E XAROPE TULÚ: BERENGUELA NA GAIOLA (2)
    Mellor espectáculo infantil
    Mellor adaptación/tradución: Paula Carballeira
  • ARAMBOIA: UN TAL ROMEO (1)
    Mellor actor protagonista: Fran Lareu
  • TANXARINA: A BIBLIOTECA GALÁCTICA CONTRA A IA FANTÁSTICA (1)
    Mellor espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas
  • ELEFANTE ELEGANTE: ALTA COSTURA (1)
    Mellor vestiario: Carolina Díguele
  • ÁRTIKA CÍA: O LIBRO DA SELVA, O MUSICAL (1)
    Mellor maquillaxe: Ártika Cía

    O acto

    A presidenta da AAAG, Eva Fórneas, abriu a gala tomando a palabra en nome da xunta directiva da asociación para facer balance dos trinta anos de historia dos Premios e botar unha ollada cara ao futuro do teatro galego. Fórneas subliñou o avance das estruturas profesionais do sector, pero aproveitou tamén a súa intervención para abordar varias cuestións sobre a relación entre este e as institucións, para advertir da preocupación central arredor da situación da lingua e para facer un “chamamento á resistencia colectiva fronte ao auxe da ultradereita e dos discursos de odio”.

    A velada arrincou co acordeón de Sabela Dacal e cunha cumbia coa que o elenco do espectáculo da gala —conformado por Arantza Villar, Carlos Mosquera “Mos”, María Barcala e Roberto Leal— entrou dende o patio de butacas. Baixo a dirección de Gloria Rico, a gala tivo como fío condutor a figura e a obra de Manuel Lourenzo, falecido o verán pasado, pero dende unha abordaxe que quixo fuxir da melancolía para converterse nunha celebración de marcada simboloxía, e que combinou o humor e a carga poética.

    Ademais da entrega dos galardóns de cada unha das categorías, fíxose entrega do Premio de Honra Marisa Soto á actriz e activista Luma Gómez e o docente e activista Carlos Callón leu o manifesto que escribira por encargo da AAAG para conmemorar o Día Mundial do Teatro deste ano.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto da entrega nos Premios europeus Gil Vicente

A compañía ferrolá Opaí Teatro é galardoada nos Gil Vicente European Amateur Theatre Awards