
A Isadora Duncan de Jérôme Bel e a pedagoxía radical da danza libre
Despois de ‘Disabled Theater’ e ‘Gala’, Jérôme Bel busca o minimalismo contemplativo no repertorio dancístico da inmensa ‘Isadora Duncan’ (2019). Isadora, precursora; Bel, renovador. Na historia da danza repítese unha e outra vez esta adxectivación por xéneros. Poucos renovadores coma Bel recuperan na actualidade o repertorio desaparecido das grandes coreógrafas.
Isadora foi unha pensadora radical do movemento libre, endexamais quixo que as súas alumnas bailasen copiando, calcando os seus movementos. Contrariamente ó implícito repetido, a súa vocación foi intensamente didáctica e durante vinte anos proxectou unha escola para facer realidade o nacemento da danza do futuro.
Hoxe as danzas de Isadora retornan a través do redescubrimento da figura renovadora de Jérôme Bel e, con abraio, contemplamos a Elisabeth Schwartz, despois de escoitar repetidamente que a danza da Duncan era coma a poesía de Safo: uns fragmentos ruinosos imposibles de recuperar.