in

A Isadora Duncan de Jérôme Bel e a pedagoxía radical da danza libre

Isadora Duncan e as súas alumnas. Museo Galliera. París. Archives Charmet
Isadora Duncan e as súas alumnas. Museo Galliera. París. Archives Charmet

Despois de Disabled Theater e Gala, Jérôme Bel busca o minimalismo contemplativo no repertorio dancístico da inmensa Isadora Duncan (2019). Isadora, precursora; Bel, renovador. Na historia da danza repítese unha e outra vez esta adxectivación por xéneros. Poucos renovadores coma Bel recuperan na actualidade o repertorio desaparecido das grandes coreógrafas como anteriormente sucedeu, por exemplo con Agnes de Mille, mais desgraciadamente a práctica desaparición das creacións das  grandes coreógrafas do século XX, como exemplos temos a Bronislava Nijinska e a Janine Charrat, representa unha forte eiva que manifesta a desigualdade nos repertorios das grandes compañías de danza actuais.

A historia oficial da danza repite sempre unha idea implícita cando expón que o legado de Isadora Duncan desapareceu porque non desexou codificar a súa linguaxe de movemento ao modo de Martha Graham, Doris Humprey ou José Limón. Este apuntamento leva aparellado un prexuízo derivado da natureza conservadora da didáctica dos estudos oficiais nos conservatorios e escolas regulamentadas de danza: no actual currículo vixente é central a adquisición de distintas técnicas de movemento sistematizadas por grandes creadores que, como Merce Cunningham, trasladaron de forma codificada a súa linguaxe para conseguir corpos instrumentais que fosen capaces de bailar de forma sistemática as súas obras coreográficas.

Isadora non monetizou a súa ensinanza, non orientou as súas alumnas para que bailasen nos teatros, non fixo negocio cos seus corpos; sostivo as súas tres escolas cos recitais e con apoios públicos ou privados que, aínda materializados, non se sostiveron no tempo.

Hoxe as danzas de Isadora retornan a través do redescubrimento da figura renovadora de Jérôme Bel e, con abraio, contemplamos a Elisabeth Schwartz, despois de escoitar repetidamente que a danza da Duncan era coma a poesía de Safo: uns fragmentos ruinosos imposibles de recuperar. Hoxe somos quen de recuperar poesías en papiros queimados ou danzas na memoria de discípulas silenciadas, entón segue viva unha zona oculta da arte que acreditamos perdida para sempre. Agora as fontes encárnanse manifestándose, lembrándonos que a pedagoxía da danza do futuro funcionaba moito antes do que sempre afirmaron os académicos conservadores.

Para entender a importancia de recuperar o repertorio da Duncan como está a xirar na escena pandémica con Jérôme  Bel, achegamos uns apuntamentos cronolóxicos sobre o pensamento e a praxe pedagóxica de Isadora.

As Escolas Duncan

Hai exactamente un século, no ano 1921, Isadora Duncan viaxou a Rusia convidada polo camarada Lunacharsky, máximo responsable de educación do goberno revolucionario, para abrir unha escola de danza. Foi o terceiro intento, anteriormente fracasara no mantemento das súas escolas en Alemaña e Francia.

Duncan mantivo os tres centros cos ingresos das súas xiras, implicou a súa familia, adoptou discípulas, acadou apoios que non foron duradeiros, bateu coa contenda mundial e finalmente coa ortodoxia bolxevique; no entanto, durante máis de vinte anos, endexamais cedeu na súa teima de levar adiante un soño utópico: crear unha escola para que mulleres libres bailasen a danza do futuro.

Esta é a cronoloxía das escolas abertas por Isadora Duncan:

1904-1908. Duncan inaugurou a súa primeira escola en 1904 en Grunewald (Berlín). A danza nesta escola apoiouse na ximnasia como técnica para lograr un fin espiritual. Isadora e a súa irmá Elisabeth potenciaban a liberdade creativa do alumnado que procuraba descubrir movementos que lle resultasen naturais. Isadora non traballou a favor da mímese cos seus movementos, polo que non codificou unha técnica ao estilo de Martha Graham.

Duncan entendía a súa escola de danza coma un museo vivo, aberto aos artistas para inspiralos nun modelo ideal de beleza que as alumnas representaban cos seu corpos en movemento.

As Isadorables —Anna, Erika, Irma, Lisa, Margot e Marie-Theresa de apelido Duncan —, foron as fillas adoptivas de Isadora, alumnas desta primeira escola onde comezaron a estudar con ela con menos de 10 anos e, posteriormente, divulgaron os resultados en xiras internacionais por Europa e América. Isadora manifestábase en contra de que as nenas actuasen nos teatros (ela mesma experimentara unha dedicación temperá á escena); mais accedeu finalmente a que as alumnas desen recitais para manter o financiamento das escolas. As alumnas non pagaban pola súa educación, a meirande parte eran orfas ou pertencían a familias con problemas. Vivir, educarse nas escolas Duncan, foi unha oportunidade única para acceder a unha formación artística. Vivían rodeadas de beleza, as estancias nas que estudaban estaban fermosamente decoradas con debuxos, cerámicas e esculturas de figuras fisicamente equilibradas. Isadora pensaba que as nenas debían bailar como nenas, endexamais como adultas con actitudes deformadas. Considerou a educación unicamente correcta cando incluía a danza, arte que provoca un mellor acceso a determinadas experiencias espirituais non accesibles a través da palabra. A través do movemento natural, as alumnas empregaban as calidades e capacidades naturais para modelar un corpo harmónico inspirándose na natureza.

1914. A segunda escola que abriu foi na Maison Bellevue en París, unha magnífica edificación cedida polo seu compañeiro, o magnate Paris Singer. Esta experiencia tivo unha vida fugaz: sete meses ata que Isadora decidiu pechala e transformala nun hospital para feridos nos inicios da I Guerra Mundial.


Publicidade

1921-1924. Duncan declarouse revolucionaria e comunista. Convidada polo camarada Lunacharsky, viaxou a Moscova e apoiou publicamente a revolución rusa. En América, os medios conservadores ridiculizárona e boicotearon as súas xiras. Para Isadora significou a aplicación máis ambiciosa da súa teoría pedagóxica nunha escola moscovita, apoiada directamente polo máximo responsable da política educativa rusa. Neste período dedicouse a explorar a danza como medio educativo co que esculpir o carácter no ritmo, a beleza e a liberdade. Isadora e Irma Duncan traballaron con centos de nenas na nova escola e desexaron traballar con miles de nenas e nenos obreiros para crear un mundo novo. Esta última experiencia pedagóxica tamén fracasou e, con problemas económicos para mantela, unidos ás reticencias das novas autoridades bolcheviques, Duncan abandonou Moscova no ano 1924.

Créditos:

Concepto, Jérôme Bel

Coreografía, Isadora Duncan

Con Elisabeth Schwartz e, alternativamente, Sheila Atala, Chiara Gallerani, e Jérôme Bel

Asesoría artística, Rebecca Lasselin

Producido por R.B. Jérôme Bel

Este espectáculo foi coproducido polo Festival d’Automne à París e presentado en asociación cos Museos de Orsay e de l’Orangerie.

Coprodución: Les Spectacles vivants – Centro Pompidou (París); R.B. Jérôme Bel (París); Tanz im August – HAU Hebbel son Ufer (Berlín); BIT Teatergarasjen (Bergen); La Commune Centre Dramatique Nacional d’Aubervilliers; e Festival d’Automne à París

Co apoio de CND Centro Nacional de la Danse (Pantin), a través do seu programa de residencias; MC93 – Maison de la Cultura de Seine-Saint-Denis (Bobigny); Ménagerie de Verre (París) cando parte de Studiolab, pola dispoñibilidade dos seus espazos de ensaio.

A primeira actuación celebrouse o 16 de agosto de 2019 no Deutsches Teatro (Berlín) como parte do Tanz im August.

Branca Novoneyra

Branca Novoneyra

Branca Novoneyra colaborou con publicacións (Cuadernos Hispanoamericanos, Dorna, Praza Pública, Tempos Novos, Ñaque Teatro, Escaramuza, Animal+, Metrópolis, PingPong e FronteraD) e medios de prensa como Galicia Hoxe, El País e La Voz de Galicia. Mantén unha colaboración mensual no Nós Diario. É autora de dous libros de poesía, Dentro do Labirinto (Espiral Maior, 2009), Cristal Escuro (Libros da Frouma, Follas Novas, 2012), e un terceiro sobre danza contemporánea, Unha introdución á danza contemporánea. A nova danza galega (Caligrama Texto, 2012).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Residencias Cruzadas CDG

O CDG estrea a ‘A peste’, a súa nova produción, con dramaturxia e dirección de Cándido Pazó a partir da novela de Camus

O deus do pop. Diego Anido

Diego Anido estrea ‘O deus do pop’ no Principal de Compostela