in

O estado dos nosos teatros

Composición: cuarto de dimmers dun teatro calquera do sistema teatral galego.
Composición: cuarto de dimmers dun teatro calquera do sistema teatral galego.

Pois si, vou falar deste tema tan incómodo: o estado dos teatros galegos. Un estado que, como sabemos, na maioría dos espazos é mais que mellorábel e iso dificulta e moito o traballo das artistas e das compañías nas funcións e tamén hai que puntualizar que dificulta moitas veces a recepción da pezas.

A rede de teatros e auditorios non garante a calidade dos mesmos e algo que deixa ao sector co cu ao aire… porque onde o denunciamos? Ou, a quen llo transmitimos? Eh? Á Agadic? Ao espazo? Ao programador ou programadora…? Co que custa conseguir un bolo neste país de minifundio mental como para agora criticalo.

Pois neste furancho pódese falar sen cancelas que é o bonito de reunírmonos e ir probando o zume de Dionisos.

Os teatros están sen persoal suficiente o que provoca que o persoal técnico da compañía asuma tarefas que non lle son propias e a maioría das veces comprometen a súa seguridade, como é subir escaleiras ou manexar cadros eléctricos sen saber o estado da instalación. Porque, de verdade, hai cuartos de dimmersque son auténticos zulos de perversión e mala praxe a parte iguais.

Se falamos dos espazos temos que separar as salas, os teatros chamados en capítulos anteriores “alternativos”, que me coloca como boomer de manual.

Pois as salas son as excepcións máis prezadas que temos, porque o trato e o persoal adoitan ser estupendos, agora ben, desde o peche da miña querida Ingrávida fáltame algún dedo da man para contar as que temos en Galiza, e iso, si que é lamentábel e axuda a entender a dificultade á hora de ter funcións.

Despois están as institucións que si teñen persoal, non tantos recursos como deberían, e onde tamén se me queda curta a conta se pretendemos artellar un país en función tamén do seu sistema teatral, como ben dicía Lorca, que funciona como barómetro cultural do mesmo.


Publicidade

Non quero rematar este repaso sen comentar un hábito que me deixa flipada: o de deixar a compañía sen ninguén do espazo alí ou, ás veces, alguén de conserxería que non sabe do funcionamento técnico do espazo e alá bótante a pacer! Cagonacona! Isto non se pode facer porque deixa á artista coa pregunta de: se as condicións non son as mínimas ou as acordadas para facer un bolo, que fago? E vós, que facedes nese caso? O que se fai é asumir ese día de montaxe horrible e despois en petit comité ter que ir aclarando a amizades ou a crítica que non había tales cousas, que o proxector non era tal, que a caixa negra cal, que o de máis alá… En fin, que non debemos permitir estas condicións para desenvolver o noso traballo.

Así que propoño tres cousiñas sinxelas.

A primeira, cando as condicións non sexan as óptimas para a función, antes de comezar, falar co público e explicarlle o que non van poder ver, e así, avergóñase a persoa responsábel e, senón está, xa llelo trasladarán as súas votantes que é o que importa.

A segunda, por favor descentralizade as institucións e facede sucursais pequenas do CDG na nosa Galiza rural, please. E corríxome, facede non, que a rede xa está feita, son os centros culturais que precisan persoal técnico e, ademais, son unhas residencias marabillosas para as compañías. Máis rural love, queridos!

E terceira, de nada!

Non é tan difícil, é cuestión de vontade, seino, e senón aí están as salas, un exemplo heroico de xestión e autoexplotación.

Irene Moreira

Irene Moreira

(Vigo, 1980) Directora de escena e profesora de arte dramática. Actualmente dirixe a compañía teatral Xerpo, e, xunto con Álex Sobrino, fundou a Sala Ingrávida (Porriño), da que foi responsable de programación. Imparte docencia na ESAD de Galicia, traballo que combina co podcast 'Radio Ingrávida' e a experimentación co novo teatro confinado.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Presentación 41ª MITCFC

A MITCFC dá a coñecer as datas e o cartel da súa 41ª edición

Manuela Rey Is In Da House

Manuela Rey is in da house