in , ,

A MITCFC dá a coñecer as datas e o cartel da súa 41ª edición

Celebrarase en Cangas entre o 27 de xuño e o 7 de xullo deste ano

Presentación 41ª MITCFC
Presentación da 41ª MITCFC, no Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas. Foto de Loreto Blanco.

Xa se coñecen as datas da 41ª edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC). Celebrarase entre o 27 de xuño e o 7 de xullo de 2024, tal e como veñen de anunciar dende a Mostra. Serán once días “nos que todos os recunchos, rúas e prazas da vila morracense se encherán do mellor teatro galego, nacional e internacional”. A programación desvelarase dentro dunhas semanas.

Ademais, a Mostra vén de dar tamén a coñecer o cartel desta edición. Como xa é habitual, é obra dun artista da contorna. Neste caso, a autora é Loreto Blanco Salgueiro, natural de Moaña e canguesa de adopción. A artista, profesora na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, ten ás súas costas unha longa traxectoria artística como pintora e tamén traballa con diferentes formatos de vídeo e coa fotografía.

O cartel desta Mostra é unha imaxe cargada de cor e optimismo onde os protagonistas son seres, fantásticos e reais, moi diferentes montados sobre pilas vermellas; persoas, extraterrestres e outros personaxes do mundo da imaxinación “viaxando unidos desde o Cosmos á Terra para ver os espectáculos da Mostra”, segundo explica a propia autora.

Loreto Blanco recoñeceu que, cando a organización lle propuxo facer o cartel desta edición, tivo dúbidas; “porque non son cartelista e non me sentía capaz de facelo”, explicou. Porén, contou que asumiu o reto e que foi unha experiencia moi gratificante para ela: “Gustoume moito encaixalo na miña obra, vencellándoo co meu propio mundo creativo”. De feito, a pila vermella flotando no espazo exterior é unha imaxe onírica da artista que xa empezara a plasmar nunha pintura antes incluso de saber que ía facer o cartel. Por iso, decidiu empregar esta figura creada pola súa propia imaxinación durante un soño porque “o absurdo tamén é parte do teatro”.


Publicidade

O cartel ten de fondo unha imaxe da NASA, a nebulosa de Orión, “unha das máis brillantes que existen”, coa que a autora do cartel quixo crear “unha imaxe de seres vivos diversos nunha unidade”.

Esta non é a primeira vez que Loreto Blanco colabora coa Mostra. En 2021, protagonizou a exposición ‘Cantos somos nun eu?’, dentro do programa de ‘Mulleres en Acción’ desa edición.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Residencias Paraíso 2023 Alejandra Balboa © Fernando Suarez Cabeza

O Colectivo RPM resolve os proxectos seleccionados para as Residencias Paraíso 2024

Composición: cuarto de dimmers dun teatro calquera do sistema teatral galego.

O estado dos nosos teatros