in

Manuela Rey is in da house

Manuela Resurrect

Manuela Rey Is In Da House
'Manuela Rey Is In Da House'. Foto de Rui Carvalho.

“O lyrio desponta e cresce
Á luz da manhã que assoma,
Tudo é viço e tudo aroma
N’aquella graciosa flor.”
Eduardo Augusto Vidal, Cantos do estio. Derradeiro poema recitado por Manuela Rey en público.

Manuela is in da house, está na casa. Alguén podería dicir que volve, logo de tantos anos -séculos, dende o seu pasamento no 1866- á súa terra, á Galicia que a viu nacer na vila de Mondoñedo alá por 1842. Finalmente, logo de tantos anos, a que foi primeira figura do teatro portugués recita, ao fin, na súa terra.

Faino da man do espectáculo do Centro Dramático Galego, que en coprodución co Teatro Nacional Dona María II de Lisboa (aquel no que Manuela Rey acadaría os seus maiores éxitos), o Teatro Nacional São João de Porto e o Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana deciden poñer en valor a vida e figura desta muller -moza, xa que finou con 23 anos- que acadou os seus maiores éxitos nas táboas portuguesas logo duns comezos incertos e pouco documentados, que mesmo aseguran fora ela dada en adopción pola súa familia (unhas fontes falan dos 4, 5 anos, outras dos 10) a un matrimonio que levaba unha compañía de teatro itinerante portuguesa.

E faino por boca de actrices e actores galegas e portuguesas, como non podía haber mellor maneira, encarnándose nunha produción que leva a comuñón do eixo nor-atlántico por bandeira.

Aparece en escena entón unha ficción, a modo de teatro-documento, no que non é tan importante se o que se nos conta é certo ou non, como que recolle a alma da figura na que se inspiran. Na escena, mestúranse intres documentados con fabulacións (como na que a compañía imaxina como debeu ser ese momento do paso das mans paternas ás dos seus pais adoptivos), do mesmo xeito que se mesturan textos orixinais (algún, da man da propia Manuela) con outros xerados poles propies intérpretes.

Esta mestura propicia unha dramaturxia dinámica, en constante cambio e que repasa a vida da actriz co obxectivo de poñela en valor, de rescatala dos fondos da historia, sendo este o sentido verdadeiro do espectáculo: unha homenaxe escénica a unha raíña das táboas.

Afirman os textos que acompañan ao espectáculo Manuela Rey is in da house que “sen memoria non hai historia” e así nola traen ao noso presente, recordando unha figura esquecida cuxos logros non deixan de sorprender, tendo en conta a súa orixe, a súa condición de estranxeira, o feito de ser muller naqueles tempos ou a súa idade.

Como exemplo, baste citar a súa defensa documentada pola suba salarial aes intérpretes compañeires no Dona María II, o seu paso de “inxenua” a “actriz romántica” (recoñecida polo alcume “a mulher lírio”) ou a súa autoría de textos teatrais dos que non queda a penas rexistro pero que a sinalan como unha notábel artista e intelectual da súa época.

Para documentar este traballo, foi preciso emprender un labor arqueolóxico na procura de Manuela, dos poucos documentos que falan da súa orixe ou que rexistran os seus éxitos como figura do teatro luso. Este traballo queda reflectido en escena grazas á presenza de Paula Ballesteros, arqueóloga do INCIPIT / CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) que presta ademais o seu corpo e a súa voz como condutora deste espectáculo, a modo de guía documental.

Unha elección que redunda na proposta de mestura que ofrece esta peza dirixida por Fran Núñez, director do Centro Dramático Galego quen, logo de dirixir a Contenda do río Miño, volve a salientar así a necesidade da coprodución entre os teatros de Galicia e Portugal, un eixo dramático vivo e pouco explotado aínda hoxe.

Se cadra, logo da famosa Contenda -outro traballo de recuperación para o teatro galego-, non exista mellor material para amosar esta irmandade escénica que a figura de Manuela Rey, actriz de orixe galega e fama portuguesa que encarna ela mesma esta mestura.


Publicidade

O espectáculo, como dixemos, é unha homenaxe na que, máis aló da figura na que se inspira, aparecen dous grandes focos de interese: o ritmo impreso á peza e o “bo rollo” que deixa.

Sen dúbida, unha maneira de presentar todo o material -repaso dunha biografía de 23 anos e do seu pouso até hoxe- de xeito que non se converta en algo pesado ou monótono é a través do ritmo endiañado que ten esta proposta, na que o continuo aparecer e desaparecer do elenco fai que non fiquemos un segundo sen estimulo.

Un ritmo que ten que ver non só co ir e vir des intérpretes, senón coa enerxía que premen nas súas aparicións, co seu máxico aparecer e desaparecer, co propio ritmo musical da mestura de idiomas ou números acompañados por canción e baile (a salientar esa entrada de Manuela gardada nun contedor onde en realidade vive a primavera, ou o hip hop que se marca Raquel Crespo, por poñer dous exemplos).

Combátese así, ademais, o feito de que apareza a nostalxia como emoción dominante no espectáculo. Algo que certamente acontece, mais centrado nos intres que ao espectáculo lle interesa que, como espectadores, quedemos con ese sentimento e reflexionemos sobre a importancia da memoria e do esquecemento.

Igualmente, o “bo rollo” que se respira durante toda a función, reflectido na interacción entre es intérpretes: as miradas, os sorrisos, os contactos, os xestos que falan da boa relación na equipa, dun sentimento de ledicia por traballar xuntes que, ben sexa realidade ou ficción (como espectador non me importa xa que deixa a mesma pegada), traspasa da escena ao patio de butacas, ficando con esta sensación de “bo rollo” cando curiosamente estamos atendendo a un panexírico.

O habitual, cando se recupera unha figura esquecida pola historia, ou cando se fala dunha vida truncada pola fatalidade, é que a emoción predominante sexa a tristura. Algo semellante ao que acontece nos funerais, en realidade. Sen embargo, quen decide que teña que ser así? Por que non lembrar con ledicia a marabilla do paso dunha figura así polo noso mundo? Por que non deleitarnos cos seus logros? Por que non facer desta homenaxe unha celebración? E máis aínda, por que non celebrar a súa recuperación?

Manuela Rey ofrece, entón, unha relectura sobre o esquecemento: a ledicia de recuperar a memoria.

Unha ledicia que, persoalmente, para min ten que ver tamén coa recuperación da figura de Mariana Carballal como actriz, logo de varios anos dedicada practicamente en exclusiva á docencia e á súa labor como divulgadora teatral.

Manuela Rey marca así o comezo das celebracións polo 40º aniversario do Centro Dramático Galego quen, a pesar de marchar ao Teatro Principal para esta serie de funcións, ofrecerá a estrea de Os actos e as profecías na súa sede do Salón Teatro de Santiago no mes de abril.

Manuela Rey is in da house, Centro Dramático Galego, Teatro Nacional Dona María II, Teatro Nacional São João, Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana

Dirección e Dramaturxia: Fran Núñez
Elenco: Mariana Carballal, Neto Portela, Nuno J. Loureiro, Rafaela Sá, Raquel Crespo, Teresa Vieira, Xosé Leis Romero
Escenografía e Vestiario: Pedro Azevedo
Deseño de luz: Nuno Meira
Apoio ao movemento: Guilherme Sousa
Apoio á creación: Neto Portela
Música: Xosé Leis Romero
Arqueóloga investigadora do INCIPIT / CSIC: Paula Ballesteros
Textos: Manuela Rey, Paula Ballesteros, Xaquín Núñez Sabarís, Ernesto Marecos, Sousa Bastos, Almeida Garret, Eduardo Augusto Vidal, Mariana Carballal, Neto Portela, Nuno J. Loureiro, Rafaela Sá, Raquel Crespo, Teresa Vieira, Xosé Leis Romero

Teatro Principal, Santiago. 16 de marzo de 2024.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Composición: cuarto de dimmers dun teatro calquera do sistema teatral galego.

O estado dos nosos teatros

Os actos e as profecias CDG

O Salón Teatro acolle a estrea da nova produción do CDG, ‘Os actos e as profecías’