in ,

O Salón Teatro acolle a estrea da nova produción do CDG, ‘Os actos e as profecías’

Desenvolveranse 48 funcións entre hoxe e o 26 de maio

Os actos e as profecias CDG
Foto de presentación da nova produción do CDG, 'Os actos e as profecías'

O Centro Dramático Galego (CDG) estrea hoxe, xoves 11 de abril, Os actos e as profecías, a produción central do seu 40º aniversario. A súa sede, o Salón Teatro, en Santiago de Compostela, acollerá a función inaugural esta tarde, ás 20.00 horas, e despois poderá seguirse vendo ata o 26 de maio, nun total de 48 representacións. Tamara Canosa dirixe esta nova proposta, á que lle dan vida 20 intérpretes, o que constitúe un dos elencos máis numerosos do CDG nestas catro décadas de historia.

Nete traballo materialízase unha das liñas de acción que está a desenvolver o CDG, como é o apoio á dramaturxia galega actual; neste caso a través do traballo de Tamara Canosa e Xacio Baño. Co mundo dos talent shows como punto de partida, Os actos e as profecías lanza ao aire cuestións como o lugar do público na creación, a fama, a competición e as decisións vitais marcadas pola procura do éxito.

Segundo a directora do espectáculo, este tipo de espectáculos televisivos “conteñen moitas fendas vitais con potencialidade para amosar os puntos de fricción entre a vida e os soños”. Para levar esta idea ás táboas, Canosa aposta por un uso diferente do espazo escénico a partir do deseño de José Faro, quen asina tamén a iluminación con Iván Nuñez Casal. Conta, ademais, con Montse Piñeiro e Marta Ferrer Ucelay no vestiario e caracterización, Rut Balbís a cargo do traballo de movemento, Xosé Lois Romero do espazo sonoro e Laura Míguez como axudante de dirección.

As interpretacións corren a cargo de Sergio Abelaira, Marta Alonso Tejada, Mónica Camaño, Miguel Canalejo, Isolda Comesaña, Manuel Cortés, Antón Coucheiro Cou, Iván Davila, Raquel Espada, Xosé Manuel Esperante, Alba Fernández Cotelo, Sara Ferro, Atenea García, Miguel Gendre, Raquel Nogueira Watson, Alba Recondo, Ana Santos Maneiro, Lois Soaxe, Jorge Varandela e Antía Vidal.

Horarios e venda de entradas

As funcións de Os actos e as profecías desenvolveranse de mércores a domingos ás 18.00 horas (mantendo as funcións descontraídas dos mércores, que posibilitan unha atmosfera acolledora para persoas con déficit de atención, espectro autista e deficiencias intelectuais ou sensoriais), cun segundo pase ás 21.00 horas os venres e os sábados.O Salón Teatro aplicará tamén o sistema SINTE para que o público con discapacidade visual e/ou auditiva poida gozar do espectáculo e, ademais, público procedente de medio centenar de concellos das catro provincias galegas fará uso do servizo de autobuses habilitado para asistir ás funcións no Salón Teatro, segundo informou esta semana Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Agadic, na presentación da montaxe.


Publicidade

A venda de entradas electrónica xa está dispoñible e tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada representación.

Como actividade complementaria a esta produción, os días 8,15 e 22 de maio levaranse a cabo as Improversións que, en colaboración con The Momento Impro, achegaranlle ao público unha serie de improvisacións con esta produción como punto de partida.

O Centro Dramático leva traballando máis dun ano neste traballo, que desenvolveu ao abeiro do proxecto europeo Phōnē, do programa Europa Creativa. Baixo o lema Dándolles ás linguas minorizadas unha voz, participan nesta iniciativa distintos departamentos da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades xunto con entidades escénicas doutros sete países: Alemaña, Francia, Irlanda, Italia, Noruega, Países Baixos e Romanía.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Manuela Rey Is In Da House

Manuela Rey is in da house

Operación rescate MITEU

Arranca a 29ª edición da MITEU de Ourense