in

Día Internacional da Danza 2024. Estado da cuestión

'CONXURO' de Daniel Rodríguez Fernández.
'CONXURO' de Daniel Rodríguez Fernández.

Xa choveu desde que, en 1982, o Comité Internacional da Danza do Instituto Internacional do Teatro (ITI), socio da UNESCO, instaurou o 29 de abril como Día Internacional da Danza, escollendo esta data en homenaxe a Jean-Georges Noverre (1727-1810), creador do ballet moderno.

Sen dúbida “o día de” nunca é só unha celebración ou exaltación, senón unha reivindicación e unha posta en valor. E cando isto acontece sobra dicir que é porque hai unha fraxilidade, un desequilibrio ou unha eiva no ámbito ao que se lle dedica “o día de”.

No caso da danza, dentro do amplo e diverso espectro das artes escénicas, os números cantan no que atinxe á programación de pezas desa arte nos auditorios e teatros públicos, en comparación co teatro ou incluso co circo, xéneros estes últimos considerados, quizais, máis populares. A marxinación da danza nas programacións municipais, nos festivais, e nos orzamentos de apoio á produción, distribución e residencia, así como noutros ámbitos, como poden ser a educación, a crítica, a difusión e comunicación, é, na miña opinión, un síntoma e un retrato dos cales a nosa sociedade e a nosa democracia non acaban de saír moi ben paradas.

Dou en pensar que o substrato das relixións, como pode ser a católica no Reino de España, que afondan no binarismo corpo/alma, corpo/mente, emoción/razón, acaba por sementar unha especie de desconfianza e temor nunha arte, como a da danza, que coloca no centro o corpo e os seus impulsos. Podería aducirse que hoxe en día a relixión católica xa non ten o peso que tivo antano, nomeadamente durante a Ditadura e a súa Transición á monarquía católica española actual. Porén, a min paréceme unha inxenuidade non decatarse de que todas esas longas décadas escuras e escurantistas de prohibicións, de recato, de rexeitamento e falta de liberdades, non constitúen un substrato inconsciente, pero operante, na nosa cultura. Véxase, como exemplo, a diglosia e o auto-odio no que atinxe á lingua galega, secularmente prohibida, machucada e desprestixiada, polo menos desde a época dos Reis Católicos e en ostensible desigualdade nos nosos días.

Derivado dese binarismo, condicionante e limitador corpo/mente (igual que o adoitan ser outros binarismos nos que somos modelados desde o berce, por exemplo: masculino/feminino ou home/muller), poderiamos considerar a hexemonía ou importancia que se lle dá ao logos, á lóxica causal e á palabra. Unha arte que non coloca no centro a palabra, como é o caso da danza, aínda que tamén a poida utilizar, pasa a resultar, no noso reducionismo logocéntrico, un problema. Se non hai palabra parece que xa non imos entender o que pasa nunha peza de danza, porque se supón que a palabra explica, ordena e xustifica o que pasa, a vida. Porén, moitas das cousas máis importantes que nos acontecen na vida están desvinculadas da palabra, da lóxica ou de calquera explicación. Neste punto, sempre penso no namoramento ou naqueles momentos máxicos e especiais que se dan na vida e que escapan de calquera explicación.

A esa deriva pode deberse o feito de que moitas programadoras/es de teatros municipais, moitas directoras/es de festivais de artes escénicas lle pidan á danza unha sinopse, un argumento, incluso unha historia e uns temas que xustifiquen, que expliquen a danza.

Xustificar as artes vivas polos temas, non só a danza senón tamén o teatro e todas as mestizaxes imaxinables, a min paréceme lamentable. E parécemo basicamente porque denota unha certa desconfianza na elocuencia e no sentido das propias artes vivas.


Publicidade

A ver se me explico, porque aquí si que é preciso explicarse, que estas letras non son unha coreografía nin un espectáculo. Os temas, asuntos ou ideas, son construcións semánticas, inmateriais, moi xerais e que veñen a ser sempre as mesmas, máis ou menos: o amor, o desamor, a guerra, o traballo, o paro, a emigración, a pobreza, a ecoloxía, o cambio climático, a saúde, a democracia, as desigualdades… Porén, o máis importante e o máis profundo nas artes vivas é a pel, a forma, o movemento, os corpos, as luces, os espazos, o material e sensorial e os seus infinitos xeitos de afectarnos. É nesa concreción onde acontecen as artes vivas, desde unha coherencia poética (de “poiesis”, coherencia no facer, na creación) que procura o sentido da acción. As artes vivas compóñense de accións heteroxéneas e do traballo de composición e procura dun sentido perceptible, desde a creación e a análise da mesma. Isto é, precisamente, o que chamamos dramaturxia.

Pois ben, cando unha peza de teatro, de danza ou de calquera modalidade híbrida funciona, cando nos afecta, nos gusta, nos entretén e incluso nos fascina, nunca é polo tema que poida tratar, senón pola materialidade, calidade, singularidade, execución, sensorialidade das accións escénicas que a constitúen, sexan coreográficas, verbais, lumínicas, obxectuais, etc., ou calquera combinación e mestura delas.

Outra eiva que denota “o día de”, aplicado á marxinación da danza, ten que ver co lugar común, tantas veces ouvido das bocas de quen programa ou xestiona o que podemos ver e o que non: “a danza ten pouco público”, porque a danza non se entende e a xente quere entendelo todo.

Sempre lle explico ao meu alumnado que se quere dedicar ao teatro que unha cousa é o significado e outra é o sentido. Son dúas cousas diferentes, aínda que teñan zonas comúns. Se existen esas dúas palabras: significado / sentido, será porque tamén hai dúas posibilidades diferenciadas. O significado enténdese racionalmente e, por suposto, tamén produce emocións, paixóns, etc. En dramaturxia o significado podería equivaler ao argumento ou historia dun ballet, dunha obra de teatro, á identidade dos personaxes que, ao fin e ao cabo, tamén son unha historia. Porén, o sentido séntese e non ten por que entenderse. O sentido estaría máis asociado a unha dirección cara algures, aínda que ese algures poida ser inefable ou escapar de calquera tema, asunto ou idea definibles. Seguindo este razoamento, todo significado (argumento, historia, personaxe, ser) ten sentido. Non obstante, non todo sentido ten porque ter un significado nin entenderse, pero si se debe sentir e percibir.

Creo que a natureza dinámica e singular de cada corpo e de todo o que trae aos escenarios, tanto na danza como no teatro, está máis ligada ao sentido do que ao significado. Por iso os temas e as historias non son necesarios para facer teatro nin danza, aínda que se poida xogar con eles. Outra cousa é que a nosa educación, e incluso a estrutura do noso cerebro e do noso pensamento, estean sempre outorgando significados a todo o que pasa, buscando explicacións e querendo entender. Porén, isto que é moi necesario e útil nas ciencias puras ou na nosa xestión cotiá, quizais non o sexa tanto no campo das artes e menos aínda no das artes vivas ou artes escénicas. Até me atrevería a dicir que esa actitude, a de querer entendelo todo e que todo teña un significado, un tema, un argumento, é como un virus nocivo, que está na base da discriminación negativa e da marxinación das artes escénicas e, dentro delas, sobre todo, da danza.

Para rematar, dicir que o argumento de que a danza ten pouco público é moi perigoso por moitas razóns. Por un lado, porque se así fose, entón sería unha falta de respecto e de consideración cara a esa suposta minoría de público que quere desfrutar de ver danza. Por outro lado, deixando de lado a falacia da cantidade de público, e isto aínda me preocupa máis, é claro indicio de que quen xestiona e dirixe as programacións de artes escénicas non é consciente de que o público se crea e de que unha das tarefas fundamentais da dirección e xestión artísticas dun teatro ou dun festival consiste, precisamente, na creación de novos públicos. Para iso, entre outras medidas, é importante fomentar actividades de mediación, dinamización e promoción. Pero, claro, isto require unha certa formación, moito traballo e, por suposto, que o contexto do concello ou da institución o permitan. Pero para que isto aconteza primeiro hai que pararse a pensalo, analizalo, buscar referentes e posibles modelos dentro ou fóra da nosa contorna, buscar formación (a formación en todas as profesións debería ser continuada, porque nunca sabemos o suficiente) e, sobre todo, ter curiosidade e ilusión polo que se fai. Ao mellor tamén hai que ter algo de amor polo que se fai, porque o amor move montañas.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Mención Honrosa no Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2019 do Festival de Almada (Portugal, 2020).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Recoñecementos Escena Galega 2023 reducida

A segunda edición dos Recoñecementos Escena Galega das Artes Escénicas destaca seis traxectorias

Mofa & Befa. Producións Teatrais Excéntricas.

Producións Teatrais Excéntricas celebran o seu 20º aniversario en Rianxo