in

Non é unha canción

Teatro ao límite

Non é unha canción
'Non é unha canción', de Souvenir. Foto de Iria Casal Lamata.

Tamén poderiamos comezar esta crítica como Teatro de aproveitamento, no sentido de que a produción coa que se presentan nos escenarios como compañía profesional David Alonso e María de las Llanderas, alias Souvenir, é un sinónimo da precarización que está a vivir o sector das artes escénicas en Galicia.

Comentaban eles mesmes nunha entrevista concedida a Laura Veiga para Nòsdiarioi que tiveron que asumir tarefas fóra da súa especialidade -a interpretación e, en concreto, a xestual- porque o orzamento para a produción de Non é unha canción non era abondo para pagar a profesionais que puidesen asumir ese traballo.

Isto fala dunha precaridade fundamental e endémica no noso sector, que ten que ver co sistema de axudas e subvencións públicas para o sector cultural, e o das artes escénicas en particular, que obriga ás compañías a axustar as súas producións ao límite, tentando aproveitar en todo o posíbel os escasos recursos dos que dispoñen.

Isto é aínda máis notorio para as compañías de nova creación, onde non só hai restricións por cuestión de idade, senón no teito orzamentario para as producións, ficando así a lectura de que, para poder optar a unha axuda pública -e polo tanto absolutamente lexítima- tes que pensar nun produto de ambición limitada.

É así que chegan -cando chegan- aos nosos escenarios proxectos minimalistas, que fan do defecto virtude e que aproveitan canto poden os seus escasos recursos para dar o mellor de si enriba do escenario. Pregúntome se isto, no canto de ser un valor -o aproveitamento dos recursos e a produción de espectáculos máis que decentes con eles- non será tamén participar dese sistema precario, devolvéndolle á administración a resposta de que, efectivamente, eses escasos orzamentos son abondo para o noso sistema teatral. Mais se non, que outra cousa poden facer estas compañías?

Con todo, non me parece xusto que para falar de Non é unha canción fique a sensación de que este é un espectáculo “pobre” ou “precario”. Éo, sen dúbida, como todo o sistema teatral galego é precario e como a industria e as institucións que o sustentan sono tamén -moitas veces máis nas súas miradas e políticas que na cuestión material per se-. Mais se un espectáculo fai virtude desta limitación, ben podería ser este.

Por que? Porque Non é unha canción é unha creación que nace do baleiro creativo, dese espazo que, sen pretendelo, acaba enchéndose de contido. Conta Souvenir que esta produción nace dos encontros entre os intérpretes -directores e dramaturgos tamén da peza- en sesións de adestramento actoral a través de improvisacións de materiais que atopaban no seu cotiá.

Será por iso que Non é unha canción fala da vida mesma, de persoas normais en situacións extraordinarias que David e María nos achegan de xeito non especificamente lóxico ou entendíbel polo razoamento, por veces, mais sempre deixando o pouso de que, intuitivamente, estamos a ver un universo moi especial.

O código do espectáculo, sustentado na creación contemporánea e o rexistro corporal, podería acollerse ao teatro do absurdo con tintas surrealistas. É así que a súa recepción entra antes pola sensación e -como antes diciamos- pola intuición que polo razoamento ou a lóxica causal.


Publicidade

No universo que nos presenta Souvenir o espazo e o tempo non son lóxicos nin causais, polo que o seu efecto sobre os actantes que están sobre o escenario tampouco o pode ser, sucedéndose entón unha serie de escenas, accións ou momentos que no seu conxunto compoñen un universo absolutamente persoal, que fala da concepción que do mundo e da realidade teñen estes artistas e do seu diálogo coa mesma.

Dicir entón que estamos ante unha peza que fala sobre o turismo de masas e o seu efecto sobre o entorno e o individuo sería ficar curtas, e sen embargo sería perfectamente acertado: o escenario cheo de lixo, o lixo que xeran es mesmes intérpretes e que deixan no chan a propósito, a vontade fosilizada nos corpos mortos, a política do selfie como fantasía de felicidade… todo recolle o que o ser humano fai a día de hoxe coa “turistificación” do entorno, co seu uso e mercantilización, algo que non só lle resta identidade aos espazos, senón tamén aos individuos que o habitan e que o visitan.

Será que a nova “clase morta”, da que nos falaba Kantor, é a des turistas?

Sendo unha compañía de nova formación, María de las Llanderas e David Alonso son artistas cun percorrido propio previo. Especializados en Interpretación xestual pola ESAD de Galicia, e con estudos posteriores en artes performativas ou mimo, por exemplo, teñen traballado indistintamente en producións para o Centro Dramático Galego, Non si? Teatro ou a recente Cancións amarelas, flores tristes, de Manekineko.

Máis aló das evidentes destrezas xestuais da compañía, quixera salientar o interese dunha dramaturxia e, especificamente, duns materiais textuais cos que Souvenir se fixo co Premio do V Festival Pezas dun Teatro do Porvir, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e que lles supuxo poder estrear Non é unha canción no Teatro Rosalía de Castro d’A Coruña o pasado 26 de xaneiro.

Entre a estrea e a función pasada no Auditorio do Concello de Vigo, tres meses e medio no que a compañía debería de estar amosando o seu traballo nos diferentes teatros galegos. Algo que aínda non sucedeu, se cadra polos motivos que Alberte Bello denuncia no seu último artigo para a sección de PalcosLGTBIQ+ da Erregueté, Invisibilidades escénicas. Unha mostra máis da precariedade na que vive o sistema teatral galego.

Con todo, non queda máis que desexarlles un venturoso camiño a esta nova compañía que decide arriscar polos regos escénicos menos transitados, pero que deixan a esperanza de que outro porvir é posíbel.

iVeiga, L. (27/Xan/24). Compañía teatral Souvenir: “’Non é unha canción’ xurdiu a partir de encontros de exercicios de creación e improvisacións”. Nósdiario.

Non é unha canción, Souvenir
Dirección, Dramaturxia e Interpretación: David Alonso, María de las Llanderas
Deseño de iluminación e Escenografía: Violeta Martínez
Deseño e Confección de Vestiario: Carmen Triñanes, Daniela Rodas
Espazo sonoro: David Alonso
Asesoría de movemento: Olga Cameselle
Deseño gráfico: María de las Llanderas
Fotografías e Vídeo: Iria Casal
Produción: Sabela Ramos

Unha produción de Souvenir, co apoio da Agadic e a colaboración de ACT Galicia.
Premio V Festival de Pezas dun Teatro do Porvir Galicia + Portugal (2022).

Vigocultura. Auditorio do Concello, Vigo. 13 de abril de 2024.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto Festival Internacional de Títeres de Redondela

O XXV Festival de Títeres de Redondela celebrarase en maio

Portada Ícaras escaparate libraría

Carlos Labraña presenta ‘Ícaras’ en Santiago de Compostela