in , ,

O XXV Festival de Títeres de Redondela celebrarase en maio

A organización avanza algunhas das compañías que actuarán dentro do programa

Foto Festival Internacional de Títeres de Redondela

O Festival Internacional de Títeres de Redondela Memorial Juanjo Amoedo celebrará este ano a súa 25ª edición. Desenvolverase entre o 13 ao 19 de maio e serán 28 as compañías galegas e internacionais que actuarán dentro do programa, procedentes de lugares como Italia, Holanda, Arxentina, Francia ou México (entre outras). Dende a organización do festival quixeron confirmar xa a presenza de compañías como Cíe Lejo, de Holanda; Cía Saltimbanqui, de México; Cía El Espejo Negro, de Andalucía; a compañía La Chana, de Castela-León, gañadora do Premio Max-2024 ao Mellor espectáculo xuvenil; ou Teatre Jaleo, de Francia, que montarán a súa propia barraca na Alameda. Ademais, a programación inclúe un importante número de compañías galegas, como Títeres Alakrán, Tanxarina Títeres, Mircromina Títeres, Teatro Ó Cubo ou Trécola Producións.

En canto a espectáculos itinerantes, avanzaron xa a presenza de Aquiles, da compañía La Fam, de Valencia, “unha marioneta de máis de 5 metros de alto cunha impresionante posta en escena con efectos pirotécnicos”, así como que outro dos pratos fortes de rúa será A Feira dos imposibles, unha instalación interactiva onde se mestura ilusionismo, maxia  e teatro e que está composta por 25 elementos, entre dispositivos de enxeño, caixas misteriosas, calidoscopios, cadros de dobre visión ou espellos surrealistas.

Ruada ‘A brincadeira das mouras’

Un ano máis, Xente Titiriteira proporá tamén unha ruada, un paseo, un percorrido onde grandes e pequenos/as poidan participar de maneira activa. Trátase dunha romaría itinerante onde a xente está convidada a asistir vestida da personaxe fantástica que queira: trasnos, gnomos, mouras, fadas… . Nesta edición, a saída será dende a Fonte do Mouro, e percorrerá o casco vello da vila, coa colaboración de MG producciones, Troula Animación e Barafunda.


Publicidade

Voluntariado

Dende o festival están tamén a lanzar unha convocatoria na procura de voluntariado. As persoas que queiran propoñerse como voluntarias ou informarse, deberán enviar un correo a  [email protected],  incluíndo o seu nome completo, idade (de 16 anos en diante), enderezo, teléfono,  dispoñibilidade, e o motivo polo que quere formar parte do “equipo titiriteiro”.

 Ademais, o Festival está na procura das fotografías “máis titiriteiras”dos seus 25 anos de andaina, coa idea de crear un álbum colectivo da vida do festival. As fotos deberán ter unha relación directa con el e poden ser de calquera edición, e pódense enviar por correo electrónico a: [email protected], enderezo ao que tamén se pode escribir para saber máis arredor da convocatoria.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ANÖA Elvi Balboa

Elvi Balboa estrea ‘ANÖA’ na Coruña

Non é unha canción

Non é unha canción