in ,

Elvi Balboa estrea ‘ANÖA’ na Coruña

Mañá, 19 de abril, no Teatro Rosalía de Castro

ANÖA Elvi Balboa
'ANÖA', de Elvi Balboa. Foto de Ioar Labat.

O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acollerá, mañá, venres 19 de abril, a estrea de ANÖA, o novo espectáculo de Elvi Balboa, compañía galega residente en Barcelona. Será ás 20.30 horas, a través do programa TRC Danza.

Segundo avanza a coreógrafa e creadora galega, “ANÖA contémplase como un ritual que ten a vontade de mostrar a máscara que nos impoñemos, a vulnerabilidade de cinco corpos en movemento que anhelan chegar ao clímax. Un espectáculo de danza pensado como un acto de insistencia e resistencia, unha acumulación de enerxía sensual, movemento e voz para acadar unha liberación catártica”.

Esta viaxe coreográfica, explica, desenvólvese en tres fases: “o corpo premonitorio, o corpo climático e o corpo liberado”. Ao longo da peza, prodúcese “unha catarse física, unha experiencia emocional e sensorial na que cada intérprete transita polos tres corpos e intenta descubrir o seu eu máis íntimo”.

A obra non utiliza soamente o movemento para comunicar a viaxe que formula aos espectadores e espectadoras; tamén recorre á importancia da voz e a un elemento ficticio, as jumping boots (botas para saltos), que actúan como elemento que rompe coa viaxe climática.

As botas evocan a noción da “modernidade líquida” de Zigmun Bauman. “A súa estética lévanos visualmente cara ao tecnolóxico e supoñen unha limitación física  que nos permite investigar o que nos frea e nos bloquea, indagando así na carga psicolóxica e a necesidade de liberación a través da linguaxe do movemento”, explica Balboa. “A  necesidade do movemento traduciuse na procura de estabilidade nun mundo volátil; unha forma de resistencia persoal nun entorno líquido e cambiante”, resume arredor da concepción deste novo traballo.

 

Ficha artística

Dirección: Elvi Balboa

Intérpretes: Marina Capel, Berta Pascual, Joel Pradas, Joan Aguilà e Lucía Bocanegra

Coreografía: Elvi Balboa en colaboración coas intérpretes

Espazo sonoro: Mourae

Iluminación: Andrés Galián

Vestiario: Elvi Balboa

Acompañamento: Raquel Klein


Publicidade

Coprodución: Centro Coreográfico Galego- Xunta de Galicia

Coa colaboración de: Centro Coreográfico Canal, compañía residente

Co apoio de: Nau Ivanow, Sala Apolo Barcelona, Auditori de San Martí, Estruch Fábrica de creación de les arts en Viu, Eva gris Dansa e Trackdance

Distribución AMARELO

Duración  60 min

 

 A compañía

A proposta artística de Elvi Balboa céntrase “en vehicular a mensaxe da súa propia experiencia a través do corpo e a de todos os corpos que desexan ser vistos como individuos, recoñecerse e ser recoñecidos máis aló da comunidade á que pertencen”. É pois, a través da linguaxe da danza, onde atopa a estratexia para dar forma á necesidade de compartir, comprender e cuestionar o mundo no que habita.

“O corpo dótanos dun sentido de pertenza, inclusión e migración. O corpo é algo que non escollemos e cuxo potencial comunicativo permite, a través do proceso creativo, cuestionar e cuestionarme quen son”, explica.

 Elvi Balboa comezou a súa formación en danza no conservatorio profesional de Granada aos 28 anos. Como intérprete, participou no Proxecto Euro-Mediterráneo Shapers, da compañía francesa Ex-Nihilo, coa que xirou por 7 países.

AM I WHAT?, o seu primeiro proxecto como directora, participou no Certame Internacional de Burgos-New York e foi seleccionada para o Certame Coreográfico de Sabadell, o festival Mais Imaginarius, o Festival de Artes Vivas de Valencia e durante o 2020 e 2021 xirou en festivais como as festas da Mercè en Barcelona, Natal a plaza Cataluña e o Festival C en Santiago de Compostela. Foi nomeado tamén na categoría de mellor espectáculo de rúa nos Premios Pad da Asociación Andaluza de Profesionais da Danza e formou parte da Red a Cielo Abierto, onde puido mostrar o seu traballo en festivais comoTrayectos (Zaragoza), Fam (Tenerife), Sismograf (Olot), Figueres es Mou (Figueres), Palmadansa (Mallorca), Tac (Valladolid),  sumando así unhas 25 representacións en toda España.

No ano 2023, xa graduada polo Institut del Teatre en Coreografía, desenvolveu o proxecto KNIFELIKE xunto con Ignacio Jiménez, seleccionado nas Residencias Paraíso, e tamén NASENDA, un dúo de danza para espazos singulares que foi premiado no Certamen Coreografico de Tetuán ese mesmo ano.

O seu proxecto máis recente, ANÖA, a peza de larga duración para sala que estrea mañá no Teatro Rosalía de Castro da Corña, foi coproducido polo Centro Coreográfico Galego, e con el foi compañía residente do Centro Coreográfico Canal.

ANÖA Elvi Balboa 2 red
‘ANÖA’, de Elvi Balboa. Foto de Ioar Labat.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Auto do Castromil', de Producións Teatrais Excéntricas. Imaxe: Rosiña Rojo para a MIT de Ribadavia.

O 4º Certame Manuel María de Proxectos Teatrais acepta propostas

Foto Festival Internacional de Títeres de Redondela

O XXV Festival de Títeres de Redondela celebrarase en maio