A erregueté | Revista Galega de Teatro sempre estivo moi atenta e sentiu curiosidade, desde a súa fundación, polo que acontecía no teatro portugués. Mostra deste interese son as moitas páxinas da revista dedicadas ás compañías do país veciño, aos seus festivais, as entrevistas feitas aos seus profesionais -ver como exemplo a ultima con Fernando Jorge Lopes– e, por suposto, á súa dramaturxia: Imundaçao, de Marta Freitas (nº 73); Morte súbita, de Ricardo Cabaça (nº 78); ou D´Abalada, de Jorge Palinhos (nº 90).
O FTMC, como imos presentando en cada un destes boletíns, acolle abundantes textos dramáticos e revistas en lingua portuguesa. Setepalcos, a revista que hoxe presentamos, dá conta da actualidade teatral nas Comunidades de Países de Língua Portuguesa como son Brasil, Moçambique, Angola, Cabo Verde, Guiné-Bissau, S. Tomé e Príncipe e, claro, Portugal.
Este número 4, especial dedicado ao Teatro Galego, vén sendo como unha carta de presentación da nosa escena para toda esa gran comunidade lusófona. Como escribe António Augusto Barros, o director da revista: “a reaproximaçao cultural será sempre para galegos e portugueses,independentemente das conjunturas políticas,um imperativo histórico e identitario e um impluso natural que devemos acelerar em todos os sentido culturais”.
Inma López Silva e Dolores Vilavedra foron quen coordinaron o número no que participaron 27 actores, actrices, directoras , investigadoras e compañías galegas. O Sumario da Abertura -artigo de presentación asinado por Augusto Barros- inclúe, ademais, os apartados Historia e actualidade do teatro galego, onde se recollen, entre outros, temas sobre o sistema teatral galego, o CDG, a nova dramaturxia, o teatro amador ou os contadores de historias.
Engádese na revista o apartado de Poética –onde as compañías Áncora Produccións, Teatro do Atlántico, Chévere, Librescena, Matarile, Teatro do Morcego, Teatro do Noroeste e Sarabela Teatro escriben sobre o seu proxecto artístico- e un apartado final dedicado a Diccionario do teatro galego e Apêndice onomástico.