Hai tamén dous posibles textos para representar, preferentemente por alumnas e alumnos de Primaria: La posada de Mantua, inspirada nos personaxes da Commedia dell’Arte, e Jimena en el asedio del castillo.
Na primeira obra todo acontece nunha pousada de Mantua na que hai un ir e vir de moitos clientes e viaxeiros. Nesta pensión é onde se atopan todos os personaxes da comedia. Florindo, mozo veneciano vai perseguindo por toda Italia á fermosa Rosaura da que está moi enamorado. Os pais dos dous, Balanzón e Pantalón, opóñense ao seu matrimonio até que despois de varias marfalladas e enredos dan o seu consentimento para a voda.
Personaxes: Pantalón, Rosaura, Doutor Balanzón, Florindo, Briguela, Dianora, Arlequín, Trápola e Guardas.
Jimena en el asedio del castillo é un guión teatral adaptado do libro que leva o mesmo título da autoría de F. Testa e C. Lastrego editado tamén pola editorial Everest. Comparar o relato do libro e o texto teatral pode resultar interesante para comprobar como foron elaborados os diálogos en lugar das descricións e como a trama foi simplificada para mellor levala á escena. Velaquí como ademais de ser unha proposta concreta para representar é tamén un exemplo de como transformar un relato infantil nun guión teatral.
Trátase da historia de Jimena e os seus amigos o canciño Chicho, o cabaleiro Federico Corazón e a súa dona Alegría loitando contra os soldados do malvado barón Gualterio que invadíu e saqueou as terras dos campesiños. A intervención do dragón Tomasón permitirá facer prisioneiros ao barón e aos seus soldados…
É unha obra con numerosos personaxes: Jimena, Chicho, Tomasón, Crispín, Federico Corazón, Alegría, Aldeanos, Gualterio, Verdugo e Soldados.
Unha última observación: para ambas as dúas obras recóllense no libro notas moi prácticas para levar adiante a súa posta en escena.