in

La exiliada, la negra, la puta, el caracol y la mística

la |

Liberdade para que?

| Manuel Xestoso |

la exiliada

 

Liberdade é unha palabra da que ultimamente se abusa moito: sería sumamente interesante facer un estudo sobre a cantidade de veces que a invocan aqueles cuxos actos se caracterizan, precisamente, por tentar esmagar os dereitos cívicos que aínda permanecen vixentes. A liberdade é un mito fundacional da democracia burguesa, pero confúndese aquela muller da iconografía de Delacroix coa única descendente súa que semella ter prosperado: a liberdade de mercado.

Teatro de lo Inestable non ataca o tema por este lado, mais os seus argumentos pasan rozando permanentemente. As súas personaxes están atrapadas na fenda que separa o desexo da realidade. Unhas, asomadas á prosa do cotián, queren exiliarse dun país que teima en incrustarlles o Ñ na gorxa ou fuxir a un paraíso tropical cun amante negro deportado ilegalmente. Outras, máis proclives á lírica, queren voar (malia ser caracois) ou atopar na profesión de actriz porno a saída ao labirinto do xénero e a orientación sexual. Hai unha, a mística, que insiste en “sentir o centro”, unha máxima extremadamente útil para a danza pero bastante ineficaz na resolución de conflitos cívicos.

A través das súas historias, a montaxe trata de pegarse a uns tempos de confusión, pero a súa achega non deixa de ser confusa e mesmo contribúe ao desconcerto do espectador. La exiliada, la negra, la puta, el caracol y la mística por veces, funciona coma unha colección de aforismos: todos son interesantes tomados individualmente, pero o conxunto non acaba de cobrar un sentido unitario. Talvez esa é a intención, aínda que tamén é verosímil a hipótese de que existe unha certa indefinición na idea de liberdade que se manexa.

“A liberdade é o cárcere máis grande de todos os cárceres” é a máxima a cuxa luz se desenvolve o espectáculo. Marx aspiraba a cambiar a sociedade e Rimbaud, a cambiar a vida. Teatro de lo Inestable suxire que non son revolucións diferentes, senón a mesma. Mais poñer a cuestión da liberdade como peza clave do proceso de cambio podería ser caer no fetichismo. Evócase o problema da liberdade, ou da súa carencia, pero en ningún momento se alude abertamente a inoperancia actual do mito, algo que se deriva das situacións presentadas na escena.


Publicidade

A dramaturxia, por outra banda, actúa dende unha linguaxe que tendemos a etiquetar como “contemporánea” aínda que algúns dos recursos manexados, que eran vangarda non hai moito tempo, amosan unha alarmante tendencia ao envellecemento e a repetición. Non encaixa demasiado co propósito de buscar vieiros novos polos que moverse.

En todo caso, os textos son interesantes, ás veces poéticos e ás veces intensos; en moitas ocasións divertidos. E as actrices enfróntase aos seus papeis cunha frescura e un entusiasmo que si transmiten unha alegría certamente esperanzadora e que permiten seguir a función con agrado. Neste sentido, non me parece unha cuestión menor que se amose que un punto de vista feminino permite unha maior solidariedade entre discursos moi distantes. É por ese lado, quizais, por onde mellor se sinala o camiño que lles permitiría aos seus personaxes atopar unha saída ao seu drama. Aínda que a confusión permaneza.

 

La exiliada, la negra, la puta, el caracol y la mística (Periferias)
Compañía: Teatro de lo Inestable
Dramaturxia e dirección: Maribel Bayona
Elenco: Maria José Guisado, Alejandra Mandli, Elma Sambeat, Merce Tienda, Maribel
Bayona
Texto: Anna Albaladejo, Maria José Guisado, Pedro Lozano, Patrícia Pardo e Maribel
Bayona
Dirección e creación coreográfica: Santi de la Fuente
Dirección e creación musical: Elma Sambeat
Espazo escénico: Los Reyes del Mambo
Iluminación: Diego Sánchez
Fotografía: El vincle

Teatro Ensalle, Vigo. 25 de xaneiro de 2015.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

665900 383382878416303 1611349405 o |

Romeo

conversacionesconmama |

Conversaciones con mamá