in

Conversaciones con mamá

conversacionesconmama |

Mamá sabe

| Afonso Becerra de Becerreá |

conversacionesconmama

 

O teatro como cámara fotográfica, ou como laboratorio fotográfico, para revelar as contradicións dunha clase media vinda a menos. Unha clase media hipotecada e construída sobre as aparencias, cuxo benestar ficticio equivale á posesión dunha serie de “bens de consumo”.

O fillo (Juan Echanove), de máis de cincuenta anos, perdeu o traballo e non pode facer fronte á hipoteca do chalé, ao pago do colexio privado ao que envía aos seus fillos, ao coche… en resumo: non pode seguir mantendo o tren de vida que leva, así que acode á súa nai (María Galiana), de máis de oitenta anos, para pedirlle que venda a casiña humilde na que vive para axudarlle a facer fronte ás débedas.

Na conversa entre o fillo e a nai van aflorando as contradicións deste último ante unha muller vitalista e honesta, que posúe a sinxeleza e a sabedoría de quen viviu sen ostentacións pero sen renunciar aos soños.

A segunda parte da peza, adaptación de Jordi Galcerán sobre un texto de Santiago Carlos Oves, administra as pequenas sorpresas, que se van engadindo ao desenvolvemento da historia, cun xogo de ambigüidade respecto a unha cerimonia que, nun principio, parece de voda da nai, que botou un noivo e, despois, vai resultar de sepelio.

Deste xeito a conversa, aínda que segue na clave do drama burgués realista, pasa a representar o diálogo entre o fillo e a nai xa defunta no día do seu enterro, mentres esperan o comezo da cerimonia e a chegada do resto da familia.

Conversaciones con mamá vén sendo teatro de toda a vida, como quen di, pero ben feito. A forma convencional da escenificación é conservadora. Un teatro realista ilusionista (crea ilusión de realidade) que pon a historia que representa ao servizo duns contidos ideolóxicos contestatarios respecto ao estilo de vida asentado no consumo e nos créditos bancarios.


Publicidade

Vellas formas teatrais para retratar e contestar os usos e costumes actuais que nos atenazan. Trátase, no entanto, dun espectáculo no que sobrancea unha interpretación actoral asisada que busca a mestura de comicidade e tenrura necesarias para conquistar os ánimos da recepción.

Un drama con pinceladas humorísticas que teatraliza os estilos cinematográficos ou de ficción televisiva. Unha escenificación que traslada aos ritmos do palco a planificación e os tempos do cine.

Velaí un dos praceres que suscita, ademais da brillante interpretación de Juan Echanove e María Galiana, vinculado ao recoñecemento desa linguaxe na que a tele e o cine xa levan moito tempo educando os nosos hábitos de recepción.

O teatro García Barbón de Afundación en Vigo cheo ata a bandeira e o público aplaudindo en pé ao final.

 

Conversaciones con mamá
Autor: Santiago Carlos Oves
Adaptación teatral: Jordi Galcerán
Dirección: Juan Echanove
Elenco
: María Galiana e Juan Echanove
Produción: Jesús Cimarro. Pentación espectáculos, La llave maestra e Focus
Iluminación: Juan Gómez Cornejo
Escenografía e vestiario: Ana Garay

Teatro García Barbón de Vigo. Afundación. 30 de xaneiro de 2015

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Mención Honrosa no Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2019 do Festival de Almada (Portugal, 2020).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

la exiliada |

La exiliada, la negra, la puta, el caracol y la mística

kassa |

Kassa