in

Sax tenor

sax tenor c2a9filipe ferreira |

Reivindicación de clase

| Camilo Franco |
| Foto: Filipe Ferreira |

 
E aquí estamos outra vez enfrontados a Roberto Vidal Bolaño sen que el cambiase nin a circunstancia mellorase. Como se el tivese chegado a ese limbo particular formado por algúns textos escolares, os escenarios sen patios de butacas e as baldas de libros galegos nos centros comerciais. Pasa con Vidal Bolaño que aínda que poida conseguir algunhas cousas insólitas acaban pasando por comúns, como se o que é natural para el fose natural para o mundo.

É insólito que un dramaturgo galego acabe estreado por un teatro nacional. Por calquera. A primeira vez que Roberto Vidal Bolaño é estreado por un teatro nacional cadra que é portugués e aínda con distancia irónica é fácil entender que esta era a opcíon menos difícil de entre todas as posibles. É o consecuencia de vivir no limbo. Ese mesmo limbo que fará que unha experiencia iniciática acabe por convertirse nun caso único.

A versión que o Teatro Nacional Dona Maria II montou sobre o Saxo Tenor de Roberto Vidal Bolaño non quere ser insólita. Quere ser común no mellor dos sentidos, quere deixar como naturais algunhas circunstancias que non o son. A pesar dese actuar como se todo fose así sempre, a montaxe non consegue frear esa sensación de que Roberto Vidal Bolaño no Dona Maria II non deixa de ser unha rareza insólita.

A versión de José Martins é moi respectuosa co texto, cos personaxes, coa literalidade da historia. Moito máis do que o propio Vidal Bolaño tería sido. Observa os movementos e o carácter dos personaxes desde o propio texto e fainos comportarse cunha certa resistencia ao realismo. A desgraza bolañesa, que pretendía ser á traxedia o que a clase obreira é á fidalguía, está aquí con algúns matices, evitando algunhas violencias, suavizando algo as maneiras, estilizándose para ser máis asumible. É máis teatral, pero non máis sinceira.

A montaxe conta ben a historia, vai ao asunto e non se entretén. Apunta algúns miramentos simbólicos, pero a peza mellora canto máis cerca da historia vai o relato. En certo sentido, a versión desbota deixarse ir por completo nese remontar a historia que Vidal Bolaño propuña como a descuberta dun segredo a voces, como a intromisión violenta das clases con posibles nas outras, de mundos condenados a pagar con sangue a súa incapacidade para entenderse. Vidal Bolaño odiaba os finais con mensaxe, pero non odiaba as mensaxes.


Publicidade

Niso que nos 70 denominábase transfondo é no que a montaxe anda máis feble. Algo da circunstancia suburbana, derrotada dos personaxes de RVB non chegou á superficie da obra da compañía nacional portuguesa. As dificultades de clase ou non explicar que ese lumpen ao que se refire Bolaño son os restos resistentes dunha clase obreira que fuxira a toda velocidade de identificarse con esa denominación. Non é tanto unha reivindicación de clase, nin unha mitificación do malotismo. É a certificación da derrota dos malos benintencianados en favor dos bos malintencionados. Tampouco era unha catalogación dunha época. Vidal Bolaño colocou aos seus personaxes noutro espazo, pero non noutro tempo.

Nese camiño tamén se perdeu algo, unha boa parte, dese sentido do humor que non tiña vocación humorística. Ese sentido do humor que era máis ben a sentenza das cousas, a demostración de que a violencia pode utilizarse contra un mesmo tanto como contra os outros, democraticamente.
 
Sax tenor de Roberto Vidal Bolaño

Dirección: José Martins
Elenco: João Grosso, Hugo Franco, Jorge Albuquerque, Maria Amélia Matta, Maria Jorge, Rita Figueiredo, Lita Pedreira, Bernardo Chatillon, Luís Geraldo, Lúcia Maria, Paula Mora, José Neves, Manuel Coelho e Maria Ana Filipe
Escenografía e vestiario: Rui Francisco
Deseño de iluminación: José Carlos Nascimento
Realización vídeo: Ricardo Inácio, Manuel Pureza, João Gomes e José Martins
Produción: Teatro Nacional Dona Maria II

Teatro Nacional Dona Maria II, Lisboa. 7 de maio de 2015

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

sax tenor 1 e1431255077410 |

Sax tenor

feminasapiens |

Fémina Sapiens