in

Historia de amor

historiadeamor |

Esa historia do amor

| Roi Vidal Ponte |

 

Historiadeamor

 

Desde a invención da luz eléctrica a tecnoloxía formou parte dese todo que é o teatro. Desde a invención da roda. Teatrocinema bota man de elementos propios da tecnoloxía cinematográfica e o resultado é un espectáculo absorbente onde os efectos especiais (movementos de cámara sincronizados cos movementos actorais, xogos de perspectivas e ilusións ópticas a brincaren coas proporcións humanas, etc.) aproximan a recepción do evento á experiencia proporcionada por unha atracción de feira. A tecnoloxización teatral contrasta cunha historia visceral e asemade cerebral. Eis o interese dunha peza que engana desde o título.

Máis que a violencia de xénero, a historia de acoso e submisión que narra a obra semella dar unha visión provocadora do concepto de amor como realidade enfermiza e violenta de seu. Polo menos desa idea do amor da masculinidade tóxica que idealiza o seu escuro obxecto do desexo até límites neuróticos e que anceia pillar a súa vítima soa entre os piñeiros.

Dous aspectos certamente arriscados da concepción da peza funcionan como dinamitadores contra unha recepción relaxada e cómplice.

En primeiro lugar, a presenza estética de banda deseñada que baña todos os cadros é tan brutal que a narratividade é puramente gráfica, e contaxia a maneira de os intérpretes se moveren. O argumento, repetitivo e engaiolante, non dá acougo; mantense nunha primeira persoa do pretérito que nos introduce até o fondo na cabeza do protagonista. Seguramente sexa ese o maior acerto de relacionar de forma tan compacta a actuación teatral coa linguaxe da BD: conseguir meternos de tal forma no sufrimento do narrador-verdugo que podemos chegar a entender a natureza patriarcal e enfermiza da súa obsesión.

O segundo aspecto provocativo é o silencio da vítima que, acosada e violada en repetidas ocasións, acaba por ceder ao acoso e ofrecerse ao home que non lle deixa vivir. Forcexan, loitan, porfían, pelexan; hai policía, denuncias, cárcere, reincidencias. E unha serie de sutís emocións humanas e de reaccións fisiolóxicas imposibles de evitar. En ningún caso, deberiamos culpar a unha muller que é sempre vítima. Estariamos a contribuír á súa estigmatización e mesmo a xustificar a acción machista cos seus propios argumentos: ela non ofreceu resistencia, e ademais, tiña as mamilas duras. Fica patente a intención de dramaturxia e dirección daren unha imaxe incómoda da situación, e non heroica e inocente, para que provoque reflexións máis profundas fronte ás máis facilonas e politicamente correctas.

Nesta tolemia desequilibrada e maliciosa, cuxa temática lembra tanto o cinema obsesivo-repulsivo de Roman Polanski, xoga un papel fundamental o traballo esforzado do actor e da actriz. Máis que interpretativo, o seu labor, coreografado até o detalle cunha precisión técnica envexable, pode ser cualificado, pola habilidade que require, de circense. O conxunto que compoñen esta difícil actividade actoral e mais o catálogo de efectos visuais está, de feito, tan ben encaixado e resolto que dá para nomear ao formalismo co que o director soviético Vsévolod Meyerhold creaba as súas pezas de teatro construtivista cunha clara intención de mobilizar as conciencias do pobo.


Publicidade

Historia de amor é, xa que logo, un exemplo de como o formalismo teatral máis extremo pode estar ao servizo, alén da espectacularidade do conxunto, dunha mensaxe cuxas repercusións morais son tan estimulantes como o dispositivo tecnolóxico que a abafa.

 

Historia de amor, a partir da novela de Régis Jauffret
Dirección: Zagal
Elenco: Julián Marras e Ita Montero
Adaptación: Zagal e Montserrat Q. A
Dirección de Arte: Laura Pizarro e Vittorio Meschi
Deseño Integral: Luis Alcaide, Cristián Mayorga e Laura Pizarro
Música Orixinal: Zagal
Deseño Banda de Sonido: Matías Del Pozo
Dirección Multimedia: Montserrat Q. A
Deseño de Iluminación: Luis Alcaide
Story Board: Vittorio Meschi, Abel Elizondo
Deseño e programación Multimedia: Mirko Petrovich

Mostra de Teatro de Ribadavia. Auditorio do Castelo, 20 de xullo de 2016.

 

 

 

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

voaxaecarmin |

Voaxa e carmín

gaivota09 |

A gaivota