Contar como se conta
| Manuel Xestoso |
Sabemos que, na modernidade, a contemplación dun espectáculo non require só de disposición para desfrutalo, senón tamén dun espírito crítico que o xulgue e ditamine se a súa forma se adecúa ao propósito que o move. Os creadores xa non poden contar coa inxenuidade do espectador e, daquela, propenden a introducir na súa obra un comentario que explique –ou que lexitime– o proceso que os levou ata o resultado final. Nalgunhas ocasións, este recurso enriquece a obra; noutras, só serve como xustificación das súas carencias; ultimamente, funciona como un ingrediente máis dos que pretenden subministrar unha pátina de sofisticación aos que se arriman ás “novas” tendencias. A compañía danesa Granhøj Dans, emprégao para se situar nun territorio ambiguo no que, por unha banda, existe a aspiración de certificar a dificultade de todo desenvolvemento creativo e, pola outra, para ironizar sobre esa ansia de autoxustificación dos creadores.
Esa deriva cara á comedia rompe coas expectativas de xeito que o que podería ser outro exercicio de ‘contar como se conta’ transfórmase nun relato que desdramatiza ao tempo que expón. Dende esta perspectiva, a elección de Petrushka para elaborar o discurso, non semella en absoluto accidental: na obra de Stravinski e Benois, lémbrasenos que o que sucede na escena é só un xogo; que, ao final, o cadáver de Petrushka non é máis ca un boneco. Pero que a representación crea un fantasma que persegue a todos os que tomaron parte nela –incluídos os espectadores– e que os obriga a reformular a súa mirada sobre a realidade.
Granhøj Dans simula que pasa por riba deste argumento e centra o progreso da función no esforzo –ás veces extravagantemente hilarante– por acadar a expresión xusta, a que logra comunicar con menos confusión e máis precisión estética. E así, asistimos a unha especie de ensaio no que as discusións sobre as diferentes partes da historia se acompañan de tentativas que están entre o sublime e o irrisorio. Mais a cerna da proposta está nesa construción do diálogo entre o movemento físico e o movemento dun pensamento que quere expresarse a través do primeiro. Na resposta á responsabilidade de crear un fantasma que debe estar á altura das intencións.
Todo xorde da representación dun certo caos do que vai emerxendo, pouco a pouco a orde. Os bailaríns son espléndidos, e talvez o que máis haxa que lamentar é que a representación do proceso lle deixe á danza menos sitio do que cabería esperar. Neste caso, a dramaturxia extrema a súa presenza ata o punto de, nalgunhas pasaxes, ser demasiado intrusiva a respecto das partes bailadas. Mais a mestura de humor e pulcritude na execución logra que a continuidade das escenas cre unha tensión global que outorga ritmo e coherencia ao conxunto. E o desconcerto desvélase entón coma unha depurada disposición que, como o título indica, expande o significado de Petrushka no ronsel dun horizonte estético ambicioso e, por momentos, sorprendentemente fermoso.
Petrushka-Extended, versión libre da obra de Igor Stravinski e Alexandre Benois
Compañía: Granhøj Dans
Dirección: Palle Granhøj
Intérpretes: László Fülöp, Sofía Pintzou, Mikolaj Karczewski e Bill Eldridge
Pianista: María Eshpai
Axudante de dirección: Mads Møller Andersen
Escenografía e iluminación: Granhøj Dans
Música: Igor Stravinsky
Festival Internacional de Teatro de Ourense. Teatro Principal. 8 de outubro de 2016.