Os soños na gaiola

Os soños inxenuos e os soños políticos

| Manuel Xestoso |

Hai dúas escolas de pensamento: unha proclama que o material do que están feitos os soños é a imaxinación; a outra estima que ese material é o ouro. Alicia, a protagonista de Os soños na gaiola, pertence a esta última tendencia. O contraste entre este seu obxectivismo e un mundo simbólico menos urxido pola perentoriedade do material conforma o principal atractivo dunha función que transforma un discurso clásico de emancipación en amable convite ao autodescubrimento. A cerna da mensaxe non se perde, pero a vía de comunicación escollida dálle unha volta á seriedade do asunto e descende ao terreo do cotián. Quizais porque o destinatario é o público infantil. Ou quizais porque os adultos nos negamos a escoitar determinadas mensaxes cando veñen en formato político.

Sabemos que o político envólveo todo, mais tendemos a mirar cara ao outro lado e delimitar o campo de xogo do político ás eleccións e os parlamentos. Nos poemas de Manuel María escollidos para configurar esta historia, o político vístese de inxenuidade, e todos sabemos que a inxenuidade tende a crear empatía. Talvez porque a naturalidade con que se expresan os cativos non permite dilacións nin desculpas. E Alicia compórtase cunha naturalidade que derruba as escusas que adoitamos alegar para negarnos a entender a nosa circunstancia.

Os soños na gaiola opera dende esa cordialidade do conto clásico que consinte que falen os animais, os ríos e os seres fantásticos. Ou que a lúa lle envíe un wahtsapp ao sol. Mais non por iso renuncia a un referente real sobre o que se albiscan a aflición e o conflito. O xogo entre o relato e a realidade está na manipulación dos monicreques, na relación destes co manipulador, na aparición do mesmo Manuel María na ficción. Esa ambigüidade non oculta que a fábula ten un destino, pero deixa que o espectador elixa como chegar ata el.

A metáfora dun río que atravesa Galicia sen saber o que é Galicia convértese no motor dunha viaxe iniciática na que o sentimental e a denuncia se mesturan para compoñer un mapa de desacougos que, se cadra, cómpre desdramatizar. E para desdramatizalo, Alakrán escolle o humor: un material idóneo para ceibar os soños engaiolados. Un sentido do humor que combina a retranca máis tradicional cunha ironía un chisco máis urbanita –pero igual de requintada– e do que sae un retrato máis esperanzado que amable.

E así a fábula, que podía ser triste, recupera o optimismo necesario para que pícaros e adultos se fagan cargo dun final feliz que, na vida real, tende a escapulirse. Mais ao que non se debe renunciar como horizonte.

Os soños na gaiola, a partir dos poemas de Manuel María
Dirección e dramaturxia: Roi Vidal Ponte
Escenografía e Manipulación: Borja Insua Lema

Festival Internacional de Títeres Galicreques. Fundación SGAE, Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2016. 

Manuel Xestoso
Latest posts by Manuel Xestoso (see all)

Máis sobre Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixar unha resposta