in

Río Bravo

riobravo |

Flaca-flash-back

| Roi Vidal Ponte |

 

Aquela obra que vin cando neno ensinoume o divertido que podía ser o teatro. Aquilo era enxeñoso, rebelde e imaxinativo. E por iso nos gustaba. A min e ao meu irmán, que xogabamos cos personaxes de Río Bravo e coas súas cancións coa mesma ilusión coa que o faciamos coas Tartarugas Mutantes ou co Capitán Planeta. Non é só que para Chévere sexa a obra máis importante dos seus inicios, por lles abrir as portas a unha conexión co público sen precedentes na historia do teatro galego; é que para o público do teatro galego, Río Bravo é un auténtico fito reconciliador, unha data imborrable na memoria, o best-seller da nosa escena, a obra que enganchou ao teatro a toda unha xeración.

Esta visión anosada do western sorprende polo atinados dos seus exercicios de cultura comparada. Son como a versión teatral do Far-west do poeta Carlos Negro, ou é que Carlos Negro viu Río Bravo antes de escribir Far-west. Aí estamos, nós, os galegos (máis que nós, as galegas) retratados no ambiente masculinamente tóxico-tabernario do saloon e nos andares de Miguel de Lira remedando (cunha técnica física actoral que roza a perfección) a presenza inconfundible de John Wayne. Hai unha xeración que se criou vendo pelis de indios e vaqueiros e outra que comezou a xogar coa súa propia lingua aceptando que John Wayne falase galego grazas á dobraxe. Todo isto fai que a parodia sexa tan profunda (tan burleira e á vez tan homenaxeadora) que case que podemos ver en Río Bravo unha auténtica antoloxía dos ingredientes máis caracterizadores do xénero cinematográfico co que dialoga. E, en nacendo dun fondo coñecemento da cultura cinematográfica (por máis que sexa un coñecemento popular e ancorado nos clichés máis estereotipados do western), Río Bravo ensina o amplo catálogo dese arsenal destrutor co que o teatro constrúe realidades. Homenaxe ao cinema? Ou homenaxe ao teatro?

Visto con perspectiva, todo o que Chévere é hoxe xa o era en 1990. O cabaré, o musical, a parodia, a galeguidade e, sobre todo, o xogo coas convencións teatrais. Río Bravo é, daquela unha verdadeira homenaxe ao teatro máis teatral porque elimina todos os elementos espurios non teatrais cos que o teatro se alimenta. Se alguén quere saber para que serve un espazo baleiro que non lea a Peter Brook, que vexa Río Bravo e flipe. Río Bravo é teatro sagrado porque consegue transmitir (pero de que maneira tan cómoda e tan cómica) o que se deu en chamar a maxia do teatro. Que no teatro todo é posible demóstrao Río Bravo ao ser capaz de facernos ver en escena todos os espazos que recrea dunha maneira absolutamente teatral: a taberna, o cárcere do shériff, os cabalos, o tren, os indios, etc. É precisamente grazas as súas carencias que o teatro é quen de facer en hora e media todo o que ao cine lle leva meses de rodaxe e postprodución. Como é ben sabido, a postprodución no teatro faise durante os ensaios e a maxia non aparece até que entra o público, que é quen realmente constrúe coa súa imaxinación intelixente todo o que o teatro destruíu. As mentiras do palco vólvense verdades en cada butaca.

As pertinentes mudanzas que esta nova versión presenta dan boa conta de que, por moito que realice unha autohomenaxe nostálxica, o grupo se preocupa polo presente. Algún momento da nova versión fala entre liñas do paso do tempo, como cando a mención ao fax non fai graza e se pasan ao WhatsApp, ou cando eliminan da dramaturxia un momento rewind no que imitaban a marcha atrás dos VHS dos anos 90. A adecuación máis evidente é a que lles fai mudar o final adaptándoo a un tempo que por sorte é moito máis sensible ás cuestións que teñen que ver coa representación da feminidade nos produtos de ficción.


Publicidade

Todo isto demostra que a nostalxia non é museística, senón reciclaxe. E que en esencia todo o que chegaron a ser estábano comezando a ser alí. A estética de Chévere derivou cara a unha clara vontade política e un compromiso ético coa realidade social máis próxima, pero as formas nas que transmiten as súas interesantísimas temáticas actuais xa estaban en Río Bravo: a interdisciplinariedade, o distanciamento brechtiano, a participación do público, as imitacións, o xogo físico e sobre todo, esa teima por lle devolver ao teatro o que é seu, esa marabillosa obsesión inconformista por exploraren todo o que o corpo humano é quen de facer enriba dun escenario baleiro. Dito doutro xeito, a maxia que nace a partir do xogo libérrimo coas convencións teatrais.

Aínda que no seu día non fun consciente, era iso o que daquela me enamoraba e foi Río Bravo quen me ensinou (case) todo o que o teatro era quen de facer. Sexamos conscientes hoxe, pois, de que é así como podemos namorar a quen nun futuro próximo fará o teatro co que quererán xogar as nosas fillas.

Río Bravo de Chévere
En escena: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Xron, Manuel Cortés, Marcos Ptt Carballido, Xacobe Martínez Antelo, Max Gómez, Manuel Cebrián.
Dirección colectiva.
Música: Fran Pérez.
Vestiario e escenografía: Carlos Alonso.
Confección: Maribel Gómez.
Iluminación: Fidel Vázquez.
Son: Xurxo Pinheiro.
Comunicación: Xana García.

Mostra Internacional de Teatro de Cangas. Auditorio do Concello. 1 de xullo de 2017.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

nacidaslibres06 |

Abre a XXXIV Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas

nacidaslibres10 |

Nacidas libres