Evanxeo Delbono
| Vanesa M. Sotelo |
| Foto: Luca Del Pia |
Cando a nai deixou de querer ver a natureza foi o momento no que o fillo descubriu que a nai perdera a fe. Onde marchara a súa fe? Pregunta Pippo Delbono no que resulta un dos momentos máis reveladores de Vangelo. Vangelo é unha peza construída a partir do Evanxeo; unha peza nacida do encargo feito pola nai no leito de morte para facer un espectáculo sobre a relixión da que ela bebía e da que o fillo se afastara ata abrazar o budismo. Na súa revisión do Evanxeo, o creador italiano ofrece unha cerimonia sagrada que constitúe unha exaltación do humano e un berro á liberdade desde a alegría.
Pippo Delbono oficia unha cerimonia escénica como un gran espectáculo de variedades que se move entre o poético e o prosaico, entre a forza da palabra e o impacto visual, entre o xogo coral do número musical e a acción directa do orador individual. Vangelo é un collage de imaxes inesperadas que, conectadas polo fío do Evanxeo, divaga entre a catástrofe social e a resilencia individual. Un dos grandes valores do teatro de Pippo Delbono segue sendo ese encontro co outro a través da presentación da humanidade núa, cunha vida sen máscaras que emerxe malia aos elementos compositivos que desenvolve sobre a escena. En Vangelo asistimos ao inferno pero non podemos deixar de ver a Bobò (o home hidrocéfalo, xordomudo e analfabeto que coñeceu nun psiquiátrico mentres trataba a SIDA); asistimos á crucifixión pero non deixamos de ver o mapa do corpo dunha vida única; escoitamos o testemuño sobre as augas pero non deixamos de ver o naufraxio. Asistimos a unha verdade que trascende a escena a través dunha mirada honesta que logra salvar a exposición máis sincera da exhibición morbosa.
Cunha forza viva e vital, Delbono denuncia o poder deslumbrante da Igrexa e tenta remover as bases dunha sociedade católica cegada pola culpa, a dor e o medo. Deste xeito, Delbono apela ao amor, a fe e a compaixón máis humanas. E faino desde a súa voz espida, desde a súa presenza libre en escena, conectando palco e patio de butacas, baixando a algún inferno propio e volvendo acompañado. Igualmente, nese afán de tender pontes máis aló da escena, Delbono bota man do vídeo para ampliar a súa mirada e introducir novas presenzas da vida que bate fóra do teatro.
En Vangelo, as figuras invaden o espazo dominado pola presenza concreta e metafórica dun muro imponente. Nese espazo, a proposta repasa a humanidade que nos distingue, unha humanidade capaz do mellor e do peor, capaz de ser vítima e verdugo. Así o reflicten pasaxes como a da traizón de Xudas, a da muller adúltera ou a da escolla popular entre a liberación de Cristo ou a de Barrabás. E nese espazo dominado por un muro que ao tempo protexe e ameaza, Delbono abre portas. Concretamente, a través do audiovisual, rescata as dúas portas -unha aberta e outra pechada- do lugar da matanza de Castel Volturno, unha vila próxima a Nápoles na que en 2008 a camorra asasinou a seis africanos. Desde esa mirada á memoria dun lugar desolado e baleiro, onde resisten con vida as flores de plástico e as placas que lembran que a loita continúa, Delbono pousa a nosa mirada sobre unha porta aberta ao tempo que define a fe como a chamada a alguén que está no fondo da escuridade e que non aparecerá nunca.
Vangelo é un territorio de contrastes, un mosaico de humanidades, un totum revolutum visual e musical no que as referencias de Jesus Christ Superstar se mesturan coa esgazadora música orixinal de Enzo Avitabile, onde a distensión se combina radicalmente co golpe no estómago, onde a palabra evanxeo se mestura coa ferida da actualidade. Vangelo é unha experiencia sustentada sobre a empatía e a emoción, unha peza que soborda humanidade, compaixón e liberdade. O berro de quen foi ao inferno e regresou acompañado despois de comprobar que non hai paraíso pasible e que a boa nova está sempre por chegar.
Vangelo, de Compagnia Pippo Delbono
Texto e dirección: Pippo Delbono
Intérpretes: Gianluca Ballarè, Bobò, Margherita Clemente, Pippo Delbono, Ilaria Distante, Simone Goggiano, Mario Intruglio, Nelson Lariccia, Gianni Parenti, Alma Prica, Pepe Robledo, Grazia Spinella, Nina Violic, Safi Zakria, Mirta Zecevic.
Imaxes e filme: Pippo Delbono.
Música orixinal: Enzo Avitabile
Escenografía: Claude Santerre.
Figurinos: Antonella Cannarozzi.
Deseño de luz: Fabio Sajiz.
Festival de Almada. Teatro Nacional Dona Maria II, 15 de xullo de 2017.