in

O rei morre

reimorre |

Viva o rei

| Roi Vidal Ponte |

 

reimorre |

 

A linguaxe contemporánea ten dúas tipoloxías de frases nas que o teatro é o elemento metafórico. Dunha banda, está a filosofía calderoniana na que a vida é soño e o mundo un grande teatro. É a ideoloxía das obras de Shakespeare na que a teatralidade serve para referenciar o noso pequeno lugar humano baixo o enorme firmamento de estrelas desa tremoia inabarcable que é o universo. Da outra, vai gañando cada vez máis peso a utilización social da palabra teatro como epítome da falsidade, da mentira e do engano. A primeira destas metáforas identifica o teatro coa verdade ou cunha posible verdade. A segunda identifícao cunha verdade imposible ou coa mentira.

En mans da directora posdramática de comezos do século XXI Ana Vallés, o texto do teatro de vangarda francés de mediados do século XX O rei morre, de Eugene Ionesco, convértese nunha sensible parábola que fusiona de xeito filosófico os tres elementos fundamentais da obra de todo grande creador escénico: a vida, a morte e o teatro. Tres elementos que repousan sobre o texto de Ionesco coa conseguinte crítica ao poder autoritario dos políticos ególatras. Pois a directora ofrece varias chiscadelas nas que vemos como o rei se deixa posuír por reminiscencias espectrais de tiranos populares. Esta faceta da obra é a que máis se achega á consideración do teatro como metáfora da mentira, pois con constantes rupturas anti-ilusionistas que mesmo chegan a teorizar de maneira irónica e humorística sobre a existencia ou non dunha cuarta parede entre o escenario e o público, a escena mantén durante todo o espectáculo un interesante pulso entre a ficción e a realidade, entre a personaxe e a persoa, que subliña o sentimento de absurdo que lle sobrevén ao ser humana ante a posibilidade da morte. O teatro é entón unha mentira que, en todo caso, serve para acadar unha maior verdade.


Publicidade

No seu frutífero encontro con Sarabela, Vallés mantén todo os estilemas adestrados nas súas experiencias á fronte de Matarile. Os nomes propios reais do membros do elenco; os apartes irónicos sobre a propia representación e sobre o mundo do oficio teatral; o extremo coidado en todos os apartados formais da representación, desde a iluminación colorista (neste caso cun gran ciclorama traseiro que subliña a intención pictórica) até o perfeccionismo no ritmo co que unhas escenas dan paso ás seguintes (se ben, nesta ocasión, certo exceso de silencio deixa un repouso desacougante no padal da memoria). Pero estes trazos están postos, mesmo poderiamos dicir que case máis que nunca, ao servizo dun texto (previamente escrito) que casa de maneira moi acaida cos intereses e co estilo teatrais propios da creadora galega. Están postos ao servizo desa reflexión profunda sobre o teatro e sobre o humano como entidades interrelacionadas que adoita haber sempre nas obras de Vallés, con eses momentos musicais de celebración da vida tan deliciosos e emotivos, mais nesta ocasión é como se a fragmentariedade, que a hai, dese paso a unha peza máis redonda.

O encontro fai que Vallés teña unha dirección clara cara a que ir, que é a intención de Ionesco de reflexionar sobre a morte a través dunha ficción escénica. Esta intención autorial, anosada como está pola artista ferrolá, é o verdadeiro centro da representación. Un centro, o da preocupación do humano ante a certeza da desaparición, que se nun nivel textual podería adoptar unha forma heideggeriana, neste nivel escénico adopta a estética dos cadros de Francis Bacon. A escenografía ocupada por unha grande cadeira-trono que non deixa de xirar sobre si mesma (reflexionando sobre a súa propia existencia), cun pano de fondo de veludo vermello. Só que en lugar do Papa Inocencio, quen senta no sofá é Fernado Dacosta. Nin máis nin menos.

Dacosta merece un parágrafo só para el. Non é que as outras actrices non o fagan ben, nin sequera que non se note o traballo dunha directora diferente á que están acostumadas. Nótase, mesmo para ben, porque consegue minimizar a súa expresividade e facer que as súas intencións parezan un pouco máis naturais. Pero é que o de Dacosta é un caso aparte. Non é a primeira vez que lle toca facer de tolo nin de rei. De feito é se cadra un dos actores galegos máis encastados en papeis de personaxes esquizofrénicos, desviados, cheos de tics e de tocs. Tampouco é a primeira vez que dá unha lección de interpretación, posto que xa hai anos que se desvelou como un dos grandes actores das nosas táboas. Pero seguramente había moito tempo que non gozabamos dun Dacosta tan orgánico, tan contido, tan preciso non ton verbal e muscular, tan convincente, tan relaxado e tan gozoso. Noutras palabras, tan xenial. Porque se nos vemos obrigados a lle dedicar tantas palabras é porque non encontramos mellor forma, debido precisamente á nosa falta de xenio, de definir, de trasladar, aínda que sexa de comentar, a experiencia que supón ver a Dacosta facendo de Rei de Ionesco. Unha experiencia única, nada grandilocuente, nin excéntrica, nin obvia. A súa non é unha interpretación que chame a atención de maneira explícita, senón que o fai de maneira implícita. A dificultade da súa interpretación non está tanto no que fai como no que non fai. Nesa maneira desleixada e moribunda de estar en escena, nesa forma asombrosamente forzada de sorrir, de bailar e de sentirse vivo. Nese medo pequeno que lle ven ao personaxe xusto antes de morrer. E nesa arrepiante escena final, propia do mellor David Lynch, que converte a Dacosta nun ser patético dunha maneira tanto artística como argumentalmente emotiva.

O rei morre de Sarabela Teatro. Baseada na obra homónima de Ionesco
Dirección: Ana Vallés
Elenco: Fernando Dacosta, Fina Calleja, Sabela Gago, Nate Borrajo e Fonso Míguez
Escenografía: José Faro
Iluminación: Baltasar Patiño
Vestiario: Ruth D. Pedreira
Maquillaxe e caracterización: Raquel F. Fidalgo

Estrea no Auditorio Municipal de Ourense. 15 de setembro de 2017.
 
 
 
 
 
 
 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Un comentario

Retrucar

    One Ping

    1. Pingback:

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

    hollywoodboa |

    Comeza o ciclo TRC Danza no Rosalía de Castro da Coruña

    sarabelanormas |

    Normas para saber vivir na sociedade actual