in

Escoitar para ter algo que dicir, por Paula Carballeira

micro03 |
| Paula Carballeira |

 

Xa non desde o escenario, senón desde a butaca, boto de menos a escoita nos espectáculos para público familiar. Preocúpame. Coido que é un reflexo fidel do mundo de barullo no que vivimos, onde nada merece a nosa atención porque sempre andamos na procura de algo máis, de algo mellor. O teatro, nalgún momento, deixou de ser ese espazo onde discorre unha ficción para pasar a ser un escenario do noso egoísmo. As nenas, os nenos, aproveitan o poder que lles damos e asumen os roles de protagonistas, protagonistas de todos os momentos, sen descanso nin opción a ser derrocados. Aparentemente, a sociedade está aos seus pés. En realidade, resulta máis doado concederlles os caprichos que ofrecerlles un pouco do noso tempo. Nunca os miramos cara a cara. Ou desde arriba ou desde abaixo. Pretendemos enganalos coma se non se decatasen de que somos persoas adultas, coma se non tivesen claro o que intentamos, que nos perdoen por descoidalos.

A falta de escoita é unha enfermidade. Peor. É unha enfermidade contaxiosa. Os síntomas comezan cando non podemos agardar a que quen nos está contando algo acabe a frase, cando interrompemos ao noso interlocutor, cando non nos interesa o que nos digan, só o que nós dicimos, o que nós pensamos. Temos tanto enxeño, tanta graza, tanto que aportar, tan poucas oportunidades para facelo, que calquera ocasión é boa, sempre que haxa público. Imposible desconectar o móbil, quedar en silencio durante a proxección dunha película; férvenos o sangue nas presentacións de libros, nas conferencias, nos debates. Non escoitamos, facemos. Non escoitamos, falamos. E somos nós eses modelos, eses espellos nos que se miran as nenas e os nenos.

As últimas veces que asistín a espectáculos de teatro para público familiar, comprobei que a escoita se entendía como sinónimo de aburrimento. O éxito mídese agora por decibelios. A participación activa como capacidade de imaxinar non se considera, só porque é silenciosa, íntima. A singularidade de compartir un momento efémero co resto da sala, rostros coñecidos e descoñecidos de todas as idades, cando asistimos a unha peza de teatro, deixa de ter sentido se insistimos en permanecer cos oídos xordos ao que se nos intenta transmitir. En consecuencia, abundan cada vez máis propostas artísticas que inciden na resposta inmediata, no berro colectivo, na precipitación, nos referentes comúns, nas obviedades e na falta de respecto polas capacidades infantís de evocación e de conmoción (entendido este último concepto como pegada emotiva).


Publicidade

Escribo estas liñas porque considero que un dos nosos obxectivos ao traballar para público infantil é ampliar horizontes, crear as nosas imaxes, as nosas sintaxes, os nosos pasos, as nosas pontes, as nosas escaleiras, e non simplemente redundar nas que xa nos viñeron dadas. A nosa responsabilidade vai máis alá das risas e dos aplausos. A nosa responsabilidade debe ser xogar en serio. Apostemos pola complicidade, pola sensibilidade, polo humor, pola liberdade de buscar ritmos diferentes, pausas, puntos de vista extravagantes, o lado menos evidente das cousas. Á hora de crear futuros espectadores e espectadoras de teatro debemos devolverlle o seu lugar de privilexio á escoita. Cando nos escoitan, ocórrensenos ideas que non sabiamos que podían xurdir. Cando escoitamos, dámoslles outro valor ás palabras que nos ofrecen, nun acto sempre xeneroso. Esa é a miña opinión, a miña experiencia, pero xa o escribiu Michael Ende no ano 1973:

Sabía escoitar de tal maneira que a xente confusa ou indecisa sabía moi ben, de súpeto, que era o que quería…E se alguén cría que a súa vida estaba totalmente perdida e que era insignificante e que non era máis que un entre millóns, e que non importaba nada e que podía ser substituído coa mesma facilidade que un tarro quebrado, ía e contáballe todo iso á pequena Momo, e resultáballe claro, de xeito misterioso mentres falaba, que tal como el era só había un entre todos os homes e que, por iso, era importante para o mundo.

Así sabía escoitar Momo!

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

MG 6353 |

AGADIC abre a convocatoria de axudas a salas privadas

contacreques |

Comeza o XIII Festival de Marionetas María José Jove