Abre ata o 22 de xaneiro o prazo de solicitude cara á selección dos 10 autores e autoras desta primeira edición da iniciativa, que xurde ao abeiro do programa de apoio á dramaturxia galega contemporánea ‘Dramaturxente’
O Centro Dramático Galego (CDG) acaba de abrir o proceso de selección dos dez autores e autoras que formarán parte do primeiro Grupo DramaturXa, baixo a coordinación do escritor e director escénico Manuel Lourenzo. Esta nova iniciativa xorde ao abeiro do programa Dramaturxente de apoio, fomento e promoción da autoría teatral galega contemporánea, que a compañía pública mantén en colaboración coa Asociación Galega de Dramaturxia DramaturGA.
Este grupo de traballo reunirase periodicamente durante seis meses, a partir de primeiros de febreiro, co fin de reflexionar sobre a identidade galega e de que cada un dos seus integrantes desenvolva unha peza teatral ao respecto. De entre as dez obras resultantes, seleccionaranse tres para ser levadas a escena conxuntamente como parte dunha nova produción propia do CDG.
Autor referente
A coordinación e asesoramento correrá a cargo de Manuel Lourenzo, un dos principais referentes da nosa dramaturxia actual. Desde os seus inicios no mundo escénico, o seu obxectivo foi a creación dun teatro galego contemporáneo que non ignorase as súas raíces históricas nin estéticas. Neste sentido, fundou e impulsou compañías como O Facho, Escola Dramática Galega ou Casahamlet, ademais de contar cunha prolífica traxectoria no ámbito da escrita teatral, recoñecida con importantes galardóns como o Rafael Dieste, Premio da Cultura Galega, Otero Pedrayo, Álvaro Cunqueiro ou Premio Nacional de Literatura Dramática.
Os autores e autoras interesados en participar neste grupo de traballo teñen de prazo ata o 22 de xaneiro para enviar as súas solicitudes ao Centro Dramático Galego seguindo as instrucións que se indican no web www.centrodramatico.gal. Xunto co formulario, deberán achegar o seu currículo actualizado e dous fragmentos de textos teatrais da súa autoría para seren valorados pola comisión de selección.
Dentro do mesmo programa Dramaturxente, o CDG porá en marcha este ano outras tres novas iniciativas para lle dar unha maior visibilidade ao traballo que se está a desenvolver actualmente neste ámbito. Así, Teatrhoxe será a denominación dun apartado específico na nova web do Centro Dramático Galego, onde cada tres meses se publicará unha reflexión escénica ou pequena peza teatral de autoría galega, mentres que Lanzadeira porase a disposición dos creadores, a través dunha convocatoria pública, para presentar ou facer unha lectura dun fragmento das súas obras inéditas. Ademais, un dos talleres formativos desta temporada estará orientado especificamente á escrita teatral.