in

Os profesionais do circo e Escena Galega tamén se solidarizan con Carlos Santiago

pregonsantiago |
Nas últimas horas, as asociacións profesionais Circonove e a Asociación de Profesionais do Circo de Galicia (APCG) suman o seu apoio aos xa públicos doutras asociacións. Igualmente, Escena Galega, a asociación de compañías e empresas produtoras, fixo público un comunicado no que se solidariza co dramaturgo e, coma noutros casos, incide no caracter artificial e alentado por intereses espurios da polémica.
Reproducimos a seguir ambos os dous comunicados:

 

COMUNICADO DE CIRCONOVE E A ASOCIACIÓN GALEGA DE PROFESIONAIS DO CIRCO (APCG)

Desde as asociacións Circonove e a Asociación de Profesionais do Circo de Galicia (APCG) queremos amosar o noso apoio incondicional ao artista Carlos Santiago pola inxustificada caza que contra el se vén artellando desde certos medios de comunicación, sen que ninguén aportara probas do que alí sucedeu. É moi grave acusar sen probas e moito máis publicar noticias sen contrastar a veracidade das mesmas.

Apoiando a Carlos apoiámonos a nós mesm@s. Apoiámonos na liberdade para expresar o que pensamos sen censuras nin filtros. Apoiamos tamén ao profesional que admiramos por poder poñer nas bocas das súas personaxes as palabras que non atopamos para denunciar a lenta asfixia á que nos somete un enfoque destrutivo do social no que tod@s contribuímos dun xeito desigual. O Apóstolo, en concreto, co seu fino sentido do humor, oriéntanos sobre os desastres políticos, ambientais culturais e económicos que nos afectan desde o local (Este Santiago y cierra España) cara ao mundo global gobernado polas minoría sádicas.

Queremos aproveitar para reivindicar o dereito de facer humor e ficción no entroido, e se non gusta, pois alentar a que o prohiban. Transgresión, crítica ás minorías fácticas, maiormente ao clero, entre elas, son eixos fundamentais desigual que é o Exorcismo do Entroido. Quer dicir, que nunca poderemos igualar os desagravios que os poderosos fan ao resto dos mortais ao longo do resto do ano. Isto si que é perverso e insán. Isto si que é blasfemos e sacrílego. Pois o peor non foron as palabras do Apóstolo, senón as sucias orellas que iniciaron esta caza de bruxas. Máis unha vez, o responsable de toda esta falcatruada, sexa persoa física ou xurídica, ficará sen asumir as súas responsabilidades polo dano causado a un dos nosos mellores artistas co único fin de facer un uso de política de sumidoiro contra o goberno municipal.

Para finalizar, aproveitamos para facer nosas todas e cada unha das palabras do noso compañeiro sen retirar unha soa vírgula. Viva o entroido! Viva o apóstolo de Carlos Santiago! Viva o humor e @s humoristas! Que a comedia disipe o trauma. Disolva as mentalidades limitantes e os cerebros destruídos.

 

Circonove e a Asociación de Profesionais do Circo de Galicia (APCG)
Santiago de Compostela, a 18 de febreiro de 2018

 

COMUNICADO DE ESCENA GALEGA EN APOIO A CARLOS SANTIAGO.


Publicidade

Dende a Asociación Galega de Empresas das Artes Escénicas (Escena Galega) manifestamos a través deste comunicado, e na liña doutras asociacións, colectivos e profesionais do sector cultural, o noso apoio ao compañeiro escritor e dramaturgo Carlos Santiago, ante a persecución mediática á que está sendo sometido despois da súa actuación no pregón do Entroido de Santiago de Compostela.

Cremos firmemente na liberdade de expresión e creación nun eido, o artístico, no que traballan, viven e crean as nosas compañías, e que en ningún caso debe verse ameazada por debates que, consideramos, ademais de ser artificiais e alentados por intereses que pouco teñen que ver co respecto e a tolerancia, non se están desenvolvendo nos termos acaídos a unha sociedade plural, diversa, tolerante e democraticamente madura.

O Entroido supón ademais, de xeito ancestral, un tempo no que, como os compañeiros e compañeiras da Asociación DramaturGA expoñen no seu comunicado “a farsa e a sátira son artefactos pacíficos utilizados contra os poderes establecidos: o momento de subversión dos roles sociais e de transgresión momentánea das convencións morais e normativas” e foi nesa clave, estamos seguros e seguras, na que Carlos Santiago exerceu a súa liberdade como creador exercendo de pregoeiro do Entroido compostelán.

Defendemos agora a Carlos Santiago e sempre a todas as persoas profesionais da creación artística no exercicio das súas liberdades.

 

Escena Galega. En Santiago de Compostela, a luns 19 de febreiro de 2018.

 

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Asociacións |

Outras catro asociacións profesionais fan público o seu apoio a Carlos Santiago

slide submarino2018 |

O Festival Atlántica volve con máis de medio cento de funcións en oito concellos