in

Festival ‘Singular en feminino’ en Narón

Singular |

A partir do próximo día 8 de marzo e ata o 17, o Festival Singular en Feminino programará cinco monólogos protagonizados por mulleres no Auditorio e no Café Teatro do Pazo da Cultura de Narón. As instalacións do Pazo permanecerán iluminadas de cor malva na xornada do 8 de marzo, para conmemorar o Día Internacional das Mulleres.

 

A compañía Teatro del Barrio protagonizará o primeiro monólogo, Emilia, o xoves día 8 ás 20.30 horas. Pilar Gómez dá vida a Emilia Pardo Bazán nesta obra escrita e dirixida por Anna R. Costa. Emilia é a primeira parte da trioloxía “Mulleres que se atreven” que trata de posicionar a mulleres brillantes da nosa historia no lugar que pensamos correspóndelles así como dalas a coñecer ao gran público.

Emilia mostra unha muller que nas postremeiras do século XIX, se empecina en ser ela mesme, é dicir, en conducirse de acordo cos seus desexos e vontade de escribir a participar na vida pública . Emilia tratou de ingresar na Real Academia da Lingua sen éxito. A súa insistencia valeulle a reprobación de moitas das súas contemporáneas, mesmo despois de solicitar a admiración dalgúns outros.

 

Eme2 encargarase de poñer en escena o segundo espectáculo, A noiva de Don Quixote, o día 9 ás 18.30, no Auditorio. A obra de Jose Luís Esteban está dirixida por Jose Carlos García e é interpretada por Mercedes Castro.

Despois da morte de Don Quixote, as esperanzas de Dulcinea del Toboso de casar como Deus manda están case tan desaparecidas coma o fidalgo. E aínda máis se en realidade te chamas Aldonza Lorenzo, non es dama, nova nin bela, e traballas de camareira nun mesón cervantino, preto da autovía, nalgún lugar da Mancha. Dulcinea disponse a atravesar o seu particular dó no que se rebela contra a personaxe que Cervantes lle atribuíu na novela. Con humor, con ironía , con emoción e con descrenza, desvela algúns insospeitados acontecementos que non aparecen no Quixote , en especial a misteriosa historia de amor entre unha pastora que lle murmuraba ás ovellas e unfidalgo que lé novelas de cabalarías.

A noiva de Don Quixote é, ademais, unha coproducción do Padroado da Cultura de narón..

 


Publicidade

Ibruprofeno Teatro representará A filla de Woody Allen o día 9 ás 20.30.Marián Bañobre interpreta á protagonista desta obra escrita e dirixida por Santiago Cortegoso.

O punto de partida de A filla de Woody Allen é o inicio dunha viaxe da protagonista na procura de seu pai, do cal só sabe que vive en Nova Iork e que lle manda un agasallo cada ano polo seu aniversario. Estes agasallos son tesouros para ela e constitúen un crebacabezas co que foi construíndo un mito que a acompaña no seu desenvolvemento vital. Atoparse con ese mito revélase como a vía para acadar a felicidade, pero tamén supón unha fuxida dunha vida cotiá insatisfactoria. Ela loita. É incansable. É vitalista. E pon todas as súas esperanzas nese ser descoñecido. A viaxe a Nova Iork é a viaxe a un mundo ideal; é a procura de algo por definir, unha interrogante vital que non sabe se será respondida.

 

Iris Teatro traerá a Narón Frida, o día 10 ás 20.00. A vida de Frida Khalo nun texto de Humberto Robles, dirixido por Paco Obregón e interpretado por Rosa Martínez Alcocer. Ela, Frida Khalo, é quen, no tempo que medía entre o seu espertar e a súa volta a consciencia. Vive unha fantasía, unha festa, na que nos converte nos seus convidados. Como amigos que somos, regálanos as súas cancións, os seus bailes, as súas dores, e os seus accidentes, os seus desexos e as súas debilidades.

En definitiva, dános o seu ser máis profundo, delicado, complexo e contradictorio. Entréganos unha vida, que a pesar de ser tan dolorosa, ela converte nun salvaxe canto á vida.

 

Por último, Berrobambán protagonizará A carreta pantasma o día 17 ás 20.00,un espectáculo singular interpretado por Paula Carballeira, no que se afonda entre os límites da narración oral e o teatro. É, por tanto, un exercicio de sinxeleza ao levar á escena o poder da palabra amplificada con elementos de significación escénica. Unha exploración sobre a emoción a través dos mínimos artificios.

A carreta pantasma fálanos da morte, do medo e da memoria. Vivimos no inmediato e esquecemos con moita facilidade. Ás veces atópanos sin saber onde ir, que facer, que pensar, porque esquecimos de máis e xa non nos recoñecemos no espello. A memoria colectiva ofrécenos identidade, e de memoria falan as tres historias que compoñen este espectáculo. 

A carreta pantasma está baseado no filme sueco do mesmo título estreado en 1921, dirixida por Víctor Sjöström a partir dun relato de Selma Lagerloff, a primeira muller en recibir un Nobel de Literatura sobre unha crenza popular.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Nimiedades1 |

Preestrea de ‘Nimiedades’ de Helen Bertels

slide submarino2018 |

Xa á venda as entradas para o Festival Atlántica