As dúas poetas definen o teatro como “a república da liberdade, o territorio onde podemos matar o rei, fundar unha acrópole de mulleres, brindar con santos e apóstolos”. O Manifesto tamén gaba “as teatreiras valentes que erguen a súa voz sen medo contra os abusos, contra o machismo, contra a inxustiza”
Aldaolado, o dúo artístico formado polas poetas María Lado e Lucía Aldao, serán as encargadas de redactar e ler o Manifesto Galego do Día Mundial durante a gala dos XXII Premios de Teatro María Casares. As dúas autoras subirán o vindeiro mércores 21 de marzo ao escenario do Teatro Rosalía Castro para ler o seu texto, tal e como en edicións anteriores fixeron os xornalistas Camilo Franco e Montse Dopico, os escritores Xosé Luís Méndez Ferrín, María Xosé Queizán, Suso de Toro ou actrices como Imma António. A Xunta Directiva da AAAG decidiu encargarlles o texto a María Lado e Lucía Aldao polo seu talento e a súa traxectoria na poesía escénica co seu dúo Aldaolado, unha anovadora fórmula de achegarlles os versos aos espectadores en recitais nos que se mestura a posta en escena, a música e os poemas.
No seu texto, Lucía Aldao e María Lado sinalan que este manifesto “non é un berro, non precisa de volume nin carraxe para sosterse. Este manifesto é unha gargallada, un rirse a boca aberta, un desperrecharse. Porque a rabia é a arma da guerra, pero a risa é a bandeira da resistencia, é a intelixencia, é a liberdade”. Para as dúas poetas, “o teatro é a república da liberdade”, xa que tal e como recollen no Manifesto, a escena “é o territorio onde podemos matar o rei, fundar unha acrópole de mulleres, brindar con santos e apóstolos”. En definitiva, para as dúas autoras “o teatro non imita a vida, o teatro soña o mundo que desexamos, é a materia prima coa que construír a sociedade”. Así, o Manifesto deste ano presenta unha clara defensa pola liberdade ao longo das súas liñas. “Que non nos confundan, que non terxiversen os nosos guións escritos co lapis da honestidade, escritos para facer pensar máis aló dos dogmas. Criminalizar a liberdade supón friolizar o discurso do odio”. Ademais, o Manifesto gaba a actitude e a valentía “das teatreiras valentes que erguen a súa voz sen medo contra os abusos, contra o machismo, contra a inxustiza”.
O Manifesto será lido o próximo 21 de marzo durante a gala duns XXII Premios María Casares nos que un total de 9 espectáculos compiten nas 14 categorías. Os premios do teatro contan coa colaboración de institucións e entidades que, co seu apoio, demostran a relevancia cultural e social da escena. A Consellería de Cultura e Educación, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Fundación AISGE ou a Fundación SGAE patrocinan os premios.
Manifesto do teatro 2018, por Aldaolado
Nos tempos que corren agárdase que un manifesto sexa un berro enrabiado, cargado do veleno que corre cheo de razón polas nosas veas, un berro que bata como puño nas paredes de cristal coas que nos encerra o poder, cada día máis asfixiantes, cada día menos disimuladas, cada día máis enlamadas. Pero este manifesto non é un berro, non precisa de volume nin carraxe para sosterse. Este manifesto é unha gargallada, un rirse a boca aberta, un desperrecharse. Porque a rabia é a arma da guerra, pero a risa é a bandeira da resistencia, é a intelixencia, é a liberdade.
E o teatro é a república da liberdade. O teatro é o territorio onde podemos matar ao rei, fundar unha acrópole de mulleres, brindar con santos e apóstolos. Esa terra fértil onde unha mesa e dúas cadeiras son unha terraza do París dos 50, onde o activo máis importante é a complicidade do público, ese lugar sagrado onde as sombras cobran vida e dinnos: o teatro non imita a vida, o teatro soña o mundo que desexamos, é a materia prima coa que construír a sociedade futura. O teatro é o Estado Confederado das valentes, das libres, das que non calan se as asoballan, das que rin.
Mesmo aquelas obras máis dramáticas, aquelas traxedias máis intensas, teñen á risa observándoas caladiñamente dende caixas. Porque sen ela non serían nada. Como recoñeceríamos os días tristes se nunca coñecéramos os alegres?
O teatro é o xogo máis construtivo de todos cantos xogamos, as súas regras son autonomamente consentidas e fainos o tremendo agasallo de poder ser doutro xeito, que non é pouco.
Que xente fútil seriamos se abandonásemos a partida na que nos xogamos a beleza, a verdade, a diversión e a emoción. Todo está inzado de trampas e hai unha vontade allea que se empeña en poñer fin a un xogo de séculos, antigo e próspero como a vida. Que non nos confundan, que non terxiversen os nosos guións escritos co lapis da honestidade, escritos para facer pensar máis aló dos dogmas. Criminalizar a liberdade supón frivolizar o discurso do odio.
–Prohibido xogar, prohibido rir -din.
A risa e o xogo é o que nos fai diferentes. O que nos leva a crernos máis intelixentes e, desgraciadamente, superiores ao resto dos animais. Ao poder xamais lle pode gustar a risa, nunca estará da parte das que xogamos e ensaiamos como mudar a realidade. O poder non quere que saibamos rir, nin soñar. Quérenos mansas coma bestas- con toda a admiración que temos nós polas bestas- que tiran dunha carruaxe dourada onde pasea un tirano nu. Son as xentes do teatro as que sinalan o absurdo da escena e rin, e proclaman sen medo: Morte ao rei do aburrimento! Viva a risa! Viva a intelixencia! Viva a liberdade! Vivan os personaxes que falan sen cancelas coa nosa voz! Vivan os títeres, porque eles todo o poden dicir! E vivan, tamén, as teatreiras valentes que erguen a súa voz sen medo contra os abusos, contra o machismo, contra a inxustiza! Viva, en fin, o teatro porque nesta nación de táboas e escuro somos libres e verdadeiras!