in

XVI Encontro Universitario de Danza da USC

DanzaUSC18 |

O XVI Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC presentará os días 23 e 24 de marzo no patio central do Vello Cárcere de Lugo as novas creacións propias producidas polas dúas compañías oficiais da USC en Lugo en Santiago, así como pola formación sénior Sen Vergoña, integrada por alumnado do IV Ciclo da USC, e pola formación independente tamén xerminada na institución académica compostelá Les Braves. A Aula de Danza da UDC no seu campus de Ferrol completa o cartel desta edición do encontro de danza universitario, un certame promovido desde hai xa máis de tres lustros ao abeiro do convenio Lugo Cultural, no que participan xunto coa USC o Concello e a Deputación Provincial de Lugo, e que constitúe unha das referencias máis visibles do Espazo de Danza da USC, dirixido por Juan Carlos Zahera.

A nova compañía independente Les Braves abrirá o venres 23 de marzo, a partir das 20.30 horas o programa de representacións do XV Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC coa coreografia Volutas, interpretada e con coreografía de Daniel Lazso. De seguido, a formación sénior Sen Vergoña do campus de Lugo da USC, a primeira e única compañia de danza de IV Ciclo existente no panorama nacional universitario, porá en escena a coreografía Metaformoses, unha coreografía de Rosa Acuña dirixida por Juan Carlos Zahera. A compañía Danza USC-Lugo, dirixida polo propio Zahera, botará o pano da primeira xornada deste festival universitario coa estrea da peza Silencio, tamén con coreografía de Rosa Acuña.

A compañía Danza USC-Compostela presentará ao día seguinte no mesmo escenario a obra A aritmética do striptease, unha nova produción desta agrupación compostelá que conta con coreografía de Xiana Vilas e dirección artística a cargo do director do Espazo de Danza da USC. Logo da intervención desta formación intervirá diante do público lugués a compañía da Aula de Danza da Universidade de Coruña (UDC) xurdida no campus de Ferrol que interpretará a coreografía de Cristina Montero Substancia composta. Un segundo pase da función da compañía Danza USC-Lugo servirá de peche das representacións. A entrada ás distintas funcións programadas é de acceso libre e de balde para todo o público interesado.

Ao remate da quenda de interpretacións, o público que asista ás representacións programadas no marco do XVI Encontro Universitario de Danza Contemporánea poderá gozar dunha sorpresa que terá como protagonistas ao alumnado dos cursos de danza latina organizados ao abeiro da programación de actividades desenvolvidas polo Espazo de Danza da USC, un servizo universitario que botou a andar hai xa dúas décadas.

 

Vinte anos de historia

Corría o mes de decembro de 1997 cando botou a andar o Espazo de Danza da USC, unha iniciativa no seu día pioneira na universidade española e concibida como xerme dun laboratorio de danza contemporánea. Dúas décadas despois da súa constitución, o Espazo de Danza da USC atesoura a produción de 40 montaxes coreográficas e a realización de máis de 300 actuacións e intervencións. A presenza e participación do Espazo de Danza da USC durante este tempo en máis dun centenar de festivais, seminarios, mostras, exposicións e reunións científicas proban a consolidación desta disciplina na grella da oferta cultural e artística da institución académica compostelá.

Os encontros universitarios de danza contemporánea que organiza a USC, un dos eventos que confire maior visibilidade ao Espazo de Danza da USC, naceron hai xa 16 anos coa pretensión de servir de foros artísticos con capacidade de favorecer o intercambio cultural a través da danza, ademais de para achegar esta disciplina artística ao resto da sociedade. Estes encontros de danza posibilitaron que compañías universitarias procedentes de Francia, Portugal, Lituania, Reino Unido, Italia, México, Porto Rico e, entre outros países, Colombia, presentaran as súas respectivas creacións artísticas nos distintos campus da USC.

Outro dos méritos acadados polo Espazo de Danza da USC ao longo da súa traxectoria vén dada polo feito de terse convertido nunha canteira de futuros profesionais. A relación de artistas que pasaron ao longo destes 20 anos polo Espazo de Danza da USC é cada vez máis ampla e nela pódense atopar nomes como Amparo Novas, Alba Barral, René Rivera, Nuria Sotelo, Uxía P. Vaello, Xiana Vilas, Rosa Acuña, Triana Doce, Mónica Suárez ou Maciej Sado, todos eles recoñecidos profesionais da danza contemporánea.

No eido da I+D+i, o Espazo de Danza da USC constitúe unha fiestra aberta ao desenvolvemento e á creación arredor da danza contemporánea da man da Fundación CEER, que vén de poñer en marcha unha iniciativa pioneira en Galicia en formación en I+D+i, a través das novas tecnoloxías en artes escénicas.


Publicidade

 

Programa

Venres 23

· 20.30h. A compañía independente Les Braves presenta a coreografía Volutas, interpretada e con coreografía de Daniel Lazso.

· Despois. Formación sénior Sen Vergoña, do campus de Lugo da USC -a única compañía de danza de IV Ciclo existente no panorama nacional universitario-, con Metaformoses, coreografía de Rosa Acuña, dirixida por Juan Carlos Zahera.

· Despois. A compañía Danza USC-Lugo, dirixida por Juan Carlos Zahera, estrea a peza Silencio, con coreografía de Rosa Acuña.

Sábado 24

· Compañía Danza USC-Compostela presenta A aritmética do striptease, con coreografía de Xiana Vilas e dirección artística do director do Espazo de Danza da USC.

· Compañía da Aula de Danza da Universidade de Coruña(UDC), xurdida no campus de Ferrol, que interpretará a coreografía de Cristina Montero Substancia composta.

· Compañía Danza USC-LugoSilencio.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

asocirpi |

Asociacións profesionais únense nun comunicado de apoio a Iria Pinheiro

cartel inaugural teatro |

Unha quincena de artistas participan na Gala Inaugural do Festival Atlántica