Actualidade

Conversa con Manuel Tudela Díaz, gañador do Certame de BD sobre Teatro

PUBLICIDADE

Caixa negra, de Fernando Epelde foi o texto elixido pola erregueté para o seu VI Certame de Banda Deseñada sobre Teatro. Coa lámina “Manía”, Manuel Tudela Díaz (Madrid, 1994) foi o gañador e o encargado de adaptar para cómic a obra obtendo como resultado A caixa negra. Vinculado á escola O Garaxe Hermético, entre outros proxectos, Tudela ten participado en  libros colectivos como Verne imaxinado e O Picoto do Pai, así como na Revista Noveno nº1 e no proxecto Castelao, Alma Galega, da Editorial Galaxia. Falamos con el sobre algunhas das claves do traballo que este xoves 5 de abril se presenta no Café de Catro a Catro (Vigo) ás 20.30 e que contará coa presenza do músico e dramaturgo Fernado Epelde.

| Vanesa M. Sotelo |

 

Antes de atoparte con Caixa negra, de Fernando Epelde, tiñas algún tipo de relación co teatro?

Case nada, a verdade. Algunhas lecturas, algunhas asistencias a representacións; pero nada moi serio.

Cal foi o principal atractivo que che ofreceu o Certame de Banda Deseñada sobre Teatro?

É unha moi boa oportunidade de promoción para un autor novel coma min e foi un adestramento para achegarme ao ritmo de produción profesional… o diñeiro tampouco molesta.

O xurado do certame valorou a adecuación da imaxe á intensidade dramática e a condensación narrativa conseguida. Cales foron para ti os retos á hora de abordar a adaptación do texto?

O primeiro reto, antes de comezar, foi encontrar a maneira de representar a narrativa en audio para a que está pensada esta obra en banda deseñada. Non foi fácil, pero quedei contento coa solución. Funciona.

Despois, xa coa decisión tomada de que quería separarme o menos posible da obra orixinal, tiven que encaixar todo o contido nun máximo de 16 páxinas de banda deseñada. Foi moi complicado. Tiven que reducir a cantidade e a complexidade das imaxes para poder conservar o texto completo, pero ao final tiven que quitar anacos para que entrase todo.

Logo foi o traballo, o tempo diante do papel e do ordenador. Non foi problema, ninguén se mete nisto se non está disposto a meterlle horas. Foi neste paso cando topei co último obstáculo: a data límite. Cheguei e cheguei con tempo de facer correccións, pero tempo sempre falta.

Cales son os teus principais referentes e canto deles hai na materialización de A caixa negra?

O meu principal referente gráfico é a liña clara francesa, sobre todo o autor Yves Chaland; aínda que neste traballo hai pouco disto. Cheguei as solucións que se poden ver máis por necesidade que por ser o que fago normalmente. Non podía usar unha harmonía de cor complexa nin iluminar coa cor, porque entón non chegaba á data de entrega; así que simplifiquei todo o que puiden, con variacións dun mesmo ton para toda a obra. Din volume con texturas feitas en dixital que imitan ao gravado. Xa as usara nun exercicio anterior do garaxe no que imitara a Keko, o debuxante de Yo, Asesino (el o fai en branco e negro). Teño que dar as gracias aos profesores do Garaxe por ensinarme a facelo, sen eles non sei si daría entregado a tempo; o que é seguro é que non quedaría igual.

O cambio foi divertido, pero algo estresante.

Formas parte do alumnado do Garaxe Hermético, a escola profesional que dirixe Kiko da Silva en Pontevedra. Que supón este espazo para a banda deseñada en Galicia?

Que a banda deseñada en Galicia xa non sexa unha acumulación de individuos, que exista unha base sólida de autores de nivel profesional á redor da cal se estableza un mercado para a banda deseñada galega.

Para o individuo é a forma de condensar décadas de experiencia en tres anos e de coñecer e traballar con outras persoas interesadas nesta arte. Polo menos esa é a miña experiencia.

Confesaches que entraches no Garaxe Hermético, coa vontade de ser só guionista pero colliches o lapis con gusto. Xa como lector, que elementos destacarías do texto de Epelde e cales remarcarías da túa propia versión?

A verdade é que, tras a primeira lectura da obra non quería presentarme a este concurso; o tema non me chamaba. Pero dáballe voltas e volvía a ler todo o conxunto da obra. Creo que lin a obra catro veces só para decidirme a facer esa páxina que había que presentar.

Para min é unha obra sobre a memoria e intentei manter o tema na adaptación. De feito, como xa mencionei, quería adaptar a obra tal cal, con todo o contido e, aínda que non foi posible por temas de espazo, si que me permitiron, sen ningún tipo de problema, meter o manual de instrucións co que inicia o orixinal. Quería unha obra que tamén buscase esa inquietude por ser descifrada.

Gustaríame ter usado máis páxinas e máis tempo para a adaptación, pero a verdade e que non son fiable ao falar do meu propio traballo: sempre quero facer cambios e sempre quero máis tempo.

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!