A sexta edición do mercado profesional de artes escénicas Galicia Escena PRO ofrecerá do 11 ao 14 de xuño en Santiago os novos espectáculos de 17 compañías galegas de teatro e de danza. Organizada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, esta programación completarase cunha sesión de pitching na que outras 10 formacións explicarán os seus proxectos para a vindeira temporada, ademais de con dúas montaxes procedentes de Madrid e cunha serie de actividades paralelas.
O Auditorio Abanca, a Fundación SGAE, o Salón Teatro e o Teatro Principal volverán ser os escenarios deste evento, a través do que a Xunta lles ofrece ás compañías escénicas un espazo para entrar en contacto directo cos representantes dos teatros, auditorios, salas e mostras cara á contratación de espectáculos.
Teatro e danza para público adulto e familiar
Para a categoría de espectáculos, a comisión de selección elixiu 17 títulos galegos, dos que nove son montaxes teatrais para público adulto: A leituga, de Eme2; Casa O’Rei. Traxicomedia gastronómica, de Ibuprofeno Teatro; Cranios privilexiados… ou a crítica da razón perralleira, de Producións Teatráis Excéntricas; Elisa e Marcela, de A Panadaría; Fillos do sol, de Contraproducións; O rei morre, de Sarabela Teatro; O servidor de dous amos, de Talía Teatro; Procedimientos ante el vacío, de Teatro Ensalle, e Salvador, de Cía. Borja Fernández. En canto á oferta teatral para público familiar, as propostas seleccionadas son A galiña azul, de Tanxarina; Bathtime, de Katarsis Educación-Teatro; Patapatum, de Elefante Elegante, e Planeta Ardora, de Títeres Trompicallo.
En danza, haberá outra montaxe pensada para o público infantil e familiar (Gaia, de Entremans) e outras tres para adultos: La soledad de Wally, de Elahood; Método negro, de Javier Martín, e Plastic, de Cía. trasPediante-Paula Quintas.
Así mesmo e como en anos anteriores, Galicia Escena PRO desenvolverá unha sesión de pitching, para a que foron seleccionadas outras 10 compañías co obxectivo de lles presentar aos programadores inscritos un avance dos proxectos nos que están comezando a traballar cara á vindeira temporada. Os títulos elixidos son Alma (non é hippie), de Colectivo Verticalia; Anatomía dunha serea, de Iria Pinheiro; Arnoia, Arnoia: o circo da casa pequena, de Quico Cadaval; Auga que non vas beber, de Inacio Vilariño; Cinco mulleres que comen tortilla, de Javier Lojo; In Between, de Mikel Arístegui; Insumisión, de Gema Ulloa; Involución, de Alfredo Muíño; Liberto, de María Vázquez; e Sofía e as postsocráticas, de Marta Pérez.
Inscrición de profesionais
Este programa foi seleccionado tras a valoración artística das 112 propostas presentadas a ambas modalidades: 91 para a exhibición de espectáculos completos e 21 para a sesión pitching. Estas últimas presentacións serán de acceso exclusivo para os profesionais acreditados, que poden formalizar a súa inscrición no mercado ata o 15 de maio ás 15:00 h. a través da web galiciaescenapro.gal. Pola súa banda, a carteleira de espectáculos volverá abrirse ao público non profesional en función da capacidade dispoñible para cada un dos espazos.
Este ano contarase de novo cunha representación escénica de fóra de Galicia, a través do programa colaboración con outras comunidades autónomas que se puxo en marcha en 2016 co País Vasco e que o ano pasado se levou a cabo con Castela e León. Desta volta, serán dúas montaxes de Madrid as que poderán verse en Santiago grazas á colaboración entre Galicia Escena PRO e MADferia.