in

Festa do Teatro no Principal de Compostela

FestaPrincipal1 |
As festas da Ascensión de Compostela levan unha programación especial para público infantil e familiar ao Teatro Principal.

 

Entre o sábado 12 e o domingo 13 de maio, doce pezas de microteatro e tres concertos encherán de fantasía, música e risos os distintos espazos do Teatro Principal de Compostela. Numerosas compañías e artistas do país integran esta Festa no Teatro. A cargo das pezas que percorren os recunchos do Principal topamos a Marta Ortiz, Avelino González, Fátima Villamel, Pablísimo, Elefante Elegante, Martín Camiña, Vero Rilo, Anxo García, Larraitz Urruzola, Ana Carreira, Ghazafelhos e Charo Pita. Completan a programación os concertos de Trotaventos, Oviravai e Magín Blanco no escenario central do Teatro. A entrada para todos os espectáculos é libre ata esgotar o aforo e só para ás pezas de microteatro é imprescindible retirar entradas no despacho de billetes en horario de 18:00 a 21:00 horas.

A programación abre o sábado 12 de maio ás 11:30 horas co primeiro feixe de pezas. Animaladas, de Marta Ortiz, é unha compilación de contiños de animais, historias tolas e divertidas, que nos fan transitar por emocións moi humanas, como o medo, o amor, a ira, a amizade, a esperanza. A lumbrigante e o congro, de Avelino González, recolle un conto popular sobre o medo e a astucia debaixo do mar. Tirar do fío-Contos signados, de Fátima Villamel, é unha invitación a descubrir historias, a viaxar a lugares remotos, a namorar, a lembrar, a xogar coas letras e as palabras e a soñar. Finalmente, Contiario, de Pablísimo, abeira contos que empezan ao revés, contos con moitos finais, contos de nunca rematar, fábulas, cantares de cego, contos minúsculos, adiviñas, e mesmo contos-canción.

Ás 13:00 h, os Trotamundos presentan en concerto o seu traballo A fiestra dos soños. Trece poemas que cantan á natureza, musicados con gran variedade de compases, influencias e ritmos, e numerosos cambios de tonalidade cunha liña que bebe das músicas populares do mundo e que atravesa cada un dos temas para darlle unidade. A proposta busca tamén familiarizar as pequenas e pequenos coas palabras, xiros e expresións propias da nosa lingua, co gallo de expoñer e dignificar o galego e o seu entorno primixenio nun país que corre a pasos axigantados cara ó esquecemento. Todo iso aderezado con melodías de gusto exquisito que xunto cos textos converten as pezas en idóneas para o pracer de grandes e pequenos. Esta é a versión concerto dun libro-CD editado pola Editorial Galaxia como parte da colección Sonárbore.

A tarde do sábado abre ás 17:00 horas cunha nova xeira de microteatro. O Xigante, de Elefante Elegante, achega unha homenaxe ao libro e á lectura na que conviven o cómico e o poético e a narración oral é acompañada polo teatro xestual. Os Feitizos, de Martín Camiña, veñen con cachifallos e chilindradas máxicas que nos fan dubidar de se o que estamos a ollar corresponde co que percibimos, nun espectáculo ben sorprendente e cheo de ilusións. Segue o programa con A bruxa Regañadentes, que Vero Rilo compón a partir da obra homónima de Tina Meroto e, finalmente, os monicreques de Anxo García cóntannos a historia de Bartolo Bartolochi, o único trapecista do mundo con boina, que ficou atrapado no Teatro Principal a comezos do século XX, cando aquí chegaban todo tipo de espectáculos.

O concerto As andanzas de Paio, por conta d’Oviravai ás 18:30 horas, pon fin á tarde do sábado. É este un proxecto que concede especial atención á transmisión de valores sociais como a amizade, a solidariedade, o traballo en equipo ou o coidado do planeta, a través de orixinais e divertidas cancións e historias, que conta o teixugo Paio ao volver dunha viaxe. O musical parte do libro-CD homónimo As andanzas de Paio, o primeiro traballo da compañía que forma parte da colección Sonárbore da Editorial Galaxia.


Publicidade

Xa no domingo, as sesións de microteatro arrancan de novo as 11:30 horas. Babamor, de Larraiz Urruzola, recolle historias creadas e contadas por mulleres en moitas familias grandes e pequenas, diversas e envoltas en toneladas de cariño. Ollos que miran a outros ollos, cóxegas e paseos por xardíns de bolboretas. Nesta ocasión farannos saber do acontecido con Martín e as montañas na cama, un contiño onde se aborda a sexualidade con moitísimo humor, naturalidade e a dose xusta de tenrura. A peza Unha Bela e unha Besta diferentes, de Ana Carreira, conta a historia dunha moza que se volve fermosa e até atopa o amor grazas á besta que o seu pai lle regala pero que, mesmo así, non acada a felicidade. En Unha viaxe no tempo: as cavernas, Os Ghazafelhos exploran como se vivía na prehistoria a través das peripecias da doutora Monsilia Brimini, a científica máis grande da historia, que consegue artellar unha máquina do tempo que nos traslada ao mundo dos cavernícolas. Para rematar, Charo Pita narra como A Pitiña Cocoricoricó sae á procura do desaparecido arco da vella para volverlle o sorriso á lúa.

O último concerto desta programación chega da man de Magín Blanco co espectáculo Gatuxo. Ás 13:00 horas comeza esta actuación que nos presenta a evolución dun bebé, reflectida nas súas rutinas diarias. Grandes aventuras como aprender a comer só, descubrir a risa, comezar a gatear, emitir os primeiros son e verbas, xogar, dar os primeiros pasos ou bailar. Gatuxo é un espectáculo onde se fusionan as artes, a música, as cantigas, o teatro, os contos, o clown, a manipulación de obxectos ou o claqué, todo interpretado en directo por tres músicos a dúas voces e unha actriz, dirixido a crianzas de 0 a 5 anos e aos seus familiares acompañantes.

 

FestaPrincipal2 |

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

FaustCastorf |

Rolda internacional: 11 / 05 / 2018

Foto ulisses Jorge copia |

A Tempada de Teatro continúa en Pontevedra coa Companhia do Chapitô