in

Audioguías teatralizadas por Chévere na Mariña de Lugo

audioguíaschévere |

Esta mañá presentouse unha iniciativa turística innovadora para darlle máis pulo ao turismo da comarca da Mariña: unhas audioguías teatralizadas con información sobre os cascos históricos de Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro. A compañía Chévere foi a encargada de realizar este proxecto que inclúe narracións, escenas dramatizadas, entrevistas, mapas sonoros, gravación binaural, músicas, ambientes e efectos sonoros, etc.

Chévere é unha das compañías máis veteranas do panorama teatral galego actual: conta con máis de trinta anos de traxectoria durante os cales, ademais de producir os seus espectáculos, xestionou un teatro propio (a sala NASA), realizou numerosas obras audiovisuais, desenvolveu proxectos para a Internet ou puxo en marcha un laboratorio de creación para impulsar proxectos escénicos que fosen máis alá do núcleo estable da compañía (A Berberecheira). En 2014 recibiu a Premio Nacional de Teatro e, na actualidade, ten contratado co Centro Dramático Galego a produción do espectáculo Divinas Palabras Revolution, unha versión do Divinas palabras de Valle Inclán.

O primeiro roteiro presentado hoxe corresponde a Mondoñedo, ten unha duración de 45 minutos e xira arredor da figura de Álvaro Cunqueiro como eixo temático, utilizando os espazos urbanos vencellados coa súa vida e coa súa obra como fío condutor. A obra de Cunqueiro é cada vez máis universal e está moi ligada a Mondoñedo, converténdose nun símbolo vivo do imaxinario colectivo dos mindonienses.


Publicidade

Visítanse e fálase de lugares como a antiga Casa do Concello, a estatua sedente de Cunqueiro, a casa natal de Pascual Veiga, o Seminario de Santa Catarina, a Fonte Vella, a casa natal de Cunqueiro, a barbería do Pallarego, a farmacia do pai de Cunqueiro nos baixos do pazo episcopal, a Catedral, a casa natal de Lence Santar, a Escola de Obreiros Católicos, Cine Pacheco, Convento das Concepcionistas, libraría Montero, Café Madrid, Imprenta de Sucesores de Mancebo, Casa do Concello, Igrexa Nova, Cemiterio Vello…

As audioguías están gravadas en galego aínda que o Presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano Garcia, avanzou que contarán con outros idiomas, xa que serán traducidas ao castelán e ao inglés, como mínimo.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

DSC9617 2 |

Isabel-Clara Simó, Escritora Galega Universal 2018

manulago |

Manu Lago: “O fito fundamental da danza contemporánea galega é a resistencia, sen dúbida”