in

Xerpo Cultural estrea ‘Casquería e outras vísceras’ en Vigo

Casquería |

Casquería e outras vísceras , dirixida por Irene Moreira e interpretada por Álex Sobrino e Olga Cameselle, estréase esta fin de semana na sala Ártika de Vigo (venres 1 e sábado 2 ás 21:30, e domingo 3 ás 20:00). A nova proposta escénica de Xerpo Cultural fala da substancia interior do ser humano. A través da linguaxe poética e dunha dramaturxia das posibilidades ofrece á espectadora un lugar para a reflexión e para acción.

Casquería e outras vísceras fala da incapacidade política para detectar o talento e da única vía posible de supervivencia que é a militancia coma minoría.

Por que a sociedade non é quen de detectar o talento? Ao mellor é porque non está conectada coa súa identidade. A identidade foise diluíndo en feitos maquinais como traballo, consumo, supervivencia… teremos que voltar militar no pensamento da acción e resisitir dende as vísceras, ou ao mellor temos que pensar outros mecanismos para non sentirnos fóra, na periferia perante un futuro sulagado.

Asi é como desde Xerpo Cultural ven o tecido social: unha trama escura onde semella que todas somos toupeiras e onde as mentes brillantes poden cegarnos, co cal é mellor non consideralas. Iso fai que todo o interesante sexa minoritario, e en breve, o minoritario, exótico. E para daquela, se aínda queda algo de cultura galega, seremos vip, como son agora as civilizacións precolombinas e algunhas tribos africanas. De momento somos “hai un galego na lúa…” e os anucios de Gadis, onde ao estilo de Braveheart, faise da idiosincracia galega un produto de consumo.


Publicidade

O megamonstro da globalización instalouse con éxito e a súa última versión mellora as capacidades para pasar desapercibido, semellan non existir as diferenzas sociais, a desinformación inconsciente é habitual. Parece que buscamos a información onde queremos porque estamos todo o día conectados co móbil pero en realidade estamos escravizados a estar aí, sempre en perfección, harmonía e sen emocións, sobre todo sen enfado, que iso non está nada ben visto.

Álex Sobrino e Olga Cameselle son a carne desta casquería no escenario, Montse Piñeiro asina a plástica do proxecto dende o espazo escénico, a iluminación o vestiario e os visuais, Natalia Cancela o Espazo Sonoro, Jose Vaquero a axudantía de Dirección e Irene Moreira, volve dirixir e escribir este manifesto de resistencia e amor ao teatro.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

setefalares |

Nova edición de Sete Falares en Pontevedra

metrocadrado |

Aberto o prazo de inscrición para o II Certame de Microteatro m² do FIOT de Carballo