in , ,

Aberto o prazo de inscrición para o II Certame de Microteatro m² do FIOT de Carballo

metrocadrado |

Por segundo ano, a Asociación Cultural Telón e Aparte, organizadora do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo convoca o Certame de Microteatro M², que estende o teatro a outros espazos fóra dos escenarios tradicionais e busca novos formatos. Estas son as bases:

 

1º FINALIDADE
A Asociación Cultural Telón e Aparte, organizadora do FIOT convoca o Certame de Microteatro M². Con esta convocatoria preténdese apoiar a creación escénica de novos formatos e a compañías e creadores emerxentes ofrecendo un contexto privilexiado para a presentación e estrea de espectáculos, así como captar novos públicos e implicar aos espectadores e á cidadanía en proxectos escénicos.
O Certame de Microteatro m² é un concurso de proxectos escénicos de pequeno formato (microteatro) concebidos para poñer en escena en espazos non teatrais nos que o público se situará a curta distancia dos intérpretes.

Publicidade

2º DESTINATARIOS
Poderán optar ao Certame todas as persoas físicas, grupos ou compañías teatrais que creen un espectáculo que cumpra as características que se establecen nestas bases.

3º CARACTERÍSTICAS DA OBRA E FORMATO

  • Os participantes deberán presentar unha proposta dramatúrxica dunha duración de entre 10 e 20 minutos creada para representala en espazos non teatrais de Carballo, determinados pola organización, e na que os espectadores estarán situados a unha curta distancia dos intérpretes (1 m aproximadamente).
  • As obras poderán ser tanto pezas orixinais como pezas xa estreadas, aínda que se terá en conta a nova creación e, especialmente, a adecuación aos espazos ofertados e a autoría propia.
  • As propostas textuais deberán estar en lingua galega.
  • A obra poderá estar destinada a público de calquera idade e estará dirixida a un número de entre 1 e 20 espectadores.

Espazos ofertados:

  • Barbería
  • Celda do antigo cárcere de Carballo
  • Ascensor panorámico do Pazo da Cultura de Carballo
  • Rúa Coruña
  • Lavadoiro público
  • Almacén de cereais
  • Floraría
  • Clínica dental
  • Galería de arte
  • Panadaría tradicional
  • Vivenda (sala, cociña, escadas…)
  • Sala de exposicións, corredor ou aulas do Pazo da Cultura

As persoas físicas, grupos ou compañías teatrais que precisen máis información sobre os espazos ofertados poden realizar as súas consultas no correo electrónico [email protected]

4º DESENVOLVEMENTO DO CERTAME
A convocatoria desenvolverase en tres fases:

1.-Recepción das propostas.
O prazo de inscrición será do 28 de maio ao 29 de xuño.
2.- Selección das propostas por parte do xurado e comunicación aos gañadores.
Un xurado profesional valorará as obras recibidas e as gañadoras daranse a coñecer antes do 15 de xullo.
3.-Exhibición.
As representacións das pezas gañadoras realizaranse entre o 21 de setembro e o 2 de novembro, preferiblemente en sábado.
Cada compañía ou grupo representará un mínimo de tres veces a súa peza dependendo da duración desta. Todas as representación serán o mesmo día.
A organización do Certame concretará a data e o número de pases co responsable da peza seleccionada e coordinará con el as necesidades técnicas de son e iluminación.

5º PREMIOS
O premio consistirá na selección dunha proposta dramatúrxica para a súa representación no marco do FIOT e de 300€ unha vez representadas as pezas. Ademais dunha axuda económica de 100€ para gastos de producción e desprazamento.
O xurado seleccionará de 4 a 6 propostas dramatúrxicas.
Ademais todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán aos seguintes premios:

  • 150 € Premio do Público.
  • 150 € Premio á Mellor Interpretación

Ás contías dos premios aplicaráselle a retención fiscal correspondente.
O xurado poderá seleccionar dúas pezas suplentes por se algunha das gañadoras non puidese realizar a representación.

6º PRAZO, LUGAR E PROCEDEMENTO PARA A PRESENTACIÓN DE PROXECTOS
A inscrición realizarase enviando a solicitude ao correo electrónico [email protected] do 28 de maio ao 29 de xuño.
Xunto coa solicitude de participación do Certame adxuntarase a copia do DNI da persoa responsable do grupo ou compañía e o material complementario que considere (dossier, texto, fotografías, vídeos,…)
Poderán inscribirse todas aquelas persoas físicas, grupos ou compañías onde todos os seus membros sexan maiores de idade.
No caso de grupos non constituídos xurídicamente deberán presentar unha relación asinada por todos os membros do grupo (segundo o modelo indicado pola organización) e nomear a un
representante.

Publicidade

7º O XURADO
O xurado estará composto por diferentes persoas relacionadas coas artes escénicas. A decisión do xurado darase a coñecer antes do 15 de xullo.
O xurado e a organización poderán declarar deserto algún premio e terán a competencia de resolver calquera circunstancia non prevista nas presentes bases con absoluta autoridade.

8º DEREITOS DE AUTORÍA E IMAXE
Todos os textos empregados deben cumprir coa regulación establecida cos dereitos de autor. No caso de non facelo, a organización non se fará cargo.
A organización resérvase o dereito de tomar imaxes das pezas para empregar en redes sociais ou prensa.

9º ACEPTACIÓN DAS CONDICIÓNS
A inscrición ao Certame de Microteatro M² implica a aceptación destas bases.

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Casquería |

Xerpo Cultural estrea ‘Casquería e outras vísceras’ en Vigo

Directo93 |

Pechado o elenco para a nova coprodución de Pisando Ovos