Do 4 ao 18 de xullo celébrase a 35ª edición do Festival de Almada. Nun ano no que esta histórica cita coa escena internacional viu reducido o seu orzamento nun 25% con respecto ao cuadrienio anterior, a Companhia de Teatro de Almada cumpre 40 anos de vida e continúa o seu proxecto cun programa que aposta pola diversidade de linguaxes artísticas e aborda diferentes correntes estéticas. 24 espectáculos conforman o programa desta nova edición que se distribúe por 11 espazos do municipio almadense e Lisboa. O espectáculo Bigre-mélo burlesque, gañador do Premio de Honra en 2017, foi o encargado, onte, de inaugurar esta nova entrega.
Entre as compañías portuguesas que se presentan en Almada pódense citar a Artistas Unidos en co-produción co Centro Dramático de Viana con Nada de mim, de Arne Lygre, baixo a dirección de Pedro Jordão. Bonecos de luz será o espectáculo da Companhia de Teatro de Almada, unha declaración de amor aos filmes de cine mudo baixo a dramaturxia e dirección de Rodrigo Francisco a partir de Romeu Correia. O Teatro Nacional do Porto desembarcará en Almada coa Lulu, de Nuno M. Cardoso a partir de Frank Wedekind. António Pires dirixe para Ar de Filmes / Teatro do Bairro Colonia Penal, a partir de Jean Genet, e Diogo Infante fai o propio en Carmen: un monólogo que dá voz a unha das actrices portuguesas máis amadas como é Carmen Dolores. A última estación, de Elmano Sancho, explora nunha anécdota relacionada coa vida de Ted Bundy, un asasino en serie norteamericano que asasinou máis de 35 mulleres: Elmano Sancho gardou o retrato do asasino xunto ás súas próprias fotografias, ata que un día alguém confundiu o seu rostro co do criminal.
De igual modo, a danza portuguesa conta con un espazo especial no cartel de Almada coas compañías de Olga Roriz e a Companhia Nacional de Bailado, con Tânia Carvalho á cabeza. Roriz presenta O meio da noite, un espectáculo homenaxe ao realizador Ingmar Bergman, mentres que Carvalho ofrece un especial diálogo coa Odisea de Homero en A tecedura do caos. Dentro do espazo formativo “O sentido dos mestres”, a danza será a gran protagonista coa serie dedicada a Olga Roriz, que sucede nesta serie a Luis Miguel Cintra, Peter Stein, Ricardo Pais e Juni Dahr.
Entre as producións internacionais, o Festival de Almada acolle neste 2018 espectáculos chegados de Europa, África e América Latina. Entre as propostas destacan compañías como a do creador italiano Pippo del Bono que, despois de Orquídeas e Vangelo –dous traballos atravesados pola dor da morte da nai– regresa a Almada con La gioia. Isabella’s Room de Jan Lauwers chega a Almada despois da súa estrea en 2004 no Festival de Avignon e constitúe unha viaxe polo século XX desde as dúas grandes Guerras pasando polo colonialismo e o rexurdimento da estrema dereita. Théâtre de la Ville presenta Estado de sitio, de Albert Camus baixo a dirección de Emmanuel Demarcy-Mota. Arizona, de Juan Carlos Rubio, baixo a dirección de Ignacio García é a co-produción entre o Teatro de Babel e o Centro Dramático Nacional: unha traxedia musical americana na que unha parella de norteamericanos se prestan voluntarios para o proxecto Minute Man, que consiste en partir ao deserto armados e vixiar aos veciños do sur.
Actriz, é unha obra que Pascal Rambert escribiu para o Teatro de Arte de Moscova cando se decatou do grande amor do público ruso polos autores e que se presenta en Almada nunha coprodución do Theatre des Bouffes du Nord. Ademais, desde Eslovenia, o Mini Teater de Liubliana ofrece a posta en escena de Final do amor, tamén de Pascal Rambert, baixo a dirección de Ivica Buljan, no que un actor e unha actriz nunha sala de ensaios poñen fin á súa relación.
A reunificación das dúas Coreas é o texto de Joël Pommerat que chega da man do croata Gavella Drama Theatre con dirección de Paolo Magelli. Liliom, é a obra máis coñecida do autor húngaro Ferenc Molnár e preséntase aquí nunha adaptación con dirección de Jean Bellorini: unha produción que continúa en cartel dende a súa estrea en 2013.
A compañía belga Transquinquennal achégase a Almada coa esquizofrénica Philip Seymour Hoffman, por exemplo, unha comedia feroz do dramaturgo arxentino Rafael Spregelburd. Hors-champ da compañía belga Michèle Noiret constitúe unha longametraxe escénica para cinco bailaríns e un operador de cámara no que o que está fóra de campo complementa o que vemos na escena.
Kalakuta Republik é o nome da coprodución entre Faso Danse Théâtre e Halles de Schaerbeek e é o nome co que o compositor Fela Kuti bautizou a cela na que foi encerrado e na que foi preso. O coreórafo Serge Aimé Coulibaly inspirouse na vida do músico e activista nixeriano para crear un espectáculo que confronta ao público cunha África sen cliches. Dr. Nest de Familie Flöz, fálanos dun psiquiatra que acaba de ser colocado nun hospício moi especial, onde as fronteiras entre a sanidade e o delírio se dilúen.
David Marton leva ata o festival a súa versión da ópera La Sonambula, de Bellini, nunha montaxe de teatro musical que lle valeu comparacións co seu mestre Christoph Marthaler. Federico García aborda a vida de Federico García Lorca cruzando o flamenco e o vídeo nunha simbólica viaxe de tren entre Madrid e Granada con dirección de Pep Tosar
O Festival de Almada inclúe tamén concertos (Manel Cruz, Rita Redshoes ou Fernando Tordo), dúas exposicións de José Manuel Castanheira (unha dedicada a Yvette Centeno e outra que continúa o 40º aniversario da Compañía de Teatro de Almada), e outra do artista plástico Paulo Brighenti, autor do cartaz desta edición. Tamén haberá encontros cos creadores (Nuno M Cardoso, Viviane De Muynck, Jean Bellorini, Ivica Buljan, o trío formado por António Pires, Luís Lima Barreto e Fátima Ferreira, Emmanuel Demarcy-Mota e Natália Luiza).