in

Nómades

NomadesXaropeTulu |

Anécdota e efecto

| Manuel Xestoso |
| Foto: ProLight Foto Estudio |

 

O asunto da identidade de xénero ten tantas arestas que cómpre ter claro cal é o relato que queremos transmitir para ter éxito en vencer esas resistencias ao cambio de que facemos gala os seres humanos. A identidade adoita ser unha construción demasiado fixada nas nosas mentes, e propoñer unha transformación debe contar cun argumentario convincente que lles permita aos espectadores atreverse a pensar sen as pexas que a tradición nos obriga a arrastrar. Nómades parte da convicción de que o público comparte o seu punto de vista, de que xa coñece o argumentario, e quizais iso non é exactamente así.

Talvez o punto de partida sexa demasiado amplo ou talvez é que se escolleu a priori unha forma de contar determinada sen valorar se se adaptaba ou non ao relato. Mais o certo é que o discurso da obra non acaba de callar no patio de butacas.

Nunha concesión a certas estéticas, a montaxe decide achegarse ao seu tema a través dunha “desdramatización” que pon a anécdota por riba da materia a tratar. O circunstancial substitúe a un tratamento medianamente detallado do asunto, na esperanza de que o público reconstrúa o marco xeral que se quere expoñer. Pero na liña seguida para facer avanzar a obra, ese anecdotario acaba sempre por distraer da cerna da cuestión, por engadir máis confusión que claridade. E o ritmo escollido non colabora en manter a atención: case sempre está máis centrado no efecto momentáneo que no conxunto.

En cada opción escollida, Nómades semella estar máis pendente de facer exhibición da forma que de achegar o discurso ao público. E cada elección afonda un pouco máis no desinterese do auditorio, que acaba por ver como algo alleo un exercicio escénico que non parece moi concernido con comunicar algo máis que unha serie de episodios cuxos vínculos aparentan ser algo remoto. E esa contradición remata por estragar un intento ben intencionado de contar algo necesario sobre a ambigüidade das identidades.


Publicidade

 

Nómades, de Xarope Tulú.

Dirección: Gena Baamonde.
Elenco: María Roja, Atenea García e Diego Martínez.
Música orixinal: Nicolás Zamorano
Deseño de iluminación: Laura Iturralde
Escenografía: Nicolás Zamorano
Vestiario: Marte Martinka
Deseño cartel: Alba Blanco
Técnico Luz/Son: Nicolás Zamorano
Video: Caneca
Produción: Xarope Tulú

Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Auditorio Municipal. 3 de xullo de 2018.

Este artigo foi previamente publicado no Faro de Vigo de 5-07-2018.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

PisandoOvosGiveIt |

Hoxe comeza o programa da VIII edición de Corpo (a) terra

Singlot18 |

Irmandade a prol do humor entre a Mostra de Teatro de Cangas e o Singlot Festival de Girona