Reproducimos aquí os textos lidos por Luma Gómez e Eduardo Alonso durante a cerimonia civil de despedida a Ernesto Chao. A colaboración entre os tres foi continua durante as últimas décadas, en especial durante a “etapa de formación” do teatro profesional galego, na que contribuíron a crear o Centro Dramático Galego, e durante na década de 1990, na que traballaron xuntos nunha serie de obras de Teatro do Noroeste. Sirvan estes textos escritos dende a amizade como homenaxe ao gran actor.
Querido Nesto:
Es unha das persoas máis importantes da miña vida, persoal e profesional, coido que ti xa o sabes.
Póñome pensar, e nos últimos corenta anos non hai moitos días da miña vida nos que ti non esteas presente: nos ensaios, nos veráns, nas viaxes, pero tamén nas reivindicacións, na construción dunha profesión que tanto ti coma eu amamos e quixemos mellorar.
Neste tempo compartimos moitas cousas máis aló do teatro: unha enorme amizade que atravesou a nosa vida desde aqueles tempos de Vigo e que dura até hoxe. Coincidíamos tamén nas ideas políticas: ¡Lembras, no franquismo! Militabamos sen sábelo no mesmo partido, tiñamos camaradas comúns e cando comezamos a falar xa compartíamos moitas cousas que nos acercaban no ideolóxico.
Foi moita vida compartida e non sei se agora que ti marchas serei quen de convivir coa ausencia que me deixas: ausencia de tantos risos, penas, complicidades, escenarios, éxitos, derrotas…
Imposible esquecerme da túa bondade, da túa ironía, da túa elegancia, do teu sentido do humor, do teu cariño, das horas, días, anos nos que tanto nos temos divertido xuntos cos espectáculos que compartíamos. En fin, déixasme orfa da túa presenza, da túa amizade, e de súpeto síntome perdida, sen saber que facer con tanta tristeza.
Desexo que teñas unha boa viaxe, compañeiro. Até sempre Nesto. Bicos e apertas.
Luma Gómez
Nesto Chao
Xa outros dirán o que é obvio:
que fuches o máis grande actor que deu a Patria,
que nada desta arte se entende,
sen entender a túa ollada.
Pero eu so podo falar do inmenso dolor que atenaza
como un tornado a miña garganta,
e da rabia que sinto como un cravo
incrustado no centro do sentido
por ser a vida tan absurda e mala.
Déixanos sos e desolados, amigo da alma, compañeiro.
Con quen debullarei os meus sorrisos?
A quen divertirán as miñas chanzas?
Quen escoitará coa túa paciencia
as guerras que resoan na xornada?
A quen protestarei das miñas eivas?
Quen me acompañará agora no desgarro?
Onde atoparei de fiado o consolo?
Quen fará agora que o duro con naturalidade amoleza?
Quen porá a retranca nas cousas que parecen serias?
Quen iluminará a nosa madrugada?
Con canta soidade nos deixas, amigo da alma, compañeiro.
Outros dirán con razón certa
que fuches dos bos e xenerosos.
A min núbraseme a vista
da revolta interior que desacouga
como a man esquerda dun xigante
bébedo de xenreira e de carraxe
querendo reverter o irreversible
por riba de enunciados de beatas
e de diagnósticos non previstos.
O direi con toda contundencia,
a quen corresponda e por triplicado,
non estou de acordo co establecido
e non hai lóxicas de vida que me sirvan
nin consolos que me cadren na existencia.
Bérroo desde o fondo máis profundo
das entrañas da miña alma:
¡Non estou de acordo! Que se saiba.
Máis nos deixas sen remedio, amigo da alma, compañeiro.
E teño que aceptar o teu destino
renegando do meu por vivilo
dun xeito que non quero.
Como sementarei agora as esperanzas?
De que forma se artellarán os futuros?
En que lugar se establecerán as posibilidades?
Se deixas un oco tan profundo,
tan inmenso e certo, que espanta.
Onde te podo agora atopar, meu amigo.
Dáme enderezo e referencias, dáme algo
que me indique, lugar, hora, calendario,
que oriente a orfandade en que nos deixas
e sirva de timón na travesía
e de esperanza nesta estraña vida desbocada.
Non podo ver a vida como antes,
non quero ver a vida como agora,
non entendo esta inmensa falta,
non podo asumir que non esteas á nosa beira.
Que ninguén me fale da túa morte,
que non haxa novas nos telediarios,
que ninguén asuma a túa perda,
que as asociacións non se disparen,
nada pasou, non é verdade.
Silencio de lamentos,
todos a unha: ¡Nesto está connosco!
Foi un erro do destino,
unha falcatruada, unha burla,
un sen sentido como tantos
que se organizan no camiño.
Porque ti quedas aquí, claro e rotundo.
Como sempre fuches, como sempre serás.
Un puntal, un golpe, un atributo.
Un comezo, nunca un final,
un estandarte, un remanso de paz,
un ariete, un espazo infinito,
un camarada, unha posibilidade inmensa,
un teorema. Por iso, déixate de brincadeiras e aparece,
que te botamos de menos, inmensamente,
amigo da alma, compañeiro.
Eduardo Alonso