PUBLICIDADE

O teatro converterase no principal protagonista cultural do outono en Ponteceso. No mes de novembro celébrase a 25ª edición do Ciclo de Teatro Concello de Ponteceso, un dos eventos máis consolidados da localidade e cita obrigada para os/as amantes e afeccionados/as das artes escénicas. Para celebralo, o departamento de Cultura vén de elaborar unha programación especial, subvencionada pola Deputación da Coruña, con actuacións gratuítas todos os sábados do mes e a visita dalgunhas das compañías máis importantes do país para promover unha cultura teatral propia e fomentar o consumo de teatro feito en Galicia e en galego.

Nesta edición, as funcións darán comezo ás 22.30 horas no salón de actos do Edificio das Escolas.

O sábado 3, a compañía encargada de inaugurar o certame será Talía Teatro, que achegará a súa revisión do clásico O servidor de dous amos, un dos textos inmortais da historia do teatro convertido no referente por excelencia da Commedia dell’Arte. Oito intérpretes desenvolverán un espectáculo onde todo será posible, a mentira e a confusión serán a base do xogo e os distintos espazos mudarán á vista do espectador para rir de todo e de todos, ata de nós mesmos. Un espectáculo trepidante e deslinguado, que resultará tan mordaz como divertido.

A segunda representación terá lugar o sábado 10 e correrá a cargo de Contraproducións, que presentará Fillos do sol, unha elucubración teatral sobre a figura de Eduardo Pondal e a súa obsesión coa obra que centrou toda a súa vida como escritor: Os Eoas. Realidade ficcionada e fabulación dramática para amosar ao bardo pontecesán dos últimos tempos, octoxenario e neurótico, con dúbidas, medos e insatisfaccións creativas.

Da man da mesma agrupación teatral chegará o día 17 Commedia, unha peza que cumpre tamén 25 anos sobre os escenarios desde a súa estrea en 1993 na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT). Con máis de 200 funcións representadas en España, Portugal e Francia, este fito do teatro galego presenta unha sucesión de divertidos equívocos e enxeñosos enredos para falar do amor romántico e os riscos da sinceridade.

Por último, a compañía coruñesa Náufragos porá, o sábado 24, o broche de ouro ao certame coa súa carta de presentación, Castrapo, unha proposta actual e próxima ao espectador que narra a viaxe ás orixes, ás raíces, falando do que fomos e xa non somos e do que somos e xa non seremos.

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Relacionado

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!