in ,

Convocatoria para a XII Mostra de Teatro Amador “Terras do Orcellón” 2019

theatre 2535552 1280 |

Tiruleque organiza a XII Mostra de Teatro Amador “Terras do Orcellón”. Como vén sendo habitual neste evento que organiza Tiruleque, Grupo de Teatro, coa axuda e subvencións da Deputación Provincial de Ourense e o Concello do Carballiño, as representacións celebraranse entre o abano dos días 5, 6, 12, 13, 19, 20, 26 e 27 de Outubro de 2019, ás oito da tarde, no Auditorio Manuel María do Carballiño.

A organización mantén o importe de oitocentos euros que se viña pagando por actuación a cada grupo seleccionado. Ademais, e coa esperanza de poder perpetualo, Tiruleque anuncia para esta edición o Premio á Mellor Obra, que será outorgado polo público asistente a medio de votación, e dotado con cincocentos euros (500’00 €), sen prexuízo de aumentar a dotación para outros premios, como mellor actor/actriz, mellor dirección, etc. se a economía deste evento o permite.

E tamén, por segunda vez, anúnciase a continuidade do Premio Tiruleque, que se concederá -a criterio da organización- ao mellor grupo teatral participante. Este premio, que non tén contido económico, consiste na contratación directa do grupo gañador para a futura XIII Mostra de Teatro Amador “Terras do Orcellón” 2020, sen ter necesidade de pasar pola escolma do Xurado cualificador.

A organización insiste en que non está no seu ánimo aplicar as bases de participación dun xeito totalmente ríxido e inflexible, aínda que si debe manter un certo rigor para que a participación na Mostra poida amosarse en igualdade de condicións para todos. Por iso pide colaboración, para presentar as ofertas dentro do marco que solicita, e que se explica a continuación máis polo miúdo.

 

PRIMEIRO

Son requisitos imprescindibles,

1.- Que as obras estean interpretadas no idioma galego.

2.- Que teñan unha duración de 60 minutos como mínimo, e de 90 minutos como máximo.

3.- Que os grupos participantes sexan afeccionados.

SEGUNDO

1.- Os grupos interesados en participar na XII Mostra de Teatro Amador “Terras do Orcellón” 2019, deberán remitir ó enderezo de Tiruleque, que máis adiante se amosa:

  • 1.1- Ficha de Inscrición debidamente cuberta e firmada.
  • 1.2.- Catro fotos (mínimo) da representación da obra en formato JPG (NON en papel, PDF, TIFF ou calquera outro formato).
  • 1.3.- Cartel da obra en formato JPG (insistimos! NON en papel, PDF, TIFF o calquera outro formato).
  • 1.4.- DVD da obra ou, preferentemente, enlace de internet onde se poida ver.
  • 1.5.- A data límite para enviar as inscricións e documentación será o día 15 de Xuño de 2019.

2.- Deberá terse en conta que os grupos seleccionados teñen a obriga de mandar 20 carteis en tamaño A3·Plus da obra a representar cando así lles sexa requirido pola organización da Mostra. No caso de non recibirse os amentados carteis, Tiruleque encargaríase da súa confección; pero os gastos da súa impresión correrán por conta do grupo seleccionado; importe que se deduciría do pago final.

3.- A carga e descarga do material, montar e desmontar a obra, será responsabilidade de cada grupo participante, aínda que Tiruleque estará sempre no Auditorio Manuel María do Carballiño para recibir e asistirvos durante toda a xornada, como ven sendo costume e obriga que nos botamos derriba con gusto.

4.- Como é lóxico, a inscrición na XII Mostra de Teatro Amador “Terras do Orcellón” 2019, implica a aceptación destas bases


Publicidade

5.- E coma sempre as ofertas deben dirixirse, ben por correo ordinario ou electrónico, a:

  • Tiruleque, Grupo de Teatro Rúa Tomás Ma Mosquera 36 – 1o Aptdo. 115
    32500 O CARBALLIÑO (Ourense) Tfnos. 988 27 00 90 * 617 35 44 56 [email protected] [email protected]
  • As fotografías e cartel amentado no apartado SEGUNDO, 1.2 – 1.3 deberemos recibilas necesariamente por correo electrónico, ou ben nun CD, lapis (pen drive) ou dispositivo semellante de onde se poidan extraer.

TERCEIRO

1.- Tiruleque, Grupo de Teatro resérvase o dereito a gravar as actuacións dos grupos seleccionados; gravación que pasará a formar parte do arquivo da Mostra, se ben enténdese que tal gravación non poderá ser cedida a terceiros, sen permiso do grupo participante.

2.- Tiruleque, Grupo de Teatro resérvase o dereito a mudar a hora de comezo das representacións, se tivera tal necesidade por motivos de organización, avisando de tal circunstancia ó grupo ou grupos participantes con tempo de abondo.

3.- Tiruleque, Grupo de Teatro resérvase o dereito a resolver calquera dúbida que puidera xurdir sobre a interpretación destas bases.

CUARTO (A modo de comentario)

1.- Aconsellamos ós grupos seleccionados que traian os seus propios filtros de cores.

2.- Avaliaremos positivamente a posibilidade de facer un intercambio co noso grupo de teatro, así como a pertenza á Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA).

3.- Pídense preferentemente comedias para adultos, non obstante, se algún colectivo tén no seu repertorio un musical, drama, traxedia, revista ou unha obra infantil, que non nos deixe de mandar a súa proposta, xa que de non ser neste espazo, podería atopárselle outro semellante.

4.- Preferimos que a obra sexa orixinal do grupo. Estamos intentando fuxir dos pagos do canon ás sociedades de autores, que en todo caso correrán a cargo do grupo participante, ó que se lle xirará unha minuta de gastos pola factura que nos poidan pasar as sociedade de autores, como xa se fixo nas edicións anteriores a algúns grupos que pasaron polo Carballiño.

5.- A organización porá a disposición dos grupos seleccionados dúas entradas de protocolo por cada actor, actriz e técnico da compañía; que se lles entregarán antes de cada función para a súa distribución discrecional.

A organización quere pechar nos primeiros días de xullo. Non o deixedes de man que o tempo logo se bota derriba.

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

CDG AGADIC

A nova produción do CDG contará cun elenco integramente feminino

CTEADC |

XXII Certame de Teatro Escolar e Afeccionado da Deputación da Coruña