Tamara Canosa: “A nosa liña de acción é apostar por un teatro que busque tocar onde non se toca”

Tamara Canosa dirixe Liberto, a primeira montaxe de Marelas Producións cun elenco formado por Rocío González, Cris Iglesias e Lucía Aldao. Finalista nos Premios Max na categoría de Autoría Revelación e Premio Butaca ao mellor texto teatral, Liberto é unha peza de Gemma Brió coa que nos achegamos á historia de Ada, unha nai que relata os 15 días de vida do seu fillo. Despois da súa estrea no Teatro Colón, este sábado 13 de abril, preséntase a partir das 21:00 no Auditorio Constante Liste da Ramallosa (Teo) .
| Vanesa M. Sotelo |

 

Liberto é unha obra que aborda a vida e a morte desde varios lugares, un canto de vida e unha reivindicación do humano. Nela, unha nai relata os 15 días de vida do seu fillo e de como pasa da feliz noticia do embarazo á certeza dolorosa de que o mellor que lle pode pasar é que morra. Que razóns levaron a escoller Liberto como carta de presentación de Marelas?

Liberto foi un texto que nos golpeou profundamente dende a primeira lectura. Non só polo que conta, senón por como o conta. A acidez, ou a brutalidade dalgunha sentenza da boca dunha nai, pareceunos ouro porque non estamos afeitas a que nos retraten nais imperfectas tendo pensamentos egoístas ou violentos. O noso imaxinario está fondamente dividido entre a imaxe da muller-nai (a icona da virxe María), ou malas nais/mulleres-non-nais (a icona da bruxa). Liberto, dalgunha forma, reivindica todo o espectro como natural e lexítimo. Apostar por amosar a cara do relato infrarrepresentada e facer un teatro con discurso social, transformador (ou polo menos intentalo), é o noso compromiso. Por iso eliximos Liberto.

A autora do texto, Gemma Brió, explicou que o texto naceu da “necesidade de evocar un momento cheo de pensamentos caóticos, racionais, contraditorios, absurdos e cómicos”. Cal é o maior desafío que lle ofreceu Liberto como directora?

Todos foron desafíos, como novata que son. Pero se podo apuntar a que penso que foi a miña teima principal ao montar a obra, direi que foi erguer unha historia tan dura, sendo quen de manter a escuridade, forza, humor e brutalidade do texto orixinal. Contar a historia dunha sobrevivinte, sen victimizar á protagonista. En realidade, podería resumilo en que o reto principal foi estar á altura do texto e da valentía de Gemma Brió.

Clasificada como traxedia moderna con unha mirada chea de lucidez, en Liberto o humor é un elemento fundamental. Como definiría o humor que opera no espectáculo?

Creo que todas podemos identificar momentos nos que na treboada de días hospitalarios, apareceron auténticos momentos de humor negro. Liberto é un texto poderoso porque é imposible despegarse da súa absoluta verosimilitude. Porque retrata todo isto e non se reserva. Gemma Brió foi quen de debuxar unha nai ácida e brutalmente honesta. Irónica e animal. O humor que opera no espectáculo non é só un respiro na trama, é un espello que recoñece que todas e todos podemos ser vulnerables, crueis, frívolas e absurdas.

A música é outra das claves de Liberto e semella atravesar a peza desde a claridade máis luminosa á escuridade da dor e da rabia. Como se aborda o apartado musical na proposta de Marelas da man de Lucía Aldao?

Lucía non só aportou o seu talento compositivo e a súa voz, senón o seu pulso poético. Na nosa montaxe o apartado musical ten menos presenza que na orixinal, pero debuxa a estrutura, a espiña dorsal da trama. Incorporamos un traballo de experimentación sonora a nivel expresivo que tamén executa Lucía, minimizando os son extradiexéticos e converténdoa nunha sorte de demiurgo en escena, que marca o pulso e os puntos de xiro da obra.

Marelas é unha compañía de recente creación formada por profesionais de ampla experiencia que entende o teatro como arte, como entretemento e como medio educativo. Como nace Marelas e cales son as súas liñas de acción?

Marelas nace da teima por montar Liberto e da dificultade (ou incapacidade pola nosa parte) de seducir a unha compañía xa formada para producila. Eramos conscientes de que a temática é complexa a nivel distribución e, tamén por iso, non nos rendemos. A nosa liña de acción principal e aprender e medrar facendo un teatro de compromiso social que investigue nas voces infrarrepresentadas, invisibilizadas. O discurso está completamente monopolizado dende o privilexio (home branco, de clase media-alta, heterosexual) e esta mutilación dunha parte tan grande do potencial universo creativo ten consecuencias nefastas no político e no persoal. A nosa liña de acción é a de apostar por un teatro que nos importe. Por un teatro que busque tocar onde non se toca.

Nos últimos María Casares puidemos ver un importante recoñecemento á creación feminina e o CDG estrea unha produción cun equipo integrado por mulleres. Como definiría a situación da creación escénica feita por mulleres en Galicia?

Creo que Galicia ten moitas cousas polas que sentirse orgullosa e isto é unha delas. Pero non perdamos de vista, antes de brindar, que o teatro está fondamente precarizado e que isto ten moito que ver co feito de que as mulleres teñamos esa porta menos atrancada. Ademais, a sociedade é un organismo vivo, interconectado. As vitorias persoais de moitas compañeiras son valiosas en canto referencian a mulleres na nosa cultura, pero queda moito que facer. Non podemos desconectar un análise do noso teatro do noso retrato social: todas as semanas as mulleres somos asasinadas, violadas, mutiladas, acosadas, abusadas e discriminadas por milleiros. O teatro ten a obriga de instigar o avance dos dereitos humanos, e en Galicia cada día hai batallas que se perden neste senso. O teatro, ou o teatro que nos interesa, non perde de vista isto e a súa responsabilidade nesa transformación.

 

| Foto: Tamara Canosa, María Vázquez e Lucía Aldao presentando Liberto en Galicia Escena Pro © Miramemira / Agadic |

Deixar unha resposta