in

A ‘Curva España’ de Chévere: como se constrúe un país

ChevereCurvaEspaña |

Curva España é o título da nova produción de Chévere, para a que estiveron investigando os últimos meses. Unha peza que ironiza sobre o xénero documental combinando teatro e cine en directo. Unha alegoría sobre España que se serve dun relato local transmitido oralmente de xeración en xeración entre a xente da comarca de Verín, para confrontar a realidade coa ficción, a historia coa lenda. Curva España estrearase na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia o vindeiro 25 de xullo.

 

Que é a Curva España?

Aínda que o título por si mesmo ten a forza dunha metáfora para suxerir o que cada quen queira imaxinar, a Curva España existe. Está na antiga estrada da Gudiña a Verín, na provincia de Ourense. Hai décadas que por alí non pasa o tráfico, pero a xente a segue chamando así en lembranza de José Fernández España, un enxeñeiro que morreu en 1927 nese mesmo lugar ao caer o seu coche por un barranco, cando realizaba o deseño do trazado da variante sur (tamén chamada Variante André) da liña ferroviaria Puebla de Sanabria- Ourense. Despois da súa morte, a opción sur por Verín, Xinzo e Allariz desaparece e as obras se desenvolverán durante os seguintes trinta anos polo Macizo Central ourensán, cun enorme custe tanto económico como de vidas humanas, prolongando o atraso e illamento de amplas zonas de Galicia.

Por que se optou polo trazado máis caro e difícil de todas as liñas españolas? Por que se volve facer o mesmo cen anos despois co AVE? Por que se deixou para sempre sen conectar a parte habitada, produtiva e fronteiriza deste territorio? É posible que as respostas que atopemos nos axuden a entender mellor como se construe un país, quen decide por onde pasa unha estrada ou a vía do tren ou o tipo de conexións que poderemos ter cos nosos veciños, a onde chegaremos antes ou a onde chegaremos máis e por onde o faremos. Nesta zona a resposta do pobo foi construír unha lenda arredor da morte do enxeñeiro España: mandáronno matar os señoritos da comarca porque non querían que o tren pasase polas súas terras ou trouxese competencia para os seus produtos. Por iso nunca chegou o tren.

Á luz dos feitos que foron comprobados e confirmados, esta non é a verdade. Pero a quen lle importa? A lenda podería actuar coma un contra-feitizo xerado para cambiar o punto de atención, dando resposta a unha pregunta que nunca foi formulada: Por que non chegou o tren? Ou ben podería ser unha resposta intencionadamente simple a un problema demasiado complexo no seu momento, quizáis tanto que por iso é preferible conformarse cunha historia que nos lexitima como comunidade porque a construímos entre todos.

O que a compañía fixo foi ir ata alí para preguntarlles que é a Curva españa, que lles contaron sobre a morte do enxeñeiro, que saben sobre a construción dun tren que nunca chegou a pasar por alí, como afectou isto ás súas vidas, que significa quedar esquencidos nunha curva da Historia. Os seus testemuños serán o punto de partida desta obra, a historia da curva na que se matou España. Porque o teatro segue sendo un asunto entre persoas de carne e oso e ao mellor podemos crear un espazo de calma no medio deste mundo de pesadelo para abordar un debate que habitualmente se resolve a berros e con paus de bandeiras. Que é España? É máis ben unha curva ou unha liña recta? Un accidente ou un asasinato?

 

As alternativas infernais

Están pasando moitas cousas e hai moita xente falando ao mesmo tempo. Miramos o mundo e o vemos coma se xa non fose cousa nosa. Coma algo que simplemente pasa diante de nós sen a nosta intervención. Fronte a certas cousas sentímonos enganados. Outras veces nos indigna o que está pasando. Preguntámonos por que a mentira é tan eficaz para encontrar explicacións simples a problemas complexos.


Publicidade

Chévere atopou a idea das alternativas infernais exposta por Isabelle Stengers e Philippe Pignarre, e agarráronse a ela para entender que a resposta axeitada non é buscar a verdade fronte á mentira ou escoller o mal menor, porque non se trata de mentiras senón de feitizos. O feitizo manténnos atrapados e bloqueados coma espectadores pasivos. Para saír desa encrucillada temos que crear un contra-feitizo, unha situación de loita. Iso é o que significa iniciar este proceso: abrir unha situación de loita para pensar en voz alta e aprender en compañía a crear maneiras distintas de ver a realidade, a ver o mundo por nós mesmos.

As alternativas infernais son esas falsas dicotomías nas que en realidade nada se escolle, malia a súa lóxica aparentemente aplastante: menos salario ou máis despidos, seguir contaminando ou acabar co progreso e o benestar, frear a inmigración ou quedar sen asistencia social, producir alimentos transxénicos ou provocar a fame, vender armas a dictaduras ou perder empregos, favorecer a caza ou abandonar o medio rural, manter a unidade de España ou provocar o caos… Diante destas dicotomías apenas parecen viables dúas repostas: ou a denuncia indignada de todo o sistema (Todo é unha merda! Non hai solución!) ou a resignada aceptación daquilo que parece imparable (Seguro que todo se amaña! Alguén saberá reconducir esta situación!).

A partir destas dúas actitudes fronte a vida, constrúese o perfil dos personaxes coma se fosen avatares, en cuxo anonimato enfurecido nos poderíamos agochar calquera de nós: @todoseamañará @istoéunhamerda @mullercabreada…

 

A obra

Nos últimos anos Chévere realizou unha serie de traballos que exploraron as posibilidades do teatro-documento e a memoria colectiva como desencadeantes dunha ficción teatral. Citizen (unha triloxía sobre a globalización a partir da historia de Zara e Amancio Ortega), Eurozone (unha sátira política sobre o fracaso de Europa e o atraco das elites en forma de crise económica) ou Eroski Paraíso (unha comedia documental sobre a transformación do noso xeito de vida e sobre a posibilidade de manter a esperanza), son obras que se puideron ver nos principais escenarios de 13 comunidades autónomas. O ano pasado Chévere levou a cabo a súa particular inmersión no universo de Valle Inclán cunha versión libérrima e sorprendentemente dura de Divinas Palabras, producida polo Centro Dramático Galego e que tamén se puido ver no Teatro Español de Madrid.

Coma outras veces, a compañía parte dunha historia moi local, un relato que se transmitiu de xeración en xeración durante case cen anos. Documentouse en arquivos ou bibliotecas, apalpando papeis ou tirando de fíos dixitais. Entrevistaron a persoas que investigaron eses feitos antes ca eles. Recolleron in situ os testemuños da xente, os seus recordos e as súas palabras. Organizaron o rexistro de todo este traballo en gravacións sonoras ou en vídeo. E con todo este material metéronse no local de ensaios para darlle forma teatral. Poñer a historia a proba, reconstruír as voces dos seus protagonistas cos actores e actrices, crear situacións ao seu arredor, escribir sobre a marcha e a pé de escenario o que teñen que dicir.

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Euphoria |

O CGAC estrea hoxe a ópera ‘Euphoria’

TeatroSaDeMiranda2 |

Abertas as candidaturas para a Escola de Verão de Atores de Viana do Castelo