O CGAC estrea hoxe a ópera ‘Euphoria’

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) estrea hoxe a ópera Euphoria, unha superprodución composta por un percorrido de 27 escenas a través dos diferentes espazos da exposición. Trátase dunha ópera concebida por Loreto Martínez Troncoso e Ramón Souto, que tamén asina o traballo de composición musical, coa colaboración especial de Ignacio Barcia, do Grupo de Investigación DX7 da UVigo, e a asistencia do Obradoiro Artesán en Madeira de Severino García Seijo en Bembrive (Vigo).

Os diferentes e singulares espazos do CGAC, en Santiago de Compostela, serán os escenarios para unha obra que envolve a máis de 50 músicos xunto ao grupo vocal Exvoco con Dora Garcidueñas, soprano; Cecilia Fontaine, mezzosoprano; Enrique Martínez, tenor; Matías Bocchio, barítono, e Pascal Zurek, baixo.

Euphoria preséntase a unha semana da clausura da exposición Vestiges d´un ici, vestixios de si, de Loreto Martínez Troncoso (Vigo, 1978). O compositor e director musical de Vertixe Sonora, Ramón Souto, aceptou o convite de Martínez Troncoso para crear unha obra a partir “daquela materia informe que nun momento dado emerxe, xa sexa como un balbucido, un tremor, un xemido, un golpe, un berro, un latexo, un paso ou un suspiro”.

En Euphoria, que recupera a súa orixe etimolóxica en grego antigo “forza para soportar”, recréanse, coa colaboración especial de Ignacio Barcia e a asistencia do Obradoiro Artesán en Madeira de Severino García Seijo, diversos artellos sonoros experimentais que pulsan a palabra do edificio. E entre eles, os primeiros intentos de sintetizar a voz humana no século XVIII: as máquinas parlantes do eslovaco Wolfgang von Kempelen, e os resonadores vogais de órgano para o rexistro da “voz humana” do alemán Christian Gottlieb Kratzenstein nesta ocasión coa colaboración do mestre organeiro de Palencia Abel Acitore.

Xunto ás cinco voces do grupo Exvoco, Euphoria implica a máis de medio cento de intérpretes. Vertixe Sonora Ensemble, a formación da que Souto é director artístico e grupo referente na escena musical contemporánea peninsular, con 20 músicos para a ocasión, levará o peso musical da estrea. Pero para desenvolver esta experiencia sonora-musical, Ramón Souto e Vertixe botan man das estructuras e do traballo en rede desenvolvido nos últimos anos. Tanto co Grupo de Experimentación Electrónica do IGAS que coordina Mateo Mena como coa Orquestra Filharmónica Infantil Cidade de Pontevedra, que participan nesta estrea. Euphoria foi especialmente concebida para o edificio do portugués Álvaro Siza e o acceso para a estrea é libre até completar aforo.

Deixar unha resposta