Aberto o prazo de inscrición para o III Certame de Microteatro M² do FIOT de Carballo

Por terceiro ano, a Asociación Cultural Telón e Aparte, organizadora do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo convoca o Certame de Microteatro M², que estende o teatro a outros espazos fóra dos escenarios tradicionais e busca novos formatos. Estas son as bases:

 

1º FINALIDADE
A Asociación Cultural Telón e Aparte, organizadora do FIOT convoca o Certame de Microteatro M². Con esta convocatoria preténdese apoiar a creación escénica de novos formatos e a compañías e creadores emerxentes ofrecendo un contexto privilexiado para a presentación e estrea de espectáculos, así como captar novos públicos e implicar aos espectadores e á cidadanía en proxectos escénicos.

O Certame de Microteatro m² é un concurso de proxectos escénicos de pequeno formato (microteatro) concebidos para poñer en escena en espazos non teatrais nos que o público se situará a curta distancia dos intérpretes.

2º DESTINATARIOS
Poderán optar ao Certame todas as persoas físicas, grupos ou compañías de teatro e danza que creen un espectáculo que cumpra as características que se establecen nestas bases.

3º CARACTERÍSTICAS DA OBRA E FORMATO
Os participantes deberán presentar unha proposta escénica dunha duración de entre 10 e 20 minutos creada para representala en espazos non teatrais de Carballo, determinados pola organización, e na que os espectadores estarán situados a unha curta distancia dos intérpretes (1 m aproximadamente).

As obras poderán ser tanto pezas orixinais como pezas xa estreadas, aínda que se terá en conta a nova creación e, especialmente, a adecuación aos espazos ofertados e a autoría propia.

As propostas textuais deberán estar en lingua galega.

A obra poderá estar destinada a público de calquera idade e estará dirixida a un número de entre 1 e 20 espectadores.

Espazos ofertados:

  • Barbería
  • Ascensor panorámico do Pazo da Cultura de Carballo
  • Lavadoiro público
  • Despacho do alcalde
  • Casino
  • Chocolatería tradicional
  • Biblioteca
  • Libraría
  • Posto do mercado de abastos
  • Galería de arte – taller
  • Caravana

As persoas físicas, grupos ou compañías teatrais que precisen máis información sobre os espazos ofertados poden realizar as súas consultas no correo electrónico fiot.microteatro@gmail.com ou no facebook do festival.

4º DESENVOLVEMENTO DO CERTAME
A convocatoria desenvolverase en tres fases:

1.-Recepción das propostas.
O prazo de inscrición será do 20 de maio ao 30 de xuño.

2.- Selección das propostas por parte do xurado e comunicación aos gañadores.
Un xurado profesional valorará as obras recibidas e as gañadoras daranse a coñecer antes do 15 de xullo.

3.-Exhibición.
As representacións das pezas gañadoras realizaranse entre o 5 de outubro e o 1 de novembro, preferiblemente en sábado.
Cada compañía ou grupo representará un mínimo de tres veces a súa peza dependendo da duración desta. Todas as representación serán o mesmo día.
A organización do Certame concretará a data e o número de pases co responsable da peza seleccionada e coordinará con el as necesidades técnicas de son e iluminación.

5º PREMIOS
O premio consistirá na selección dunha proposta escénica para a súa representación no marco do FIOT e unha compensación pola participación no Certame por un importe de 300€ unha vez representadas as pezas así como o abono dunha axuda económica de 100€ para gastos de produción e desprazamento.

O xurado seleccionará de 4 a 6 propostas dramatúrxicas.

Ademais todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán aos seguintes premios:

150 € Premio do Público.
150 € Premio á Mellor Interpretación

As compensacións polas representacións facturaranse coa aplicación dos impostos ou retencións fiscais correspondentes.

Ás contías dos premios aplicaráselle a retención fiscal correspondente.

O xurado poderá seleccionar dúas pezas suplentes por se algunha das gañadoras non puidese realizar a representación.

6º PRAZO, LUGAR E PROCEDEMENTO PARA A PRESENTACIÓN DE PROXECTOS
A inscrición realizarase enviando a solicitude ao correo electrónico fiot.microteatro@gmail.comdo 20 de maio ao 30 de xuño.

Xunto coa solicitude de participación do Certame adxuntarase a copia do DNI da persoa responsable do grupo ou compañía e o material complementario que considere (dossier, texto, fotografías, vídeos,…).

Poderán inscribirse todas aquelas persoas físicas, grupos ou compañías onde todos os seus membros sexan maiores de idade.

No caso de grupos non constituídos xurídicamente deberán presentar unha relación asinada por todos os membros do grupo (segundo o modelo indicado pola organización) e nomear a un representante.

7º O XURADO
O xurado estará composto por diferentes persoas relacionadas coas artes escénicas. A decisión do xurado darase a coñecer antes do 15 de xullo.

O xurado e a organización poderán declarar deserto algún premio e terán a competencia de resolver calquera circunstancia non prevista nas presentes bases con absoluta autoridade.

8º DEREITOS DE AUTORÍA E IMAXE
A participación no certame supón que os participantes están en posesión dos dereitos de autoría sobre a obra presentada por eles a este concurso, polo que queda eximida a organización do certame de calquera conflito de publicación ou utilización das obras presentadas e dos que puidera derivarse. No caso de que corresponda aboar dereitos de autor polas obras presentadas neste concurso, a organización non se fará cargo de dito cargo e será responsabilidade da compañía a súa liquidación.

A difusión e / o reprodución da obra no marco do concurso non poderá lesionar a terceiros, asumindo persoalmente o autor calquera responsabilidade que puidera derivarse.

Os autores ceden á organización os dereitos de comunicación pública de imaxes e fragmentos audiovisuais ou textuais da obra presentada en calquera soporte para todo o mundo, polo prazo máximo permitido pola normativa aplicable, para actividades de difusión do certame ou do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo.
Neste sentido, os autores renuncian a favor da asociación Telón e Aparte a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autoría.

9º ACEPTACIÓN DAS CONDICIÓNS
A inscrición ao Certame de Microteatro M² implica a aceptación destas bases. A organización estará facultada para dirimir calquera eventualidade non prevista nelas e terá así mesmo capacidade de interpretación a cantos efectos procedan.

De acordo co establecido pola normativa vixente en materia de protección de datos, informámoslle de que o Responsable de Tratamentos dos seus datos persoais é a Asociación Cultural Telón e Aparte, con dirección en Rúa do Pan s/n, 15100 – Carballo (A Coruña) lopd@fiot.gal. Os datos serán utilizados para prestarlle o servizo solicitado e a xestión administrativa derivada da prestación do servizo. Os datos non se cederán a terceiros salvo por obriga legal. Ten vostede dereito a acceder, rectificar ou suprimir os datos erróneos, solicitar a limitación do tratamento dos seus datos así como opoñerse ou retirar o consentemento en calquera momento e solicitar a portabilidade dos mesmos en calquera momento. Para elo, a Asociación Telón e Aparte dispón de formularios específicos para facilitarlle o exercicio dos seus dereitos. Pode presentar a súa propia solicitude ou solicitar os nosos formularios sempre acompañados dunha copia do seu DNI para acreditar a súa identidade. Pode consultar a información adicional e detallada sobre Protección de Datos solicitándoa por correo electrónico: lops@fiot.gal

Deixar unha resposta