in

Electra

ElectraChapito |

Ensalada grega

| Manuel Xestoso |
| Foro: Prolight Foto Estudio |

 

Todos sabemos cal é o prato que se serve frío: a comedia. A traxedia tende a caldear as paixóns, os crimes, as vinganzas. A materia tráxica observa dende a calor da transcendencia, da nobreza dos sentimentos e da vileza dos instintos. A comedia traballa co mesmo material pero dende unha mirada algo máis próxima ao vivir cotián, desvestido desa solemnidade que ás veces lle outorgamos, un pouco presuntuosamente, aos nosos actos. Digamos que é máis un prato de culler que de cuberto fino.

A Companhia do Chapitô recolle a historia dos Átridas e retíralle a pompa e a gravidade ao continuo baño de sangue no que se revolven Agamenón e familia. Mira dende abaixo, dende a ollada dos humildes, que non acaban de comprender que se precisen tantas desgrazas para crear unha saga de prestixio. Para a comedia –como para o meirande parte dos mortais–, a adversidade é algo que hai que evitar, non o motor que anima as nosas accións. Por iso esta Electra non é unha parodia, senón a historia contada dende o sentido común. E o Chapitô cóntaa dende a sinxeleza coa que fala o pobo das intrigas das elites, dende esa lucidez que desvela as causas inconfesables do enredo: a busca do sexo e do diñeiro, a sempre un pouco ridícula ambición de poder.

A ensalada grega prepárase con ingredientes de contrastada calidade: a expresión corporal que roza a xenialidade; a precisión no xesto que caracteriza aos personaxes sen aparente esforzo; o ritmo exacto para que o trama non perda interese en ningún momento; a imaxinación na resolución dos episodios. O relato dos anos da guerra de Troia, por exemplo, cos vaivéns entre o campo de batalla e as estampas do adulterio de Clitemnestra e Existo, son unha lección maxistral de economía narrativa e de transición entre escenas. E o reencontro entre Electra e Orestes demostra que a comedia tamén pode elevarse e adquirir grandeza emocional.

A idea de que a máscara da traxedia pode substituírse por unha culler devólvenos a esa idea do teatro como un xogo: a habilidade consiste en traballar sen ocultarlle nada ao público e que a capacidade de sorpresa permaneza intacta. Non hai truco, e esa prestidixitación é fermosa e divertida. E ademais, moi intelixente: a comicidade non impide que o mito sexa tratado co respecto que o converte nun universal perfectamente comprensible para todos.

A compañía obtivo dende o primeiro momento a complicidade do público de Cangas, que gozou coa obra e ovacionouna posto en pé, obrigando ao elenco a saír a saudar varias veces. O final máis feliz para un espectáculo.


Publicidade

 

Electra, creación colectiva da Companhia do Chapitô sobre a obra de Sófocles.

Dirección: Jose Carlos García e Cláudia Novóa.
Elenco: Jorge Cruz, Susana Nunes, Tiago Viegas.
Vestiario: Glória Mendes
Dirección Técnica: Paulo Cunha
Dirección de produción: Tânia Melo Rodrigues

Mostra Internacional de Teatro de Cangas. Auditorio do Concello. 4 de xullo de 2019.

 

Este artigo foi previamente publicado no Faro de Vigo de 6-07-2019.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

donabarrigaverde02 |

Récord absoluto de público na XXXVI Mostra de Teatro de Cangas

ValleDixital |

O Arquivo Dixital Valle-Inclán, Premio de Humanidades Dixitais Hispánicas