in ,

Récord absoluto de público na XXXVI Mostra de Teatro de Cangas

donabarrigaverde02 |
As obras do Auditorio acadaron unha ocupación media do 90%.

 

A 36 Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) pechouse cun récord absoluto de participación. Entre o 28 de xuño e o 6 de xullo, unhas 12 mil persoas asistiron como público nos espectáculos programados en diferentes prazas, rúas e espazos do concello morracense, así como nas representacións no Auditorio municipal. A participación deste ano supón un importante incremento con respecto ao ano anterior, no que a cifra rondou as 9 mil persoas.

As obras representadas no Auditorio de Cangas tiveron unha ocupación media do 90%. En total, foron case 4 mil persoas as que asistiron ás obras da noite: Comedia Aquilana (Compañía Nao d’Amores), La gran ofensa (La Bendita Compañía e El Terrat), Carpe diem (Producións Teatrais Excéntricas), Os Ubú (Escola de Teatro de Cangas), Vacas, guerras, porcos e cregos (Producións Teatrais Excéntricas), Arlequina (Os Monicreques de Kukas), Electra (Companhia do Chapitô), El desguace de las musas (La Zaranda) e Generación Why (Teatro en Vilo).

Dende a organización mostran a súa satisfacción polas cifras e manifestan a ledicia que supón ver “como o Auditorio se enchía de xente cada noite. Un público moi implicado que non dubidada en votar, ao noso entender con gran criterio cada obra ao rematar o espectáculo”. Este ano, ademais, notouse un importante incremento de público chegado doutras cidades galegas, principalmente Vigo, Pontevedra, Santiago e A Coruña.

Na rúa, os espectáculos encheron de teatro, humor, xogos e acrobacias espazos como a Praza da Constitución, a Capela do Hospital, o Parque da Palma, o Adro do Hío, o salón de plenos do Concello, o Salasón, os Xardíns do Sinal, a Alameda Vella, o Cruceiro do Hío, a Alemeda de Aldán, a Praza das Pontes e outras rúas da vila. Unhas 8 mil persoas ao longo de toda a Mostra asistiron a representacións orientadas, principalmente, para un público máis familiar, así como a presentacións de libros, charlas- coloquios ou exposicións.


Publicidade

Para a organización, foi un gran acerto levar algúns destes espectáculos ás parroquias de Cangas (Aldán e O Hío) para que tamén os veciños que viven afastados do centro urbán puidesen desfrutar do mellor teatro.

Salientar o éxito, un ano máis, das actividades enmarcadas na programación do Revoltallo en Pedra, unha iniciativa participativa que converte a ducias de espectadores e amantes do teatro e das artes escénicas en actores e protagonistas dos seus espectáculos.

O que parece indiscutible é que a Mostra de Teatro é xa un evento cun público moi consolidado que valora e participa activamente duns espectáculos variopintos e de gran talento que, ano tras ano, converten a Cangas na capital mundial do teatro cómico e festivo.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

OtiPerlio |

Presentación de ‘O Novo Teatro Galego en Perlío’, de Francisco Oti, en Fene

ElectraChapito |

Electra