in

Macbettu

MacbettuAlessandroSerra |

Carencia de presente

| Manuel Xestoso |

 

“El non ten fillos”, exclama Macduff cando lle comunican que Macbeth matou á súa muller e aos seus fillos. Na montaxe de Alessandro Serra, percibimos que hai algo máis do que se entende nunha primeira lectura: que só alguén que non ten fillos pode matar a unha crianza. Entendemos tamén que Macduff albisca unha verdade máis cruel: que, se os tivese, Macbeth tamén os mataría, que Macbeth está invadido non só polo desexo do poder, senón polo desexo do poder eterno. Por que, se non, matar ao seu amigo Duncan “que non reinará pero será pai de reis”? Esa escura dimensión hiperbólica do desexo é a que remata co sono, a que acaba con toda a vida arredor do protagonista.

Macbettu é a primeira obra en lingua sarda que gaña o premio Ubu (o máis prestixioso do teatro italiano) e a substitución das néboas escocesas polo áspero inverno do interior de Sardeña sitúa a traxedia –aínda máis, se cabe– nun horizonte de obsesiva desolación poboada, sobre todo, dun po que invade o escenario en todo momento, coma a cinza dos mortos que se multiplican pola historia. Unha paisaxe feroz, sen sol e sen estrelas, reflectida aquí nunha simplicidade extrema: unha luz dura, un cromatismo reducido ao branco e negro, un escenario espido de calquera elemento superfluo.

Serra dá por suposto que o público coñece a trama e reduce tamén o argumento ao seu esqueleto máis básico, tratando de esclarecer o que se agocha tras este relato de ambición e conquista do poder. O seu é un enfoque que non fai ningunha concesión ao sentimento para mostrar a deshumanización dun enredo iniciado cunha suxestión ambigua por parte de tres bruxas. Afortunadamente, si recorre ao humor para aliviar a tensión do tráxico, dándolles ás escenas das meigas un carácter cómico que lembra a estética dos debuxos animados da Warner Brothers: os máis destrutivos e violentos dos clásicos da animación, por certo.

O arcaico da Sardeña transfórmase aquí nunha sucesión de cadros que nos sitúan nun mundo de virilidade illada no que todas as personaxes son interpretadas por homes –incluída unha Lady Macbeth barbuda e de case dous metros de altura. E mais non se trata dunha ruptura dos clixés de xénero: estamos ante un mundo rexido por unha testosterona atávica no que conviven, curiosamente, a barbarie do crime coa beleza do movemento coreografado, o heroico co desesperado.

Talvez unha das grandes vitorias do director sexa recorrer a todo ese mundo sardo sen caer no folclore nin no decorativismo: os elementos da cultura da illa intégranse coma sinais dun universo particular ao servizo dunha posta en escena estritamente contemporánea, a cabalo entre Peter Brook e Tadeusz Kantor. Nese marco, desenvolve cadros maxistrais como o de Lady Macbeth dándolle de comer a unha piara de porcos que se transforman na guarda de Duncan na noite en que este será asasinado: só por esta escena –que vincula a Historia cunha animalidade primitiva da que non podemos fuxir– xa paga a pena entrar no teatro.


Publicidade

Todo ese universo poboado de fantasmas tan materiais coma un bosque que desfila con máscaras rituais reflicte perfectamente esa carencia de presente na mente do conspirador. Os seus alucinados plans de futuro apenas lle permiten situarse no agora e condénano a unha angustia permanente á espera dun porvir que nunca chega. A unha historia contada por un idiota sentado nun trono diminuto coma o xoguete dun neno.

 

Macbettu, sobre a obra de William Shakespeare

Dirección: Alessandro Serra
Elenco: Andrea Bartolomeo, Andrea Carroni, Felice Montervino, Fulvio Accogli, Giovanni Carroni, Leonardo Capuano, Maurizio Giordio, Stefano Mereu.
Música: Marcellino Garau, Pinuccio Sciola
Escenografia, luz e vestiario:  Alessandro Serra
Apoio ao movemento: Chiara Michelini
Produción: Sardegna Teatro
Coprodución: Compagnia Teatropersona

Festival de Almada. Teatro Dona Maria II. 11 de xullo de 2019.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

MesaCDG |

Catro ex directores do CDG solicitan diálogo coa profesión teatral ao Presidente da Xunta

MarySaidWhatSheSaid |

Mary Said What She Said