in

Catro ex directores do CDG solicitan diálogo coa profesión teatral ao Presidente da Xunta

MesaCDG |
O debate sobre o CDG continúa, agora en forma de carta de catro ex directores do Centro dirixida ao Presidente da Xunta, na que se lle solicita diálogo co sector para solucionar a grave crise na que está inmerso.
| M. X. |

 

Catro ex directores do Centro Dramático galego veñen de facer pública unha carta aberta ao Presidente da Xunta de Galicia denunciando que o Centro “pasa hoxe polo seu peor momento” e solicitando que “os actuais reitores das políticas culturais e das políticas escénicas na Xunta de Galicia se abran á posibilidade de dialogar co sector teatral galego e estudar conxuntamente o aproveitamento das figuras xurídicas, contempladas nas propias leis” para poder “desenvolver o seu moi específico traballo coa necesaria eficiencia e coa desexable excelencia”.

Os ex directores lembran que dende o seu nacemento “o CDG propúxose converterse en referencia da actividade teatral e escénica en Galicia, tanto dentro como fóra dos límites da comunidade autónoma, e, asemade, actuar como axente dinamizador dunha nova relación entre o teatro e a sociedade galega”. Durante ese tempo o CDG pasou por moi diversas vicisitudes “pero as persoas encargadas da súa dirección sempre tiveron presente a importancia decisiva de que o Centro puidese traballar coa suficiente autonomía, tanto no referente á xestión como ás súas decisións artísticas”. Non obstante, nos últimos anos, esa autonomía viuse moi reducida, “circunstancia á que non é allea o feito de que a última década se resuma en dous cesamentos e dúas dimisións das persoas responsables da súa dirección”.

Os asinantes da carta advirten que están decididamente “ a favor do rigor lexislativo pero, tal e como acontece no resto dos teatros públicos de Europa, este rigor non pode poñer en causa a súa natureza artística”. A carta remata lembrando que “noutras comunidades autónomas, e mesmo en organismos escénicos (INAEM) dependentes da Administración Xeral do Estado, xa foron implementadas esas figuras xurídicas ás que faciamos referencia (fundacións, sociedades anónimas), ou están sendo estudadas e debatidas de cara a salvagardar a devandita autonomía artística e de xestión, criterio imprescindible para o funcionamento racional e eficiente das institucións culturais”.

 

Mesa de debate sobre o CDG


Publicidade

Os catro asinantes desta carta aberta ao Presidente da Xunta participaron o pasado día 4 de xullo nunha mesa redonda organizada pola erregueté, no marco das actividades da Mostra de Teatro de Cangas, sobre o pasado, o presente e o futuro do CDG, co ánimo de xerar material de discusión sobre o agre debate arredor do Centro que está tendo lugar nos últimos tempos.

As circunstancias políticas en que cada un deles dirixiu o CDG foron moi diversas: así, Eduardo Alonso foi un dos fundadores do Centro, co PP de Xerardo Fernández Albor no goberno; Damián Villalaín dirixiu o CDG co tripartito encabezado polo socialista González Laxe; Cristina Domínguez fixo o propio baixo o mandato do bipartito do PSdeG-PSOE e BNG; e Manuel Guede foi escollido director dúas veces: a primeira coa Xunta do PP de Fraga e, a segunda, xa con Feijóo no poder.

Durante o desenvolvemento desta mesa de debate, púxose de manifesto que, malia a diversidade de conxunturas políticas que tiveron que enfrontar, os catro ex directores apuntaron a unha circunstancia que os unía: todos eles contaron co apoio do poder político do que dependían, agás no caso dos gobernos do actual presidente da Xunta.

O testemuño de Guede, resultou ilustrativo da actual circunstancia: en 1991, chegou á dirección despois dunha crise na institución provocada polo cese de José M. Blanco Gil; a reacción dos gobernantes daquel momento consistiu en incrementar o orzamento do Centro para reforzar a súa presenza na sociedade galega. En contraste, cando regresou en 2012, tamén tras outro cese –o de Blanca Cendán–, o executivo de Feijóo reduciu as partidas económicas e iniciou unha etapa na que o CDG contou co perfil público máis baixo da súa historia.

O contraste entre o estímulo ofrecido por outros gobernos do pasado e actual abandono da institución, ten o seu reflexo nas recentes intervencións parlamentares do director da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) e do propio Conselleiro de Cultura. Ambos responderon a sucesivos requirimentos da oposición que instaban a enfrontar o esmorecemento do CDG rexeitando que existisen problemas e asegurando que todo funciona correctamente.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

NunCuartoDaRotonda01 |

A nova compañía Acusmaser Opus preséntase hoxe na Illa con ‘Nun cuarto da rotonda’

MacbettuAlessandroSerra |

Macbettu