in

Centro Dramático Galego: o futuro sen Fefa Noia

NeorretrancaSinfonía |
Fefa Noia, a directora do Centro Dramático Galego, comunicou este martes que deixará o seu posto. Alegando motivos profesionais, Noia deixará de ser a cabeza visible do CDG en outubro: o Centro remata así unha etapa que a Asociación de Actores e Actrices de Galicia cualifica de “convulsa”. Mais os problemas non comezaron coa chegada de Fefa Noia e distan moito de estar solucionados coa súa marcha.
| Manuel Xestoso |  | Foto: Miramemira |

 

En xaneiro de 2016, Noia fixérase cargo dun CDG que levaba tempo no centro do debate: a profesión teatral vía como os orzamentos e a actividade do chamado “buque insignia do teatro galego” ían reducíndose máis cada ano, a creba de confianza entre o sector e a institución chegaba a límites que daquela parecían insuperables (os acontecementos demostraron que se podía ir a peor), e o cansazo e a desafección rodeaban o debate sobre o Centro.

Nesta delicada situación, a nova directora enarborou a bandeira do diálogo e mostrou a súa disposición a manter unha comunicación continuada coa profesión. Ao principio, funcionou: malia que a primeira produción –o Tartufo de Molière– tardou meses en chegar e malia que lle encargou a dirección daquela montaxe a un director foráneo que talvez non atinou demasiado, a nova directora seguiu contando cun creto que poucas persoas á fronte do CDG tiveran anteriormente. Había gañas de que a actividade do centro se normalizase.

Non puido ser: a confianza crebou co proceso de contratación da seguinte montaxe, Martes de Carnaval. Como consecuencia da falta de autonomía do CDG, o elenco foi elixido a través dun concurso público cunhas características máis propias do recrutamento de funcionariado que da creación dunha equipa artística. Tito Asorey, un dos directores da montaxe –xunto con Marta Pazos, que acabou asumindo a dirección completa do espectáculo–, acabou dimitindo a través dun comunicado no que denunciaba “a falta de acordo coa administración en canto ao procedemento xurídico que regula a selección do elenco desta montaxe e cuxa aplicación, ao meu parecer, dificultaba enormemente o proceso artístico tal e como eu o entendo”. Xunto con el, outros dous membros do tribunal presentaron tamén a súa dimisión.

Ao día seguinte, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia cuestionaba o procedemento de selección por non ser “o máis axeitado para unha institución coma o CDG, xa que pasa por alto as particularidades laborais e artísticas dos actores e actrices e directores e directoras”, e nas semanas seguintes comezaron a denunciarse irregularidades e falta de transparencia: a propia administración incorría en contradicións que demostraban que era moi complicado conciliar un proceso artístico coas complexidades legais propias da función pública.

Nos anos seguintes, a relación entre o CDG e a profesión non fixo máis que agravarse. A montaxe de Divinas Palabras Revolution, encargada á compañía Chévere, viuse ensombrecida, malia o seu éxito artístico, polas acusacións de estar “externalizando” a produción da compañía pública xa que “a relación laboral non se traba entre a Agadic e os profesionais, senón que é a Agadic quen contrata os servizo dunha empresa que establecerá relacións laborais cos profesionais”. A derradeira montaxe do CDG con Fefa Noia á cabeza do centro –Neorretranca e posmorriña, na foto–sorprendeu tamén por escoller un elenco integramente feminino aínda que ás probas de selección foran convocados profesionais de ambos sexos.

Baixa produción, burocratización, carencias orzamentarias, polémicas arredor dos procesos de selección de elencos, xiras de distribución máis exiguas que nunca, desaparición de programas de proxección exterior como o ‘Proxecto Nós’… O balance non semella moi satisfactorio: a palabra “refundación” aparece constantemente entre os críticos coa xestión da Axencia Galega de Industrias Culturais e a esixencia de autonomía para o CDG aparece en todas as receitas como a vía que se debería seguir para normalizar o funcionamento dunha institución con máis de trinta anos de existencia. A propia Fefa Noia, nunha entrevista outorgada a erregueté ao comezo do seu mandato declaraba: “Eu non estou en disposición agora de entrar en termos xurídicos de como debería articularse ese virtual ente autónomo, pero creo que ninguén ten dúbida de que a autonomía do centro é garantía dun mellor funcionamento” (Revista Galega de Teatro nº 85).

A pregunta agora é: cal é o futuro inmediato do Centro Dramático Galego?

 

A vista posta no futuro

Xabier Deive, novo presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, remítese ao comunicado que a asociación fixo público estes días e no que lle esixe á Consellaría que a marcha de Noia da dirección do Centro “en ningún caso sirva de escusa para abandonar unha vez máis a institución pública de teatro na parálise, tal e como aconteceu entre a dimisión de Manuel Guede en 2015 e a incorporación de Fefa Noia en xaneiro de 2016”. Pero engade que o obxectivo desexable é que o CDG “cumpra os obxectivos mínimos que se lle deben esixir a un Centro Dramático Nacional”. E fala dun pasado non tan afastado en que “o CDG tiña varias producións ao ano que xeraban expectativa entre o público, que saían de xira por un gran número de prazas e enchía os teatros e que, dalgunha maneira, era un referente para a profesión teatral”.

Deive non entra a valorar o papel persoal que xogou Fefa Noia no devalo sufrido pola institución nestes últimos anos: “creo que fose cal fose o proxecto que tiña en mente, non lle foi posible levalo a cabo, porque a dinámica administrativa e os recortes nos orzamentos van a peor, e ese é o verdadeiro centro do problema: creo que se trata dunha cuestión de vontade política e, nese aspecto, temos que deixar esta etapa atrás e mirar cara ao futuro”.


Publicidade

Durante estes anos pasados, a AAAG foi moi crítica co CDG e tivo no punto de mira, nomeadamente, os procedementos de selección de elencos e a redución da produción. En canto ao primeiro problema, Deive recoñece que non sabe cal é a solución legal e lembra que “é un problema en cuxa solución están traballando case todos os centros institucionais do Estado”. Subliña, porén, que “hai outros organismos que son quen de artellar fórmulas legais sen que iso supoña un atranco para o seu funcionamento”.

En canto á produción, cre que é preciso harmonizar o apoio aos novos creadores e ás novas linguaxes con producións “máis propias dun teatro institucional en que se poidan poñer en pé montaxes con elencos amplos, difundir a dramaturxia dos clásicos universais e, en suma, afrontar retos dramáticos que as compañías privadas non poden sufragar”.

Belén Pichel, presidenta de Escena Galega, a asociación galega de empresas de artes escénicas, tamén prefire centrar o debate na situación da institución que nas persoas, e refírese tamén ao descrédito que vén sufrindo o CDG nos últimos anos: “O Centro Dramático Galego é unha institución que carece, a día de hoxe, de transcendencia para a profesión –agás por uns poucos postos de traballo para actores e actrices durante seis meses ao ano– e o que é máis grave, para a sociedade galega.
”

Pichel refírese a un feito que dunha maneira ou outra está na boca de toda a profesión teatral: “É evidente que o CDG hai moito tempo que perdeu o prestixio do que puido gozar nalgún tempo; lonxe queda xa aquela etapa na que os espectáculos producidos espertaban o interese do público, na que se pagaban os cachés no seu espazo de exhibición ás compañías visitantes e na que había un orzamento digno para que puideran levar á escena espectáculos que as compañías privadas non podían asumir.” E apela tamén á vontade da administración: “unha etapa na que había un proxecto político para que a compañía institucional cumprise a súa función.”

Mirar ao futuro tamén é a prioridade, pero, dadas as circunstancias, a presidenta de Escena Galega manifesta as súas dúbidas: “É difícil de entender que alguén queira asumir a dirección dunha institución con tantos problemas estruturais, unha institución que leva anos agonizando e á que os responsables políticos parecen non querer atoparlle cura. Quen veña dirixilo, se non pode cambiar ese marco, ten escasísimas posibilidades de éxito”.

Da mesma opinión é Eduardo Alonso, vicepresidente da Academia Galega de Teatro e primeiro director do CDG: “Precísanse persoas capaces, que coñezan ben a situación da nosa escena e que teñan un proxecto claro, pero sospeito que as persoas axeitadas para levar a bo porto unha pretensa refundación do CDG non van presentarse a un concurso público que nin sequera garante que van poder executar o seu proxecto. Esa refundación é necesaria e, ademais, este é o momento adecuado para levala a cabo: hai que definir o CDG como tal Centro Dramático e non como Departamento de Produción Teatral da Agadic que é a categoría oficial que realmente ten agora. E esa definición supón crear a estrutura xurídica que o sosteña.”

Alonso móstrase moi crítico coa xestión de Noia, “sobre todo porque estaba nunha situación moi vantaxosa para efectuar cambios, xa que foi a primeira directora do CDG que chegou ao cargo a través dun concurso público e non escollida pola Consellaría: iso dá unha autoridade. Probablemente fixo o que puido e non o que quería, pero iso, na práctica, significou pregarse aos intereses da Xunta que, polas razóns políticas que sexan, buscou un CDG co perfil máis baixo posible”.

“Fixéronse só catro producións”, continúa, “porque non había máis remedio, e tratouse de compensar cun programa de coproducións que, en realidade, eran subvencións outorgadas a dedo que se concedían sen que se coñecesen os criterios que rexían a adxudicación. Se se quere apoiar a compañías de nova creación ten que haber un programa de axudas específico, pero as coproducións do CDG deben reservarse para colaboracións con entidades do seu nivel: con Centros Dramáticos doutras comunidades do Estado ou doutros países, coa vista posta na proxección exterior”.

Canto ao concurso público que anunciou a Consellaría de Cultura e Turismo, Eduardo Alonso reclama que se tomen como modelo os concursos que países como Francia convocan para os seus centros nacionais e rexionais: “Alí o concurso realízase en base a un orzamento real que o gañador debe executar necesariamente: o programa polo que é escollido faise público e a dirección debe axustarse ao aprobado de xeito obrigatorio”.

Non obstante, ninguén parece moi convencido de que administración posúa esa vontade política precisa para reanimar un CDG en horas decididamente baixas. A AAAG xa lles transmitiu aos distintos grupos políticos do Parlamento a súa preocupación polo “esmorecemento” do centro, co propósito de forzar un debate político sobre o seu futuro. Porén, a resposta de Agadic, ata o de agora, é sempre a mesma: negar que existan problemas máis alá dos derivados dos procesos de selección.

Visto o estancamento, precisarase moito diálogo: o que non se sabe é se hai interlocutores.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

MarySaidWhatSheSaid |

Robert Wilson estréase no Festival de Almada

AFerozAfterparty04 |

A compañía A Feroz volve a Compostela con ‘After Party’