in

AAAG denuncia falta de transparencia e presuntas irregularidades no CDG

not 26929 |
A AAAG insta á Consellería de Cultura a creación dunha comisión intersectorial nun prazo de 30 días para abordar o futuro do Centro Dramático Galego e os procedementos de escolla de actores e actrices, xa que o modelo de concurso público é inaplicable para a profesión e non se pode volver repetir. | Foto: S. Montes |

 
Santiago, 13 de marzo de 2017.- A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), tras celebrar unha asemblea extraordinaria, emite este comunicado para denunciar as presuntas irregularidades que se produciron ao longo do procedemento de selección do elenco de Martes de Carnaval, vindeira produción do Centro Dramático Galego (CDG). Un procedemento de selección en formato de concurso público que a AAAG -asociación que aglutina a 300 profesionais da interpretación- sempre rexeitou, xa que resulta inviable aplicarlle os principios da lei da función pública ao sector das artes escénicas ao obviar esta normativa as articularidades laborais, artísticas e creativas do feito teatral, así como as necesidades profesionais de actores/actrices e directores/as. A AAAG fíxolles chegar en reiteradas ocasións aos responsables políticos do CDG, da Agadic e da Consellería de Cultura tanto a desconformidade da profesión con este proceso como as advertencias dos posibles atrancos que, no caso de levalo acabo, xurdirían polo camiño.

Non obstante, desatendeuse todo aviso da profesión e levou a cabo un procedemento que acabou por demostrarse totalmente cuestionable no que a administración foi incapaz de cumprir coa legalidade, actuando con irresponsabilidade e opacidade, e demostrando así unha realidade que vimos denunciando dende a AAAG: un concurso público é unha fórmula inviable para aplicar na selección do elenco e tal procedemento non pode volver repetirse no futuro. Todo isto comezou a demostrarse nas bases dunha convocatoria polas cales os principio de mérito e capacidade se diluíron e case desapareceron, establecendo unha primeira fase de selección que na práctica impide os actores e ás actrices demostrar a súa idoneidade para os papeis da montaxe.
 
Irregularidades

O groso das irregularidades comezaron a ser palpables o 19 de xaneiro, día no que a Agadic publicou o acordo do Tribunal polo cal se anunciaba a listaxe de candidatos coas puntuacións obtidas por cada un dos actores e actrices concorrentes na primeira fase de selección consistente na valoración obxectiva do currículo profesional. O citado acordo foi emitido sen que a administración anunciara previamente a elección dos membros do Tribunal nin os méritos contraídos por aqueles para formar parte do mesmo e só foi unha semana despois, o día 3 de febreiro, e tras ter cualificado os candidatos na primeira fase cando se fai público un tribunal, do cal varios dos seus membros incorrerían en diversas causas de abstención e que, polo tanto, deberían abandonar o conxunto do expediente.

Publicidade

Non obstante, a administración obviou tales causas e simulou a constitución do Tribunal e a emisión de puntuacións, saltando as leis que rexen as bases deste concurso público e cometendo unha gran irresponsabilidade: permitir que un total de 244 actores e actrices estivesen a concorrer a un concurso xa sen garantías, ao tempo que puxeron nunha situación insostible aos directores e os seus axudantes para cumprir o seu traballo e funcións. A Agadic e o CDG son os únicos responsables da gravidade da situación, fundamentalmente, por dous motivos. O primeiro: iniciar un concurso público inaplicable ás particularidades do sector e que de seguir estritamente a lei, imposibilitaría ademais que o director dun espectáculo puidese participar na selección do seu elenco, unha das súas principais funcións. O segundo motivo: que malia ser palpables certas irregularidades, a administración continuou co desenvolvemento do procedemento.

Por outra banda, ese mesmo 3 de febreiro, a Agadic publicou -xunto á resolución do Nomeamento do Tribunal- outra resolución pola cal se modificaba o mesmo. A través desa comunicación, anunciábase de modo pouco transparente a renuncia de tres dos seus membros e a substitución por outras tres persoas, que supostamente procederon a revisión das cualificacións e a resolver as alegacións presentadas. Estes feitos producen un evidente vicio no procedemento.

As puntuacións emitidas merecen un capítulo aparte, xa que se lles imposibilitou aos concorrentes o acceso ao desglose e ás motivacións das súas puntuacións, dificultándose así calquera tipo de alegación por parte dos actores e actrices participantes, xa que descoñecían como se lles outorgaba a súa puntuación e baixo que criterios. Ante as alegacións presentadas por diversos actores e actrices asociados da AAAG, só se obtivo unha resposta motivada das súas puntuacións a semana pasada, co elenco pechado, os ensaios xa iniciados e os prazos para recorrer practicamente finalizados.

Todos estes feitos detectados constatan dúas realidades. A primeira, que a administración actuou con falta de rigor, con escasa transparencia e con gran irresponsabilidade ao non observar a corrección legal. A segunda, que o procedemento escollido, que pretende asimilar os actores e actrices ás normas da contratación na función pública, resulta totalmente inadecuado e completamente irrealizable, tal e como xa advertiu en reiteradas ocasións a AAAG.
 
Solucións de futuro

Por todo o exposto, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia esíxelles aos responsables políticos que ofrezan debidas explicacións do acontecido e procuren solucións de cara ao futuro. Resulta evidente que este procedemento non resulta válido para a actividade do CDG e nin a profesión nin a administración poden volver atravesar unha situación como a actual. Así mesmo, a AAAG esixe que nin o espectáculo de Martes de Carnaval nin o Centro Dramático Galego vexan afectadas a súa actividade por mor da cuestionable actuación da administración. O sector teatral non permitirá que a parálise nun Centro Dramático Galego xa moi minguado nos últimos anos polo desleixo e a falta de vontade política.

Para evitar a parálise e que se volvan repetir circunstancias como as vividas, a AAAG insta á Consellería de Cultura a creación nun prazo de 30 días dunha comisión intersectorial para estudar a excepción do feito artístico da Lei da Función Pública, na que estean representados os diferentes axentes do sector e os responsables políticos. Unha auténtica comisión, útil e real, que materialice un diálogo non estético, senón efectivo para buscar a solución a unha institución con máis de trinta anos de historia que está atravesar críticos momentos. E resulta imprescindible que, nesa comisión intersectorial, se analice a revise estrutura xurídica do Centro Dramático Galego e se comparen cos modelos de institucións análogas no estado, xa que ningunha delas desenvolve concursos públicos destas características para a escolla dos elencos.

 

 

 

Publicidade

 

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

premios max xx ed jpg |

Tres espectáculos galegos nos premios Max

auniversidadexa |

Declaración a favor da adscrición das Ensinanzas Artísticas Superiores á Universidade