in

Declaración a favor da adscrición das Ensinanzas Artísticas Superiores á Universidade

|

Manifesto do 15 de marzo de 2017

A Revista Galega de Teatro quere facer público o seu respaldo á Declaración a favor da adscrición das Ensinanzas Artísticas Superiores á Universidade e trasladarlle á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria o seu apoio á petición da Plataforma en relación coa adscrición das ditas ensinanzas ao sistema universitario galego.

|

 

O quince de marzo de 2010 nacía en Pontevedra a Plataforma Galega pola Incorporación das Ensinanzas Artísticas Superiores á Universidade, na que confluían comunidades educativas de centros e sindicatos do ensino. Ao longo destes cinco anos, a Plataforma Galega desenvolveu sólidos argumentos para resolver un problema de raíz puramente académica, e fixo públicos diferentes manifestos nos que sempre propuxo solucións factibles, e o diálogo como vía para resolver un vello problema na ordenación da educación superior en todo o Estado.

En favor da nosa demanda e da súa viabilidade destacamos que a lexislación vixente permite tal adscrición, sexa desde o artigo 58.4 da LOE (que non foi derogado), do Artigo 58.7 da LOMCE, ou do artigo 11 da Lei Orgánica de Universidades. Por iso mesmo as universidades teñen un regulamento específico de centros adscritos de doada aplicación para o caso das ensinanzas artísticas superiores. A día de hoxe as ensinanzas artísticas superiores son as únicas que, tendo esa cualificación “superior”, non están nin adscritas nin integradas na universidade, logo da incorporación á mesma de diversas titulacións superiores, desde os estudos de mariña civil a enfermería, de relacións laborais aos estudos superiores dos centros do Ministerio de Defensa, como os que ofrece a Escola Naval de Marín.

Cada vez son máis os centros privados que mediante convenios con universidades privadas ofrecen títulos propios das ensinanzas artísticas superiores, pero con oferta de grado e posgrao, algo que non poden ofrecer os centros públicos, o que implica unha clara discriminación negativa da oferta pública en tales ensinanzas, dos centros que as imparten e do seu alumnado e profesorado. Por outra banda hai ensinanzas como as de Conservación e Restauración que se ofrecen en universidades públicas e en centros superiores, o que supón unha discriminación similar do alumnado dos centros superiores en cuestións como titulacións, recursos, becas, etc.

Son estas algunhas das razóns polas que cinco anos despois seguimos aquí, reclamando o que en calquera país europeo é algo natural: ensinanzas artísticas universitarias. Unha demanda defendida por moi diferentes forzas políticas, con representación no Parlamento de Galicia ou sen ela, e por asociacións do mundo cultural, ao punto de que a día de hoxe ninguén cuestiona que as artísticas superiores deban ser universitarias. Reclamamos DIÁLOGO á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que reciba aos representantes da Plataforma e que poña en marcha os procesos necesarios para que no curso 2017-2018 os centros que o demanden se incorporen ao sistema universitario galego a través da súa adscrición.


Publicidade

 

Conforman a Plataforma: Asemblea de alumnas e alumnos do CSM de A Coruña; Asemblea de alumnas e alumnos do ECRBC de Galicia; Asociación de alumnos e alumnas do CSM de Vigo; Asociación de alumnos e alumnas da ESAD de Galicia; CIG Ensino, Confederación Intersindical Galega; Comisións Obreiras. Federación do Ensino de Galicia; Conservatorio Superior de Música de Vigo; Conservatorio Superior de Música de A Coruña; Escola Superior de Arte Dramática de Galicia; Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia; FETE-UGT Galicia; STEG, Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galicia; Asemblea aberta de nais e pais en apoio da Plataforma pola Incorporación á Universidade das EEAASS.

 

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

not 26929 |

AAAG denuncia falta de transparencia e presuntas irregularidades no CDG

oaloumincc83o |

O aloumiño dunha estrela